Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 14 de abril de 2016 Páx. 13564

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2016 pola que se convoca un curso sobre actualización xurídica, económica e de xestión para funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

De acordo co convenio de colaboración subscrito con data do 18 de marzo de 2016, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Consello Xeral do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de España para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de actualización xurídica, económica e de xestión para funcionarios con habilitación de carácter nacional (CV16014),

RESOLVO:

Publicar a convocatoria de un curso sobre actualización xurídica, económica e de xestión para funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional (CV16014) que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Obxectivos

O curso pretende abordar as principais novidades económicas, xurídicas e de xestión no ámbito local e de acordo coa normativa autonómica de Galicia. O obxecto do curso é ofrecer unha formación de máxima actualidade desde un punto de vista práctico, co fin de facilitar as funcións dos habilitados nacionais, en todos os ámbitos das súas responsabilidades.

Segunda. Contido

– Principais novidades en materia de contratación pública local.

– Actualidade normativa relativa á intervención-tesouraría.

– A responsabilidade penal dos secretarios, interventores e tesoureiros da Administración local: o delito de malversación nas súas diferentes modalidades e a súa relación con outras figuras penais.

– Procedemento de xustificación da subvención pública. Procedemento de xestión orzamentaria.

– O proceso de aforro de custos nos servizos públicos locais. Do diagnóstico á implementación.

– Xestión de novas competencias con ferramentas de management para a Administración local.

Terceira. Destinatarios

Funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Cuarta. Desenvolvemento

Cualificación: asistencia.

Nº de edicións: unha.

Modalidade: mixta (13 presenciais e 17 de teleformación).

Duración: 30 horas.

Prazas: 80.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP, rúa Madrid, 2-4.

Datas: do 2 ao 26 de maio de 2016.

Datas das sesións presenciais:

2 de maio: mañá: 9.00-14.30 horas; tarde: 16.00-18.00 horas.

3 de maio: mañá: 9.00-14.30 horas.

Quinta. Valoración

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro), e corrección do BOE núm. 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local, en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,15 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e na corrección do DOG núm. 77, do 22 de abril, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,10 puntos.

Sexta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula>, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

Sétima. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2016, segundo a Resolución do 3 de febreiro (DOG do 29 de febreiro), comezarase pola letra O.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Oitava. Pagamento de matrícula

O importe da matrícula é de sesenta euros (60 €) para todos os solicitantes, con excepción dos subscritores de Cositalnetwork que teñan esta condición ao finalizar o prazo de presentación das solicitudes.

O Consello Xeral do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de España comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo, así como o modo para facer efectivo o importe da matrícula.

Novena. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Cosital poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cosital resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no cal empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cosital garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Undécima. Certificados

Para a obtención do certificado de asistencia, o alumnado deberá participar con regularidade e dedicación no desenvolvemento da acción formativa. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.