Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 4 de maio de 2016 Páx. 16568

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de abril de 2016 pola que se determinan os servizos mínimos, na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, durante a folga que afectará o sector do Contact Center (antes telemárketing) o día 6 de maio.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales está a sanidade.

O exercicio público das funcións en materia de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical Confederación Xeral do Traballo (CGT) convocou unha folga de ámbito estatal que afectará o sector do Contact Center (antes telemárketing). A folga desenvolverase o día 6 de maio nos seguintes tramos horarios: das 00.00 ás 01.00 horas; das 11.30 ás 12.30 horas; das 17.30 ás 18.30 horas. Entre o colectivo chamado á folga figura persoal da empresa GSS, que desempeña o seu traballo na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1.

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

Polas características do servizo dispensado, resulta imprescindible a prestación de servizos do 100 % do persoal habitual nos tramos horarios afectados pola folga, pois a carga de traballo, ao longo de toda a xornada, dimensiónase periodicamente para dar cobertura ás necesidades consideradas en materia de urxencia e emerxencia sanitaria, que en ningún caso poden quedar desasistidas. Noutro caso poderían producirse graves prexuízos á cidadanía.

En consecuencia, tómase o 100 % das presenzas habituais como criterio reitor para determinar os servizos mínimos.

Artigo 2.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao personal designado.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade