Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15849

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de abril de 2016 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono Concilia, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Plan de dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, recolle como un dos seus obxectivos estratéxicos o de ampliar e consolidar as medidas para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, constituíndo unha das súas medidas prioritarias a promoción e a diversificación dos servizos de atención á infancia.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é igualmente unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo. Dentro da área de conciliación deste programa atópase o Bono Concilia, unha axuda económica directa ás familias para colaborar no pagamento dunha praza nunha escola infantil privada da súa elección naqueles casos de nenos ou nenas que queden en lista de espera nas escolas infantís públicas ou financiadas con fondos públicos, ou residan en localidades en que non existen prazas públicas.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro) e ao regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo). Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención de nenas e nenos de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono Concilia, e proceder á súa convocatoria para o curso 2016/17.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns catrocentos oitenta e nove mil douscentos euros (3.489.200 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades. Corresponden 1.268.800 euros á parte do curso 2016/17 que se desenvolve en 2016 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2017.

2. O crédito dispoñible desconcentrarase entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do que resulte da aplicación dos criterios de adxudicación establecidos no artigo 12 desta orde.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

a) Ter unha nena ou un neno nacida ou nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2013.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

b.1. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2016/17 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono Concilia.

b.2. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2016/17 exercendo a opción do programa Bono Concilia e cando, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as os/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

b.3. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2016/17 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

b.4. Ter obtido axuda do programa Cheque infantil no curso 2015/16 e solicitar para a mesma nena ou neno o abeiro do Bono Concilia.

b.5. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

c) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas ou entes privados que, en concorrencia coa regulada nesta orde, supere o custo da praza.

d) Escolarizar o neno ou a nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2012).

2. Para os efectos desta orde, enténdense por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

Artigo 4. Tipo de axuda e contía

1. A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses.

2. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo co cadro seguinte, e non poderá superar en ningún caso o custo da praza:

Tramo de renda per cápita

Xornada completa

Media xornada

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Inferior ao 30 % do IPREM

De 0 a 159,74 €

180,00 €

250,00 €

90,00 €

125,00 €

Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM

De 159,75 a 266,25 €

180,00 €

233,00 €

90,00 €

116,50 €

Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM

De 266,26 a 399,37 €

147,00 €

200,00 €

73,50 €

100,00 €

Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM

De 399,38 a 532,50 €

115,00 €

159,00 €

57,50 €

79,50 €

Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM

De 532,51 a 665,63 €

75,00 €

109,00 €

37,50 €

54,50 €

Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM

De 665,64 a 798,76 €

55,00 €

74,00 €

27,50 €

37,00 €

Entre o 150 % do IPREM e 1.000 €

De 798,77 a 1.000 €

45,00 €

51,00 €

22,50 €

25,50 €

Superior a 1.000 €

45,00 €

45,00 €

22,50 €

22,50 €

3. Enténdese por servizo de comedor o definido no artigo 26 do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Este servizo comprenderá o xantar, que será prestado por persoal do propio centro ou contratado con tal fin (servizo de catering), e incluirá en todo caso os alimentos.

4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Artigo 5. Renda per cápita mensual

1. Para os efectos de determinación da contía da axuda, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e:

– As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/da pai/nai, vivan de xeito independente.

– As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

– As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente o 31 de decembro do ano 2014.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2014, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a dita unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

2. Cando as circunstancias na data da devindicación do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude da axuda, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo.

3. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles á que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas que se atopen nos supostos recollidos nos puntos b.1., b.2. e b.3. do artigo 3 desta orde optarán automaticamente ao programa do Bono Concilia desde o momento en que formen parte das correspondentes listas de agarda definitivas, sen ter que presentar a solicitude regulada nesta orde.

2. De non atoparse nos supostos previstos no punto anterior, deberá presentarse unha solicitude, segundo o modelo oficial do anexo I desta orde, e marcar a opción de renovación da axuda ou de nova solicitude segundo corresponda.

Os impresos de solicitude estarán dispoñibles na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, así como no enderezo electrónico http://benestar.xunta.es

3. Xunto coa solicitude achegarase, ademais, a seguinte documentación:

a) Anexo II, agás que a familia estea a cargo dunha soa persoa adulta.

b) Copia do DNI da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso. Só no suposto de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Copia da declaración do IRPF correspondente ao ano 2014 da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta, e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso, só no caso de non autorizar a consulta dos datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Copia do libro de familia ou, no seu defecto, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

e) Certificado de discapacidade e/ou do grao de dependencia do neno ou nena para quen se solicita a axuda, de ser o caso, só no suposto de non autorizar a súa consulta ou cando non forá expedido pola Comunidade Autónoma galega.

f) Informe emitido polo equipo de valoración e orientación da xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social sobre a necesidade de integración na escola infantil, no caso dos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

g) Copia da resolución administrativa de acollemento, de ser o caso, só no suposto de non prestar autorización para a súa consulta ou cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

h) Xustificación de ocupación ou de desemprego actualizada:

– No caso de persoas traballadoras por conta allea: copia da última nómina, certificación de empresa ou vida laboral.

– No caso de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas: copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos ou da correspondente mutualidade.

– No caso de persoas desempregadas, certificación de ser demandante de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

i) Se procede, outros documentos nos cales consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

– Certificado de discapacidade e/ou do grao de dependencia da nai/pai, acolledor/a ou do/da titor/a legal. Só no caso de non autorizar a súa consulta ou cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de discapacidade e/ou do grao de dependencia doutros membros da unidade familiar, de ser o caso. Só no caso de non autorizar a súa consulta ou cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, no caso de familia monoparental.

– Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia ou de que non se autorice a súa consulta.

j) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia dela autenticada pola/o secretaria/o xudicial.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

3. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se dará por desistida na súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 7. Obrigas das escolas infantís sostidas con fondos públicos con lista de agarda

1. As escolas infantís sostidas con fondos públicos que teñan en lista de agarda solicitudes que optaran polo Bono Concilia ou polo extinto programa do Cheque infantil, deberán remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social, con data límite do 20 de xuño, a seguinte documentación:

– Un arquivo informático coas solicitudes en lista de agarda.

– Unha certificación da puntuación acadada por estas solicitudes.

– O anexo III da Resolución do 18 de febreiro de 2016 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais (DOG do 24 de febreiro), cuberto polas persoas solicitantes.

O arquivo informático e o modelo de certificación sinalados atópanse dispoñibles na páxina web http://benestar.xunta.es

2. De non presentar a documentación sinalada no prazo establecido, non se tramitarán estas solicitudes, agás que se esgote a lista do resto de persoas candidatas ao Bono Concilia.

Artigo 8. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde teña o seu domicilio a persoa solicitante. Presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, xa mencionados.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia ca os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, xa citada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

2. O prazo para a presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Con carácter excepcional poderán presentar solicitudes fóra do prazo establecido nesta orde aquelas familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas cales se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena/o con posterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á Consellería de Política Social para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizada a consellería para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. Para a comprobación dos datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, a persoa solicitante deberá dar o seu consentimento á Consellería de Política Social para a súa obtención da AEAT, para o cal deberá cubrir a epígrafe correspondente da solicitude. No caso de non prestar o consentimento deberá achegar copia da declaración do IRPF ou certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2014. Para estes efectos, o/a cónxuxe ou parella deberá presentar o anexo II debidamente cuberto e asinado. No caso de non prestar autorización, a persoa interesada achegará, xunto coa solicitude, copia da declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2014.

4. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización á Consellería de Política Social para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde aos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se darán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria, agás os supostos establecidos no artigo 8.3.

Artigo 11. Comisión de Valoración

Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A Comisión rexerase polo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

– Presidencia: a persoa titular do Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da correspondente xefatura territorial da Consellería de Política Social, ou persoa que a substitúa.

– Vogais: tres persoas empregadas públicas e as súas respectivas suplentes, nomeadas pola persoa titular da xefatura territorial competente na materia, unha das cales exercerá a secretaría da comisión.

A esta comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, unha persoa en representación da Intervención territorial correspondente.

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes

1. As comisións de valoración comprobarán que as persoas solicitantes reúnen os requisitos establecidos no artigo 3 e, unha vez valoradas as solicitudes, emitirán un informe no cal conste a relación priorizada de persoas beneficiarias da súa provincia, a contía da axuda e a puntuación obtida, de ser o caso, segundo os seguintes criterios:

a) Solicitudes de axuda para nenas e/ou nenos procedentes da escola infantil Santa Susana que non renovaron para a escola infantil de Vite nin obtiveron unha praza concertada.

b) Solicitudes de renovación da axuda no curso 2016/17.

c) Solicitudes de concellos nos cales non exista ningún recurso de atención á infancia 0-3. Estas solicitudes serán avaliadas conforme o baremo publicado como anexo V só no caso de non existir crédito suficiente para atendelas na súa totalidade.

d) Resto de solicitudes que serán valoradas de acordo co antedito baremo.

2. O Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da xefatura territorial correspondente elevará o informe xunto coas propostas de resolución ao órgano competente para resolver e proporá a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola persoa interesada, poránselle de manifesto para que, no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e as xustificacións que coide pertinentes, de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes que non obtivesen axuda pasarán a formar parte dunha lista de agarda segundo a orde de puntuación obtida en aplicación do baremo. Tamén formarán parte desta lista as solicitudes de praza nunha escola infantil 0-3 da rede pública autonómica presentadas fóra de prazo ao abeiro do previsto no artigo 3.2.b) da Resolución do 18 de febreiro de 2016 que, non obtendo a dita praza, marcaran a opción ao programa Bono Concilia.

4. Con posterioridade á primeira proposta poderanse realizar novas propostas de concesión de axudas, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e respectando a orde da lista de agarda, sen necesidade de que se reúna de novo a Comisión de Avaliación.

5. A persoa que rexeite a axuda concedida polo procedemento establecido nesta orde, quedará excluída da lista de agarda a que se refire o número anterior, así como da lista de agarda da escola pública, agás neste último suposto cando a renuncia estea motivada polo cambio substancial das condicións en que se concedeu a dita praza.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, corresponde, por delegación, ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante. O seu contido seralles notificado ás persoas interesadas de acordo co establecido no artigo 58.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses contados desde o día seguinte á data da publicación da presente orde, transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse rexeitadas.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interporse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda rexeitada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo poderá interporse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda rexeitada. Neste caso non poderá interporse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. En todo caso, a escolarización nunha praza de custo inferior á axuda concedida dará lugar á modificación da resolución e á minoración da contía no importe correspondente.

2. De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tamén poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Unha vez concedida a subvención, unicamente se pode variar o tipo de servizo subvencionado con base nas seguintes circunstancias, sobrevidas e xustificadas documentalmente:

a) Pasar á situación de desemprego ou outros motivos de carácter laboral.

b) Enfermidade grave das/dos nais/pais ou representantes legais.

c) Situación de nulidade, separación ou divorcio.

Artigo 16. Pagamento e xustificación da axuda

1. Notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de quince días naturais para achegar á xefatura territorial correspondente:

– Orixinal ou copia cotexada do xustificante de matrícula do centro onde vai acudir a nena ou neno (anexo IV), no cal deberá constar a data de comezo no centro, o horario de asistencia e o importe da mensualidade desagregada por conceptos.

– Declaración de axudas para o mesmo concepto, coa indicación da súa contía no caso de percibir algunha (anexo III). No suposto de producirse algunha variación respecto do declarado, deberá comunicarse á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato.

Así mesmo, de non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente na que se debe ingresar a axuda.

2. O importe da axuda aboarase ás familias con carácter mensual.

3. O pagamento, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden e das comprobacións necesarias por parte da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social, realizarase logo da presentación da seguinte documentación:

– Orixinal ou copia cotexada da factura mensual emitida polo centro, con indicación da cota aboada e dos servizos aos que corresponde. Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente entre os días 10 e 20 do mes a que se refire o servizo.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007 e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 18. Baixas

Será causa de baixa no programa do Bono Concilia, o que levará consigo a perda da axuda, calquera das circunstancias seguintes:

1. Non presentar o documento acreditativo de ter efectuada a matrícula no centro elixido.

2. Non presentar a documentación xustificativa relacionada no punto 3 do artigo 16.

3. A falta de asistencia continuada ao centro durante 15 días sen causa xustificada.

Artigo 19. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto, ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007 e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 20. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es

Disposición adicional primeira. Solicitantes con dereito á renovación de praza na escola infantil Santa Susana

O alumnado escolarizado na escola infantil Santa Susana durante o curso escolar 2015/16 con dereito á renovación de praza, para o cal non se solicitase ou obtivese outra praza pública ou concertada, terá dereito a axuda do programa Bono Concilia sempre que a solicite.

Disposición adicional segunda. Promoción do dereito á escolarización de irmáns/ás no mesmo centro

Ás familias que teñan un fillo ou filla que renove a axuda do programa Cheque infantil para o curso 2016/17 e obteñan praza nunha escola pública para un irmán ou irmá tendo marcado a opción do Bono Concilia na súa solicitude, daráselles directamente a posibilidade de optar ao dito bono para que poidan escolarizar todos os fillos/as no mesmo centro.

Disposición adicional terceira. Límite orzamentario

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional quinta. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional sexta. Publicidade

1. As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Non obstante o anterior, en cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file