Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2016 Páx. 14652

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 13 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020 e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 304018

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou sociedades agrarias de transformación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da media 4, Investimentos en activos físicos, submedida 4.1, Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR351A), así como convocalas para o ano 2016.

Así pois, serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) Maquinaria agrícola.

b) Estudos técnico-económicos de viabilidade.

Non se subvencionarán:

a) A simple reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.

b) O IVE e outros impostos que sexan recuperables.

c) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais, nin máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

d) A maquinaria e os equipamentos de carácter forestal.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 16 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020 e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 3.500.000 euros.

O importe da axuda que se concederá a cada beneficiario será do 40 % dos custos elixibles e poderá alcanzar o 50 % no caso de que a entidade estea localizada nunha zona con limitacións naturais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias