Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 18 de maio de 2016 Páx. 19203

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 10 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas, mediante proxectos de aforro e eficiencia enerxética na Administración local, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

BDNS (Identif.): 306299.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Entidades locais de Galicia.

Segundo. Obxecto

Apoiar proxectos de aforro e eficiencia enerxética que se executen en edificios da Administración local e nas instalacións de iluminación pública exterior existentes dependentes desa Administración.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 10 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas, mediante proxectos de aforro e eficiencia enerxética na Administración local, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Cuarto. Contía

1. A contía global da convocatoria é de 3.490.791,87 euros. Este crédito está financiado con fondos propios, que ascenden a 1.490.791,87 €, e con fondos do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, que ascenden a 2.000.000,00 €, dos cales o 75 % procede do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da medida 7 «Actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos e renovación de poboacións nas zonas rurais», e da submedida 2 «Creación, mellora e expansión de infraestruturas a pequena escala, incluíndo enerxía renovable e aforro enerxético», un 7,50 % procede dos orzamentos xerais do Estado e un 17,50 % dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

2. A intensidade da axuda será o 75 % do custo elixible do proxecto, sempre e cando non se superen os límites de axuda máxima establecidos nos puntos seguintes.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

3. A contía máxima da axuda por liña de subvención, é dicir, por tipoloxía de proxecto, será de 50.000 €, independentemente do número de solicitudes que o solicitante presente para esa liña de subvención. Así, cando un concello presente varias solicitudes dentro da mesma liña, a axuda acadará o 75 % do custo elixible para cada solicitude, cun máximo total de 50.000 € por liña de actuación.

4. Establécese tamén un límite máximo de axuda por concello de 60.000 euros no conxunto das tres liñas/tipoloxías.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras. O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e na páxina web do Inega, www.inega.es

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia