Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2016 Páx. 15397

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2016, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, á instalación eléctrica liña de media tensión derivada Macedo, no concello de Palas de Rei (expediente 004/2014 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira, 2, Velle (Ourense), aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 4 de abril de 2014, a citada empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica liña de media tensión derivada Macedo, no concello de Palas de Rei, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante Resolución desta xefatura territorial do 10 de novembro de 2015. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 3 de marzo de 2016, no BOP de Lugo do 12 de de decembro de 2015 e no DOG do 1 de decembro de 2015, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Palas de Rei. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, infórmase polos referidos servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan dos decretos 129/2015, do 8 de outubro (DOG núm. 194, do 9 de outubro) e 175/2015, do 3 de decembro (DOG núm. 232, do 4 de decembro) polos que se crea e se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e tendo en conta o Decreto 36/2001, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, correspóndelle resolver sobre a presente solicitude.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 24/2013 e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada liña de media tensión derivada Macedo, no concello de Palas de Rei, coas seguintes características técnicas principais:

– Liña de media tensión aérea a 20 kV con orixe no apoio existente na liña de media tensión ao centro de transformación Macedo-Cuíña con derivación ao centro de transformación Carballal e final no centro de transformación Macedo-Cuíña, cunha lonxitude de 966 metros en condutor tipo LA-56, tensado sobre apoios de formigón.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica liña de media tensión derivada Macedo visado o día 11 de marzo de 2014 co número 20140584, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e asinado polo enxeñeiro industrial Burkard Hecht Elorduy, colexiado número 2633.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no xornal La Voz de Galicia do 3 de marzo de 2016, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 12 de decembro de 2015 e no Diario Oficial de Galicia do 1 de decembro de 2015, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Palas de Rei. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial de Economía, Emprego e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto liña de media tensión derivada Macedo presentado pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar, e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 5 de abril de 2016

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo