Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2016 Páx. 15029

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 18 de abril de 2016 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 29 de xaneiro de 2016, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

A Orde da Consellería do Medio Rural do 29 de xaneiro de 2016 (DOG nº 20, do 1 de febreiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2016, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Na súa disposición adicional primeira precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas.

Na disposición adicional segunda, sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título II da orde, relativas aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, posto que a dotación existente resulta insuficiente, a Consellería de Facenda autorizou un expediente de ampliación de crédito por importe de 153.403.634,20 euros e unha incorporación de crédito por importe de 18.271.354,80 euros, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de crédito

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título II da Orde do 29 de xaneiro de 2016 (DOG nº 20, do 1 de febreiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea b) da dita orde, increméntase no importe de 171.674.989,00 euros, e con cargo á aplicación 13.80.713F.779.1, primas gandeiras, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, polo que o importe total para as axudas desta alínea e desta aplicación orzamentaria, despois deste incremento é de 215.391.408,00 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 29 de xaneiro de 2016 (DOG nº 20, do 1 de febreiro).

Artigo 3. Recursos

A presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada potestativamente en reposición no prazo dun mes desde a súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural