Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 4 de maio de 2016 Páx. 16570

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ordenada pola Resolución do 18 de abril de 2016, para a xestión da formación dos membros do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia.

En cumprimento do artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a dar publicidade á encomenda de xestión á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ordenada por Resolución do 18 de abril de 2016, coas seguintes características:

1. A actividade obxecto de encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é a xestión das actividades formativas en que vaian participar os membros do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia. Estas actividades formativas deben estar enmarcadas dentro da bioética, do dereito sanitario ou da biomedicina. Ademais, dada a recente aceptación dos expedientes de ensaios clínicos en lingua inglesa, incorporada no Regulamento (CE) nº 536/2014 e no Real decreto 1090/2015, tamén se considerará adecuada a asistencia a actividades formativas para a mellora das competencias lingüísticas para a xestión dos ditos expedientes.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, en virtude da habilitación prevista nos artigos 40 e 41 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, é unha axencia pública autonómica pertencente ao grupo de entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co previsto no artigo 1.2 dos seus estatutos, a Axencia atópase adscrita á Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, e posúe personalidade xurídica propia, así como tamén patrimonio e tesouraría de seu, e autonomía na súa xestión.

3. A presente encomenda producirá efectos a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e manterase ata o 31 de decembro de 2016.

Sen prexuízo do anterior, a presente encomenda entenderase prorrogada por períodos anuais condicionados á existencia de crédito orzamentario suficiente e adecuado.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2016

Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade