Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2016 Páx. 15003

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de abril de 2016 pola que se convoca o programa Xuventude Crea.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da mocidade, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Política Social, en virtude do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Polo exposto, a Consellería de Política Social, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Xuventude Crea.

Por todo isto,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Parte xeral

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Xuventude Crea e proceder á súa convocatoria para o ano 2016 pola Consellería de Política Social e que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda e cociña.

Artigo 2. Destinatarios/as

1. Poderán solicitar a participación os/as mozos ou mozas galegos/as, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2016, agás o establecido no capítulo II segundo cada especialidade.

2. Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

3. Enténdese por profesional, para os efectos da presente disposición, aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta en que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

4. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual.

5. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta disposición, e unicamente a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non acadarse unha participación mínima de dez solicitantes logo de comunicación a estes.

6. A información contida neste artigo debe ser fornecida de acordo co disposto no capítulo II (parte específica).

Artigo 3. Obras e premios

1. Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.

2. As obras presentadas polas persoas participantes non poderán ter sido premiadas, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, noutros certames ou concursos.

3. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente en que, en materia de propiedade intelectual, poidan incorrer as persoas participantes.

4. Establécense os seguintes premios por especialidade (teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda e cociña):

Un primeiro premio de 3.000 €.

Un segundo premio de 1.500 €.

Un terceiro premio de 1.000 €.

O cobramento destes premios queda condicionado á correspondente actuación por parte das persoas premiadas nos lugares que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado enmarcados dentro do Circuíto de Creatividade. Os/as primeiros/as premiados/as realizarán dúas actuacións e os/as segundos/as e terceiros/as unha actuación.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden a suficiente calidade.

5. Cada persoa participante non poderá recibir máis que un premio por especialidade.

6. Estes premios serán complementados de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade.

7. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

8. Entregaranse diplomas a todas as persoas premiadas e ás persoas finalistas.

9. Segundo a calidade das obras poderían ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se repartirá será de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

Artigo 4. Inicio do procedemento: solicitude

1. A solicitude das persoas participantes deberá facerse no impreso de solicitude (anexo I).

2. Esta solicitude irá acompañada:

2.1. Se é o caso, da obra ou da documentación que corresponda de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta. Tanto na obra como na documentación citada non figurarán datos que identifiquen o autor ou autora.

2.2. Dun sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do autor ou da autora, e no que irá o boletín de inscrición (anexo II) debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do DNI polas dúas caras ou de documento oficial que acredite suficientemente a identidade (se a persoa participante é un grupo, será a de todos/as os/as membros do grupo), no caso de que a persoa interesada ou os/as membros do grupo non autoricen expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (no caso de grupos, utilizarase o anexo III).

b) No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

c) Certificado de empadroamento, no caso de que a persoa solicitante interesada ou os/as membros do grupo non autoricen expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (no caso de grupos utilizarase o anexo III).

d) Calquera soporte audiovisual que se envíe (CD, DVD...) deberá ter as óptimas condicións de visionado e gravación.

3. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 30 de xuño de 2016.

2. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, requirirá a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 6. Tramitación: comisión de selección

Constituirase unha comisión de selección, cuxos/as membros serán nomeados/as pola persoa titular da Consellería de Política Social para cada especialidade, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de cinco vogais. Actuará como presidente/a a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e expertos/as de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore, e a secretaría recaerá nun/nunha funcionario/a da Consellería de Política Social con voz pero sen voto.

Na composición da comisión de selección procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

Percibirán axudas de custo, pola súa colaboración, as persoas compoñentes da comisión de selección agás o/a presidente/a.

Os nomes das persoas integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web http://xuventude.xunta.es con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As decisións da comisión de selección serán inapelables.

A proposta de resolución será elevada ao órgano competente para resolver.

Sen prexuízo do disposto no artigo 5 da presente disposición, as solicitudes dos mozos e mozas que non cumpran os requisitos establecidos nesta disposición non serán admitidas a trámite, e ditarase, para o efecto, a oportuna resolución.

As demais solicitudes remitiranse á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, proporá a adxudicación de tres premios por especialidade e redactará a proposta de resolución.

Artigo 7. Resolución

Corresponderalle ditar a resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

A resolución será notificada a todas as persoas solicitantes no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto é expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto é expreso, ou no prazo de seis meses se o acto é presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A relación de premiados/as de cada especialidade será publicada na páxina web http://xuventude.xunta.es

Artigo 8. Destino e devolución das obras

1. As obras das persoas participantes premiadas quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as especialidades incluídas na presente convocatoria.

A presentación a esta convocatoria implicará, no caso de traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado dos dereitos de edición.

O feito de participar nesta convocatoria supón a autorización das persoas participantes, á favor da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se xulgue oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

3. Os autores e as autoras quedarán comprometidos/as a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

4. Nos traballos premiados divulgados polo seu autor/a deberá constar que foi premiado na edición de Xuventude Crea na modalidade correspondente.

5. As obras das persoas participantes non premiadas ou, de ser o caso, calquera outro material presentado no seu lugar deberán ser retiradas por eles/as ou pola persoa autorizada no lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da comisión de selección.

Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que poderá darlles o destino que considere oportuno.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 10. Protección de datos de carácter persoal

De acordo co artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase que os datos recollidos ao abeiro desta disposición, que se consideran exactos e postos ao día, ademais de pertinentes e axeitados, serán incorporados ao ficheiro «Actividades dirixidas á cidadanía», cuxa finalidade é a xestión de todas as actividades dirixidas á cidadanía tales como programas de lecer, actividades de voluntariado, desenvolvemento de actividades culturais, etc. Os datos recollidos non serán cedidos a terceiros agás que algunha lei o prevexa. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. A persoa interesada pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante esta Secretaría Xeral Técnica no enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.es.

CAPÍTULO II
Parte específica

Sección 1ª. Teatro

Artigo 11. Condicións xerais

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade feitos no ano 2016. Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos.

En calquera caso, tanto os/as integrantes da dirección como o do equipo técnico non se verán afectados polo disposto no artigo 2, parágrafo 1 desta disposición.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán:

a) Listaxe das persoas compoñentes do grupo, indicando a idade e a función.

b) Unha síntese da obra (título, autor/a e adaptación dos diálogos, de ser o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa...).

c) DVD dunha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2015.

En todo caso, a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para o seu correcto visionado.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autores ou autoras galegos/as, españois/españolas ou estranxeiros/as.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder unha hora e trinta minutos.

Artigo 12. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 grupos que serán os que representen as obras ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos orixinados polas representacións por un importe máximo de 650 € por grupo.

Sección 2ª. Artes plásticas

Artigo 13. Condicións xerais

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura e escultura.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, adheridas a un folio (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD. No caso de obras escultóricas, as fotografías deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando, a xuízo da comisión, sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

b) Declaración responsable de que a obra presentada non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

c) Ficha técnica da obra en que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura).

Artigo 14. Desenvolvemento

1. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso e, ademais, comunicará o lugar e a data en que terá lugar a exposición, todo isto sen prexuízo do disposto no número 8 deste artigo.

3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe faraa o autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. As pinturas deberán levar marco ou bastidor.

8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 3ª. Fotografía

Artigo 15. Condicións xerais

1. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, adheridas a un folio (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando, a xuízo da comisión, sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

b) Declaración responsable de que a obra presentada non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

c) Ficha técnica da obra en que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais.

Artigo 16. Desenvolvemento

1. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso e, ademais, comunicará o lugar e a data en que terá lugar a exposición, todo isto sen prexuízo do disposto no número 8 deste artigo.

3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe faraa o autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 4ª. Música

Artigo 17. Condicións xerais

1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.

Admitirase que ata un 25 % dos/as compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical coas persoas participantes que se presenten como solistas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Maqueta en CD debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polas persoas compoñentes inscritas, con dous temas, que serán os que avaliará a comisión de selección, e unha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego e, en calquera caso, un dos temas deberá ser en galego, agás que se trate de pezas instrumentais.

b) Ficha técnica en que se detalle o título, duración e autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.

c) Fotografía recente do grupo ou solista.

d) Relación nominal mecanografada das persoas compoñentes do grupo, con indicación da idade e do instrumento que tocan.

e) Letras, se as houber, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.

f) Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado/a.

g) Declaración responsable acreditativa de que a persoa participante dispón dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.

Toda esta documentación deberá presentarse en soporte papel e tamén en CD.

3. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente.

Artigo 18. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 persoas participantes que serán as que actuarán ante esta, no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos ocasionados pola actuación por un importe máximo de 600 € no caso de grupos ou de 300 € no caso de solistas.

2. Para as actuacións da fase final as persoas participantes levarán os seus propios instrumentos, agás a batería, que será proporcionada pola organización.

3. O equipamento técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polo persoal técnico da organización.

Sección 5ª. Relato breve

Artigo 19. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior, as obras deberán presentarse tamén en CD.

Sección 6ª. Poesía

Artigo 20. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior, as obras deberán presentarse tamén en CD.

Sección 7ª. Videocreación

Artigo 21. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. Quedan excluídas deste certame todas as obras que teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O tema será libre, mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha ficha técnica da obra en que se inclúa o título, un breve argumento, a data e o lugar de realización, unha fotografía da videocreación e datos técnicos e artísticos de interese.

5. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora.

En todo caso, a gravación deberá estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para o seu correcto visionado, xa que, en caso contrario, a obra será rexeitada.

6. A duración de cada obra non poderá exceder os 12 minutos.

7. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2015.

8. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado reserva para si o dereito a solicitar ás persoas participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública.

9. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nos medios de comunicación.

Sección 8ª. Banda deseñada

Artigo 22. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 9ª. Graffiti

Artigo 23. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Proxecto orixinal da obra que se vai realizar en formato DIN-A3 (realizado a man e presentado a cor).

b) Fotografías dos graffitis realizados máis recentemente pola persoa solicitante (ou enderezo da internet onde se poidan ver os traballos).

Artigo 24. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 9 persoas participantes, que serán requiridas para realizar un mural de aproximadamente 4 m x 2 m ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos de material por un importe máximo de 350 € por participante individual ou grupo. A selección realizarase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios: deseño, estrutura, tema e colorido (que deberán responder á maior calidade).

2. A xuízo da comisión, será motivo de descualificación a realización de graffitis fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.

Sección 10ª. Deseño de xoias

Artigo 25. Condicións xerais

1. A colección debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiaría, excluíndo a utilización de fornituras compradas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha fotografía de cada unha das 3 xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

As fotografías das xoias deberán presentarse sobre unha folla de álbum de fotos, tamaño Din A-4 e mostrarse na escala máis próxima á real 1:1. Deben estar sen asinar e sen ningunha identificación do autor ou da autora.

b) Na parte posterior da folla do álbum de fotos incluirase unha ficha técnica da colección, onde se explicarán os materiais utilizados e todos os datos que sexan de interese na colección.

Sen prexuízo do anterior, as fotografías das xoias presentaranse tamén en CD.

Artigo 26. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 10 participantes, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, selección de materiais, terminacións e acabamentos, e estas obras exhibiranse ante esta comisión no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, se foron requiridos/as para iso.

Sección 11ª. Moda

Artigo 27. Condicións xerais

1. As coleccións deben ser orixinais.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

b) Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Artigo 28. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para unha exposición ata un máximo de 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco modelos obrigatorios, tendo en conta, preferentemente, os seguintes criterios: creatividade, experimentación formal nos deseños, selección de tecidos, colorido, patronaxe, volumes e texturas, e que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos de material por un importe máximo de 500 € por participante

Sección 12ª. Cociña

Artigo 29. Condicións xerais

1. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

2. Só se admitirá unha receita por participante, sexa individual ou en grupo.

3. A receita presentada por cada participante –individual ou en grupo- pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) A receita, que deberá estar escrita en lingua galega, terá que incluír o título do prato, a relación de ingredientes –avalados, prioritariamente, por algunha das denominacións de orixe de Galicia– e o proceso de elaboración.

b) Unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, adheridas a un folio (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD.

5. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder as 2 horas.

Artigo 30. Desenvolvemento

1. Haberá unha fase semifinal por provincia. A comisión seleccionará un máximo de catro participantes por provincia para a fase semifinal, para que elaboren o prato proposto no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos orixinados para a súa elaboración por un importe máximo de 75 € por participante (individual ou grupo). No caso de que nunha provincia se presenten menos de catro proxectos, a comisión poderá decidir que participen na semifinal desa provincia participantes doutras provincias ata completar os catro proxectos, no caso de que nas outras provincias exceda de catro o número de proxectos presentados.

2. A comisión seleccionará un participante por provincia para participar na fase final, para que elaboren o prato proposto no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

3. Nas dúas fases, semifinal e final, o tempo máximo de elaboración do prato será de 2 horas.

4. Para as dúas fases –provincial e final– as persoas participantes levarán a súa propia vaixela e enxoval, agás a cociña, que será proporcionada pola organización.

5. Para a selección dos pratos propostos a comisión de selección terá en conta, preferentemente, os seguintes criterios: a presentación, a orixinalidade, a innovación, o aroma, o sabor e o emprego de produtos galegos de calidade.

Disposición adicional primeira. Delegación da competencia para resolver

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta disposición.

Disposición adicional segunda. Orzamento

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 12.05.313A.640.0 e 12.05.313A226.06 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, cunha contía de 112.778 euros.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta disposición.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file