Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2016 Páx. 14373

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2016 pola que se somete a información pública a cancelación e devolución dunhas garantías definitivas presentadas pola empresa Obras, Decoraciones e Instalaciones, S.L. (Odein) para responder das obrigacións derivadas da execución de varias obras.

Portos de Galicia executou as obras que se relacionan a continuación, e a empresa Obras, Decoraciones e Instalaciones, S.L. (Odein) presentou as correspondentes garantías definitivas para responder das obrigacións derivadas das ditas obras.

Debido a que ditas obras xa foron executadas hai anos e que as ditas garantías definitivas xa non teñen obxecto por desaparecer a súa obrigación principal, e para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, sométese a información pública a cancelación e devolución das garantías definitivas que se describen:

– Garantía definitiva por un importe de 2.561.386 pesetas (15.394,24 euros), presentada en valores na delegación de Pontevedra da Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda o 23 de xuño de 1999, co número de rexistro 1049/99, para responder das obrigacións derivadas da obra consistente nun edificio de departamentos para usuarios no porto de Combarro. Obra executada e recibida o 15 de novembro de 2000. Prazo de garantía da obra rematado o 15 de novembro de 2001.

– Garantía definitiva por un importe de 464.982 pesetas (2.794,60 euros), presentada en aval bancario na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda o 2 de agosto de 2000, co número de rexistro 1209/00, para responder das obrigacións derivadas da obra de modificado ás obras do edificio de departamentos para usuarios no porto de Combarro. Obra executada e recibida o 15 de novembro de 2000. Prazo de garantía da obra rematado o 15 de novembro de 2001.

– Garantía definitiva por un importe de 2.274.303 pesetas (13.668,84 euros), presentada en aval bancario na delegación de Pontevedra da Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda o 29 de marzo de 1996, co número de rexistro 219/96, para responder das obrigas derivadas da obra de reparación das lonxas de Vilaboa, Cambados, Portonovo, Cangas, Arcade, Cesantes, Baiona, A Guarda e Vilaboa. Obra executada e recibida o 16 de abril de 1999. Prazo de garantía da obra rematado o día 16 de abril de 2000.

A empresa José Malvar Construcciones, S.L., o 15 de maio de 1996, obrigouse como fiadora da liña de avais, concedidos á empresa Obras, Decoraciones e Instalaciones, S.L., (en diante, Odein, S.L.).

Segundo Borme, Sección I, do 25 de setembro de 2008, nesta data a empresa José Malvar Construcciones, S.L. atópase extinguida e absorbida pola mercantil Sato, Sociedad Anónima Trabajos y Obras, NIF A28030310.

Considerando que desde a finalización das obras de referencia e do seu prazo de garantía non constan incidencias ou reclamacións sobre tales obras; considerando que, polo tanto, a liña de avais prestada por José Malvar Construcciones, S.L. a favor de Odein, S.L. xa cumpriu a súa función de garantía; considerando que Odein, S.L. está liquidada conforme o Rexistro Mercantil de Pontevedra, e sen prexuízo das comunicacións que procedan ao Rexistro Mercantil de Pontevedra previamente á resolución da Presidencia de Portos de Galicia, en canto órgano de contratación das obras garantidas arriba referenciadas, en que acorda a cancelación destas, sométese o expediente de cancelación de avais a información pública por un prazo de vinte días hábiles contados desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia para que calquera interesado poida consultar e alegar por escrito o que considere conveniente ao seu interese.

O expediente estará á disposición na sede central de Portos de Galicia, sita no portal 5A-6º, Área Central-As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, na División de Contratación, en horario laboral das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2016

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia