Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 14 de abril de 2016 Páx. 13596

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de decembro de 2015, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Alto da Telleira, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido pola sociedade Alto da Telleira, S.L. (expediente IN661A 2011/3-4).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de decembro de 2015 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Alto da Telleira, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido pola sociedade Alto da Telleira, S.L. (IN661A 2011/3-4).

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de decembro de 2015 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Alto da Telleira, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido pola sociedade Alto da Telleira, S.L. (IN661A 2011/3-4)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Alto da Telleira, S.L., en relación coa autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Alto da Telleira (en diante o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Vector Verde, S.A., cunha potencia de 48 MW.

Segundo. O 21.6.2011, Alto da Telleira, S.L. (en diante o promotor), como sociedade filial unipersoal de Vector Verde, S.A. e en virtude do artigo 36.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 19.8.2011, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra (en diante a xefatura territorial) informou que dentro da poligonal do parque eólico se atopaba o permiso de investigación para recurso da sección C) Canda nº 3081.

Cuarto. O 3.2.2012, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Quinto. Por Resolución do 4 de maio de 2012, da Xefatura Territorial, sometéronse a información pública para autorización administrativa, declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de ocupación que iso implica, aprobación do proxecto de execución, proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica e estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de maio de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 29 de maio e no xornal Faro de Vigo do 23 de maio. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e dos concellos afectados (A Cañiza e Covelo).

Durante o período de información pública presentáronse, nas datas que se indican, as seguintes alegacións:

1. O 3.7.2012 Alexandre Cendón González, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Covelo, alega que:

• O promotor non solicitou a inclusión no réxime especial.

• É necesaria a remisión de separatas aos organismos afectados polo proxecto, e que é de especial interese para a comunidade que representa o pronunciamento do Concello de Covelo e das Consellerías de Cultura e do Medio Rural tendo en conta a existencia de hábitats, especies animais e elementos culturais e arqueolóxicos na zona de influencia do parque eólico.

• O estudo de impacto ambiental presenta deficiencias tales como:

– Obvíase a presenza de diferentes animais salvaxes característicos da zona, especialmente o lobo ibérico e a Loxia curvirrostra.

– Tampouco se fai referencia a vestixios históricos tales como o Foxo do Lobo de Fontefría, o asentamento romano de Coto Grande ou o Chozo de Peregureiros. Estas omisións poñen en perigo a supervivencia destes elementos catalogados.

– Deficiente catalogación dos hábitats de interese europeo presentes na área de afección do parque eólico, en especial da rede de turbeiras en bo estado de conservación.

– Obvíase que se están a redactar, en desenvolvemento do Decreto 88/2007, do 19 de abril, diferentes plans de conservación sobre diferentes especies catalogadas que se verían afectadas polo proxecto.

– Non se analiza debidamente o impacto que ocasiona unha instalación destas características sobre determinadas especies de flora e fauna silvestres de especial valor.

– Debe valorarse a necesaria convivencia da instalación cos usos que se desenvolven no monte veciñal e aproveitamentos que teñen lugar nel, e terse presente, a este respecto, o establecido no artigo 4 da Lei 43/2003, de montes.

• Con respecto á declaración de utilidade pública, manifesta a desconformidade da comunidade que representa coa relación de bens e dereitos afectados, posto que aparecen a nome de terceiros terreos que pertencen ao monte veciñal da súa titularidade.

• Procede o trámite de compatibilidade entre o aproveitamento eólico e o forestal tal e como se determina no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, así como no artigo 6 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común.

Tamén en relación coa utilidade pública do proxecto, considera que na documentación sometida á información pública non se xustifican os motivos por que non foi posible chegar a acordos cos particulares.

2. O 1.6.2012 José María Vázquez López, en nome propio e en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Maceira, alega que o linde leste do monte veciñal se corresponde coa actual liña de deslindamento entre os municipios de Covelo e A Cañiza, establecida polo Decreto 297/2004, e que así se debe entender para os efectos da tramitación do expediente. Achega informe elaborado por un enxeñeiro técnico agrícola, así como un plano de situación co linde resultante da liña divisoria de municipios conforme o antedito decreto.

Así mesmo, manifesta que se, para os efectos de calquera trámite, se considera como linde do monte veciñal o linde municipal vixente no momento da clasificación do dito monte e non o actual, a comunidade que representa exercerá cantas accións legais sexan procedentes para a reclamación de danos, perdas e lucro cesante que se poida producir no monte con motivo da instalación ou sinatura de acordos con terceiros non propietarios do monte veciñal.

3. O 12.6.2012 a Sociedade Galega de Historia Natural, solicita que:

• Ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade, non se autorice a afección de aeroxeradores e vías de acceso sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, especies incluídas no anexo II da citada lei, nin sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000.

• Se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona.

• Se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia, de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007;

• O proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

O 4.9.2012 a Xefatura Territorial informou sobre as alegacións presentadas.

Sexto. Durante a tramitación do procedemento, a xefatura territorial solicitou os correspondentes condicionados técnicos ás seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público: Concello da Cañiza; Concello de Covelo; Red Eléctrica de España, S.A.U.; Retegal, S.A.; Retevisión I, S.A.; e Agencia Estatal de Seguridad Aérea.

Sétimo. O 3.8.2012, a Xefatura Territorial informou de que se cumprían os requisitos regulamentarios para acordar como favorable a continuación dos trámites previstos na Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Oitavo. O 9.10.2012 a Xefatura Territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Noveno. O 19.12.2012, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de acordo co establecido no artigo 45.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, acordou iniciar o trámite de compatibilidade entre os distintos aproveitamentos concorrentes no espazo territorial proxectado para o parque eólico.

Décimo. O 17.1.2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Décimo primeiro. O 20.12.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 21 de xaneiro de 2014 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 198, do 16 de outubro).

Décimo segundo. O 28.1.2014, o Servizo de Montes de Pontevedra emitiu, con carácter desfavorable, o informe a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 2.4.2014, o promotor achegou resposta ao informe, da cal se deu traslado ao dito Servizo de Montes. Finalmente, o 14.10.2015 o Servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais emitiu informe favorable ao proxecto do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo terceiro. O 5.6.2014, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais informou de que, dado que o expediente do dereito mineiro Canda nº 3081 está cancelado, non se aprecia incompatibilidade co proxecto do parque eólico.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No que respecta ao dereito mineiro que constaba como afectado no informe da xefatura territorial do 19.8.2011, o 5.6.2014 a Subdirección Xeral de Recursos Minerais informou de que aquel se atopa cancelado, polo que non procede declarar a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos.

Cuarto. No que respecta ás alegacións presentadas, en vista do seu contido e das respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coas discrepancias relativas á delimitación dos terreos pertencentes tanto á Comunidade de Montes de Santiago de Covelo como á de Maceiras, o promotor manifestou que a documentación técnica presentada se elaborou tomando como cartografía base a máis actualizada dispoñible nos diferentes organismos oficiais. Non obstante, solicitou a colaboración de todas as comunidades de montes afectadas para que durante o período de información pública puxesen de manifesto calquera erro ou deficiencia no relativo á definición da titularidade e/ou dos lindes catastrais das diferentes parcelas reflectidos no proxecto.

Manifestou igualmente que á vista das alegacións e documentos acreditativos achegados polas diferentes partes afectadas procederíase, en caso de ser necesario e de mutuo acordo coas partes, á revisión e modificación dos documentos integrantes do proxecto.

Se finalmente non se acadase un acordo entre o promotor e as comunidades de montes interesadas, será durante a fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, cando se leve a cabo a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (situación, extensión, aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre estes.

2. Por outra parte, no caso de que non se acadase un acordo entre o promotor do parque eólico e as comunidade de montes afectadas, deberá efectuarse o trámite de compatibilidade/prevalencia ao cal se refire o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, de conformidade co recollido neste precepto e na demais normativa sectorial que resulte aplicable para o efecto.

3. No que se refire ás alegacións de carácter ambiental presentadas pola Sociedade Galega de Historia Natural e pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiago de Covelo, enténdese que o seu contido se tivo en consideración na elaboración da declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20.12.2013.

De acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Alto da Telleira, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido por Alto da Telleira, S.L., cunha potencia de 48 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico composto polos documentos «Proxecto de execución do parque eólico Alto da Telleira. Xuño 2011» e «Anexo ao proxecto de execución parque eólico Alto da Telleira. Abril 2012», asinados polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado nº 1185 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e visados polo dito colexio o 16.6.2011 e o 14.2.2012, respectivamente. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Alto da Telleira, S.L.

Domicilio social: Parque de San Lázaro, nº 7, planta 1ª, 32003 Ourense.

Denominación: parque eólico Alto da Telleira.

Potencia instalada: 48 MW.

Concellos afectados: A Cañiza e Covelo (Pontevedra).

Produción neta anual estimada: 133.992 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 43.506.010 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

556.000

4.679.866

2

558.000

4.679.866

3

558.000

4.678.000

4

557.500

4.675.000

5

554.000

4.675.000

6

554.000

4.678.500

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

1

554.848

4.677.702

2

554.961

4.677.446

3

555.040

4.677.182

4

555.041

4.676.901

5

555.778

4.677.700

6

555.938

4.677.402

7

556.084

4.677.121

8

556.299

4.679.409

9

556.359

4.679.107

10

556.449

4.678.706

11

556.899

4.677.243

12

556.979

4.676.973

13

557.084

4.676.267

14

557.125

4.678.694

15

557.293

4.678.417

16

557.545

4.679.386

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 16 aeroxeradores Vestas V112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, de 84 m de altura de buxa e 112 m de diámetro de rotor.

– 16 centros de transformación de 3.350 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, instalados individualmente no interior da góndola de cada aeroxerador, cos seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– Rede colectora subterránea a 20 kV de tensión nominal, en condutor unipolar RHZ1 12/20 kV, de interconexión entre os centros de transformación 0,65/20 kV dos aeroxeradores e destes coa subestación transformadora 20/220 kV.

– Subestación transformadora cunha posición de liña a 220 kV, un transformador principal intemperie 220/20 kV, YNd11, de 40/50 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal, xunto cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control en que se situarán o transformador de servizos auxiliares 20/0,4 kV de 160 kVA, Yzn11, o grupo electróxeno para servizos de emerxencia, así como os equipamentos de control e as celas de liña, protección e medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Alto da Telleira, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 870.120,20 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Alto da Telleira, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 388.291 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de nove meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 20.12.2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

7. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Alto da Telleira, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, de acordo co establecido nos artigos 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.