Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2016 Páx. 15321

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 46/2016, do 14 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de mellora da seguridade viaria do acceso do polígono de Sequeiros no p.q. 8+250 da estrada PO-531 (concello de Barro), de clave PO/16/002.06.

Antecedentes:

O 17 de febreiro de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 32) o Anuncio do 5 de febreiro de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora da seguridade viaria do acceso do polígono de Sequeiros no p.q. 8+250 da estrada PO-531 (concello de Barro), de clave PO/16/002.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente e tras a análise dos informes e certificacións presentadas, o 31 de marzo de 2016 asínase a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado de mellora da seguridade viaria do acceso do polígono de Sequeiros no p.q. 8+250 da estrada PO-531 (concello de Barro), de clave PO/16/002.06.

O mencionado proxecto de trazado ten por obxecto a construción dunha glorieta na estrada PO-531, á altura do p.q. 8+250, así como dos ramais de conexión. Prevese tamén a execución de beirarrúas, habilitación de zonas para o bus, reforzo do firme, renovación da drenaxe lonxitudinal, reposición e mellora da iluminación pública e a reposición da sinalización viaria e barreiras de seguridade.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada porque, na vía obxecto do proxecto, a estrada PO-531 (Pontevedra-Baión), existen situacións de risco e de inseguridade viaria, ao tratarse dunha zona cunha intensidade media de tráfico moi alta e densamente poboada.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de abril de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado de mellora da seguridade viaria do acceso do polígono de Sequeiros no p.q. 8+250 da estrada PO-531 (concello de Barro), de clave PO/16/002.06.

Santiago de Compostela, catorce de abril de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda