Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 9 de maio de 2016 Páx. 17228

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2016 o programa de axudas para a participación no programa Aventúrate con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno a Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa Aventúrate con Galicia para o ano 2016, que ten por finalidade facilitar aos mozos e mozas da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2016.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Co fin de lograr a efectiva difusión desta convocatoria para vindeiros anos e co obxecto de garantir a transparencia na organización e xestión pública (artigo 2.a) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), de proporcionar e difundir información constante, veraz, obxectiva e clara sobre a actuación do sector público, recolleranse experiencias e mesmo fotografías das instalacións e das persoas participantes, que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais e publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como en páxinas web da Secretaría Xeral da Emigración, así coma da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Lugar de realización, número de prazas convocadas e características

O programa Aventúrate con Galicia desenvolverase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nas seguintes modalidades de campamento:

1. Actividades no mar-Gandarío: convócanse 20 prazas, que se realizarán no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

2. Actividades de natureza-ambiente e mar: convócanse 20 prazas que se realizarán no Albergue Xuvenil de Area (Viveiro), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

3. Actividades de aventura T: convócanse 10 prazas que se realizarán no Campamento Xuvenil de Chacotes (Palas de Rei) dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Estas actividades van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos de idade e serán realizadas xunto con mozos e mozas residentes en Galicia participantes da campaña de verán que convoca a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

As datas de realización destas actividades serán as comprendidas entre os días 17 e 28 de xullo de 2016.

3. A Consellería de Política Social colaborará na execución deste programa e porá á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas.

4. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do seguro de estadía en Galicia, así coma do desprazamento das persoas beneficiarias das actividades desde os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres desde a instalación asignada ata os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de saída en Galicia de todas as persoas participantes que realicen o retorno ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade de campamento.

5. Cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia. Igualmente realizará as xestións necesarias para a saída e a entrada ao país (visados, pagamento de taxas...). Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe a Galicia.

No caso de que a persoa participante non retorne ao seu lugar ou país de orixe ao rematar a actividade, será responsabilidade dos seus pais, titores legais ou familia en Galicia facérense cargo dela, e deben recollela o día do remate da actividade nas instalacións do campamento correspondente e facerse cargo do seu traslado ao aeroporto, estación de tren ou de autobuses o día de retorno ao seu lugar ou país de orixe.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou seren descendente de persoa emigrante galega.

c) As persoas participantes deberán ter, o 30 de xuño de 2016, unha idade comprendida entre os 14 e os 17 anos.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.es/chave365 ).

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Na súa solicitude, as persoas interesadas optarán unicamente por unha das modalidades ofertadas.

4. O modelo normalizado de solicitude tamén poderá obterse na páxina web http://emigracion.xunta.es .

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Documentación

1. A solicitude irá acompañada da documentación que a seguir se relaciona:

a) Documentación acreditativa da identidade e da nacionalidade.

DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade da persoa solicitante.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

c) Unha fotografía recente tamaño carné.

d) Para as persoas participantes procedentes do resto de España, un certificado de residencia.

e) Un certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo II, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

f) Unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxaren sós e para a súa asistencia á actividade conforme o modelo que figura como anexo III.

g) As persoas solicitantes que non retornen ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade de campamento deberán presentar unha autorización asinada polos seus pais ou titores legais, segundo o modelo que figura como anexo III, na cal se indique a persoa en Galicia que se encargará de recollela o día de remate da actividade na instalación de campamento correspondente e do seu desprazamento ao aeroporto, estación de tren ou de autobuses o día de retorno ao seu lugar ou país de orixe.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Tramitación, procedemento e réxime de concesión

1. A ordenación e instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 40 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración ( http://emigracion.xunta.es ), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais ( http://emigracion.xunta.es ) para formularen as alegacións que consideren oportunas e para emendaren a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidas da súa petición e procederase ao arquivamento do seu expediente nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración ( http://emigracion.xunta.es ), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.

5. A selección final de persoas beneficiarias realizarase por sorteo público.

Publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web ( http://emigracion.xunta.es ), as persoas interesadas que queiran modificar as datas de retorno disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

6. As persoas solicitantes admitidas e que non sexan seleccionadas no sorteo pasarán a unha lista de reservas na orde resultante do sorteo, e poderán substituír aquelas seleccionadas que renuncien á praza, nas condicións que determine a Secretaría Xeral da Emigración, para non prexudicar o normal desenvolvemento do programa.

7. Este programa de axudas queda condicionado á programación e as condicións que para este tipo de actividades elabore e publique a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social na súa páxina web www.xuventude.net .

8. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

9. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos/as das delegacións, no caso de Arxentina e Uruguai e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedoras da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no punto 2 serano pola comisión de avaliación indicada no punto 1 e tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considerar necesario, poderá encargar informes socioambientais, que deberán realizar profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar á desestimación da solicitude.

5. Unha vez examinados os expedientes polas comisións previstas nos puntos anteriores, a comisión de avaliación citada no punto 1 elaborará unha proposta de concesión que será elevada polo órgano instrutor á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, para a súa resolución.

6. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na páxina web ( http://emigracion.xunta.es ) a relación de persoas beneficiarias, que tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.

Artigo 9. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto, as recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Estas normas de obrigado cumprimento serán as detalladas e ditadas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

3. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

4. No caso de baixa ou renuncia ao programa, as persoas beneficiarias deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos no artigo 5, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias. Incluirá igualmente as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que lle poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 12. Financiamento

1. Para a realización destas actividades resérvase inicialmente un crédito de 10.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016. A dita contía poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

– Seguro de estadía en Galicia de todas as persoas beneficiarias deste programa.

– Importes dos desprazamentos terrestres de todas as persoas participantes desde os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de chegada a Galicia ata os albergues ou campamentos xuvenís onde se van realizar as actividades.

– Importe dos desprazamentos terrestres desde os albergues ou campamentos xuvenís ata os aeroportos ou estacións de tren ou de autobuses de saída en Galicia de todas as persoas participantes que realicen o retorno ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade de campamento correspondente.

3. Cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares ou países de residencia. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe a Galicia.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.es .

Artigo 14. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2016

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file