Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 19 de maio de 2016 Páx. 19334

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2016 pola que se convoca a provisión, polo procedemento de libre designación, do posto de xefe/a do Servizo de Xestión e Servizos Xerais.

De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como no artigo 3 da Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG núm. 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo) polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, pola Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e o Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 197, do 15 de outubro),

RESOLVO:

Convocar, para a súa cobertura polo procedemento de libre designación, a provisión do posto de xefe/a do Servizo de Xestión e Servizos Xerais da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, de conformidade coas bases que se achegan como anexo I.

As solicitudes de participación presentaranse no modelo que se achega como anexo II.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016

María Luisa López García
Directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

ANEXO I
Bases
Xefe/a do Servizo de Xestión e Servizos Xerais

Primeira. Obxecto, funcións e retribución do posto de traballo

A presente convocatoria ten por obxecto a provisión do posto de xefe/a do Servizo de Xestión e Servizos Xerais da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, polo procedemento de libre designación.

As características e funcións do posto convocado son as que se sinalan no anexo III.

As retribucións serán as que correspondan en aplicación das ordes anuais da Consellería de Facenda polas que se diten as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Segunda. Sistema de selección

A selección do/a aspirante ao posto convocado levarase a cabo, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e da Orde do 24 de maio de 2006, pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, polo procedemento de libre designación.

Terceira. Requisitos para participar na convocatoria

Poderán participar na presente convocatoria os interesados que na data de finalización do prazo para a presentación de solicitudes posúan a condición de persoal estatutario de xestión e servizos con vínculo de fixeza e que se atopen en situación de servizo activo nalgunha das categorías correspondentes ao grupo de clasificación A.

Cuarta. Solicitudes e documentación

Os interesados en participar na convocatoria deberán presentar solicitude dirixida á Dirección da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, segundo o modelo de instancia que se xunta como anexo II, que estará á súa disposición nos puntos de atención ao traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos e na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación acreditativa dos requisitos e méritos do interesado:

1. Documento de identificación: fotocopia do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade, debidamente compulsados.

2. Copia compulsada do nomeamento como persoal estatutario fixo ou certificación acreditativa de tal condición expedida polo Servizo de Saúde correspondente.

3. Certificación acreditativa expedida polo/s servizo/s de saúde correspondente/s, de encontrarse o solicitante en situación de servizo activo con vínculo de fixeza nalgunha das categorías dos grupos de clasificación A.

4. Currículo profesional, cos méritos que se aleguen, que incluirá a documentación orixinal ou a súa copia compulsada (titulación académica, anos de antigüidade, servizos prestados nas distintas administracións públicas, estudos e cursos realizados e impartidos, e outros méritos ou circunstancias que consideren oportuno poñer de manifesto).

Os documentos orixinais que achegasen os aspirantes para acreditaren en os seus méritos seranlles devoltos ao remate do proceso selectivo.

Toda a documentación indicada achegarase necesariamente xunto coa solicitude para participar na convocatoria e non será en ningún caso susceptible de emenda posteriormente.

No caso de insuficiente acreditación dos requisitos de admisibilidade exixidos na convocatoria, poderá emendarse no prazo que estableza a lista provisoria de admitidos e excluídos, de conformidade co establecido na base sexta.

Quinta. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Será causa de inadmisión no citado procedemento de provisión a presentación extemporánea da solicitude polo interesado.

As solicitudes presentaranse, xunto coa documentación achegada sinalada na base cuarta, preferentemente no Rexistro da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita na avenida Monte da Condesa, s/n, 15706 Santiago de Compostela e nos demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación relativa ao currículo profesional a que se refire a base anterior deberá ser rexistrada logo do acceso ao expediente-e (expediente electrónico do profesional), onde deberá ser validada.

Sexta. Resolución

A convocatoria, cos informes previos que se consideren precisos, será resolta pola Dirección da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, que ditará para tal efecto a resolución correspondente, co nomeamento, de ser o caso, do aspirante seleccionado ou ben coa declaración como deserta da convocatoria, se non concorresen aspirantes idóneos para o desempeño do posto convocado.

A resolución da convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Sétima. Toma de posesión

O/a aspirante seleccionado/da deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición, destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo e por petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Oitava. Avaliación do desempeño da xefatura

O aspirante seleccionado obterá un nomeamento que será obxecto de avaliación cada catro anos para os efectos de apreciar o nivel de rendemento e, cando proceda, do cumprimento dos obxectivos fixados.

O resultado da avaliación determinará a prórroga do nomeamento do profesional ou, de ser o caso, a súa remoción, sen prexuízo do disposto no artigo 56 do Decreto 206/2005, de provisión de postos de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Novena. Cesamento

Os profesionais seleccionados para o desempeño dos postos convocados poderán ser destituídos pola Dirección da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, de conformidade no artigo 56 do Decreto 206/2005, de provisión de postos de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Décima. Recursos

Contra a resolución pola que se resolva a convocatoria poderá interpoñerse, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décimo primeira. Norma derradeira

A publicación dos actos e da resolución que se diten na tramitación deste procedemento realizarase no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, nos puntos de atención ao traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos, na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es)

No non previsto na presente convocatoria aplicaranse supletoriamente as disposicións contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file

ANEXO III
Puesto de Xefe/a do Servizo de Xestión y Servizos Xerais da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Denominación do posto

Xefe/a do Servizo de Xestión e Servizos Xerais

Número de postos convocados

Un

Características

O posto convocado está adscrito á Dirección da Axencia.

Funcións do posto

• Elaboración de informes, estudos, memorias estatísticas e cadros de mando da Dirección, en relación coa actividade competencia da Dirección.

• En coordinación coa Dirección, definir as necesidades, obxectivos e a planificación da actividade do servizo.

• Promover actuacións encamiñadas á eficiencia na xestión do servizo, optimizando e mellorando os sistemas de información dese servizo.

• Deseño e seguimento de procedementos de auditoría interna da actividade na materia do seu servizo.

• Formar, planificar, programar e coordinar a actividade do persoal do servizo.

• Participar en grupos de traballo e comisións en materia relacionada co seu servizo.

• As demais funcións e requirimentos que lle asigne a Dirección da Axencia no ámbito das súas competencias.

Retribucións do posto

As que se especifiquen para o posto convocado nas sucesivas ordes de confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica, ditadas pola Consellería de Facenda ou órgano competente.