Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 16 de maio de 2016 Páx. 18894

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 28 de abril de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento por parte das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 305955.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvoltos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de abril de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento por parte das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de 325.000 euros (130.000 euros no ano 2016 e 195.000 euros no ano 2017), que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.481.0.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto. En ningún caso a subvención concedida poderá superar os 35.000 €. Para proxectos que se executen só durante o ano 2016, a subvención máxima concedida será de 25.000 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 45.000 euros. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2016, a subvención máxima concedida será de 35.000 euros.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2016 e o 60 % no ano 2017.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2016

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza