Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 9 de maio de 2016 Páx. 17759

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 25 de abril de 2016 polo que se fai público o documento para información pública da anulación da conexión PO-551–VG-4.5 incluída dentro do proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña (clave PO/07/220.01).

Antecedentes:

1. En xullo do ano 2012 a directora da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña.

2. No mesmo mes de xullo do ano 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se somete ao trámite de información pública o proxecto antes citado.

3. En marzo do ano 2014 a directora da Axencia Galega de Infraestruturas resolve aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e impacto ambiental, deixando sen efecto o treito da variante de Moaña e a conexión PO-313 – VG-4.5 (Sabaceda) pero mantendo a variante de Cangas e a conexión PO-551 – VG-4.5 (Tirán).

4. En maio do ano 2014 interpuxéronse recursos de reposición ao proxecto aprobado, que recibiron informe desfavorable.

5. Aínda que o recurso de reposición recibiu informe desfavorable, se se suprimise a conexión, non tería unha incidencia directa sobre a rede autonómica. Do expediente dedúcese que esta actuación podería ter un carácter local, no ámbito territorial da confluencia dos concellos de Cangas e Moaña. Así mesmo, mantense o desacordo con diversas asociacións e veciños de Moaña, así como a oposición unánime da corporación do Concello de Moaña. Por todo isto, redáctase un documento para información pública que propoña a supresión da conexión, e que permita valorar a través dun proceso de información pública o carácter supramunicipal desta actuación, incorporando ao procedemento a consideración tanto dos afectados como dos posibles usuarios.

Por todo o exposto, e de conformidade co establecido no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, faise público o documento para información pública da anulación da conexión PO-551 – VG-4.5 incluída dentro do proxecto de trazado e impacto ambiental das variantes de Cangas e Moaña (clave PO/07/220.01).

Este documento pódese consultar na ligazón http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas, e nas dependencias da Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (rúa Fernández Ladreda, 43-1º-4º, 36071 Pontevedra), no Concello de Cangas (avenida de Castelao, 2, 36940 Cangas-Pontevedra) e no Concello de Moaña (rúa das Barxas, 2, 36950 Moaña-Pontevedra).

O documento de anulación referido sométese ao trámite de información pública e ao informe das administracións afectadas durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2016

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas