Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 12 de abril de 2016 Páx. 13148

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2016 pola que se convocan as actividades de formación de conformidade co convenio de colaboración asinado co Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

De acordo co convenio de colaboración subscrito con data do 2 de marzo de 2016, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse diversas actividades formativas.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria das actividades formativas que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Persoal da Dirección Xeral de Administración Local, Inega, Igape, Augas de Galicia, Amtega, Axencia Turismo de Galicia e xestores Feader.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.es> .

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Non está permitida a realización de actividades de formación que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais das actividades. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas e o alumnado pasará ao final das listaxes de todas as actividades formativas que solicite e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2016, segundo a Resolución do 3 de febreiro (DOG do 12 de febreiro), comezarase pola letra O.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es >.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

a) Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas, tanto na modalidade de teleformación como nos cursos que se impartan de forma presencial. As probas poderanse desenvolver de xeito descentralizado nas sedes que se determinen no comezo de cada actividade.

b) Para poder superar as actividades de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Salvo que se determine outra cousa, nestas actividades as probas de avaliación finais serán presenciais nos lugares e nas datas que se establezan. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Para poder aprobar a actividade formativa, o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, que emitirá un informe en que se declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Para a obtención do certificado de asistencia, o alumnado deberá participar con regularidade e dedicación no desenvolvemento da acción formativa. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Fogga poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Fogga reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Fogga garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Curso de iniciación á xestión Feader para novos xestores.

Código: CV16009.

Tipo: xeral.

Área formativa: específicas do sector competencial.

Cualificación: aproveitamento.

1. Obxectivos.

A aproximación á xestión do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural para novos xestores do dito fondo.

2. Destinatarios.

Persoal da Dirección Xeral de Administración Local, Inega, Igape, Augas de Galicia, Amtega, Axencia Turismo de Galicia e xestores Feader.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 2.

Duración: 25 horas por edición.

Modalidade: teleformación.

Datas:

– T01: do 1 ao 22 de xuño de 2016. Proba presencial final: 29 de xuño.

– T02: do 5 ao 23 de setembro de 2016. Proba presencial final: 28 de setembro.

Prazas: 30 por edición.

4. Contido.

Os fondos europeos agrícolas. O Feader. Marco xurídico. Controis administrativos. Controis sobre o terreo. Controis a posteriori e outros controis. Auditorías comunitarias e estratexia antifraude.

Seminario sobre a estratexia antifraude do organismo pagador e medidas de prevención da fraude na xestión das axudas Feaga/Feader.

Código: CV16010.

Tipo: xeral.

Área formativa: específicas do sector competencial.

Cualificación: asistencia.

1. Obxectivos.

Presentación da estratexia antifraude na xestión dos fondos europeos agrícolas.

2. Destinatarios.

Xestores de fondos europeos agrícolas.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 1.

Duración: 6 horas.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP, rúa Madrid, nº 2, 4.

Datas : 29 de maio de 2016.

Horario: das 9.00 ás 15.00 horas.

Prazas: 30.

4. Contido.

A estratexia antifraude da Comisión Europea. A estratexia de loita contra a fraude do organismo pagador en Galicia. Medidas e exemplos de xestión.

Seminario práctico sobre controis Feader.

Código: CV16011.

Tipo: xeral.

Área formativa: específicas do sector competencial.

Cualificación: asistencia.

1. Obxectivos.

Aproximación aos controis obrigatorios no ámbito da xestión do Feader.

2. Destinatarios.

Xestores de fondos europeos agrícolas.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 1.

Duración: 8 horas.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP, rúa Madrid, nº 2, 4.

Datas : 8 de xuño de 2016.

Horario: das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 19.00 horas.

Prazas: 30.

4. Contido.

O Plan galego de controis Feader. Controis Feader non SIXC. Controis administrativos. Controis sobre o terreo e a posteriori. Principios de control. Estatísticas de controis e plan de acción para a redución da taxa de erro. Auditorías comunitarias.

Seminario práctico sobre a xestión de reintegros Feader.

Código: CV16012.

Tipo: xeral.

Área formativa: específicas do sector competencial.

Cualificación: asistencia.

1. Obxectivos.

Aproximación á xestión dos reintegros de pagamentos indebidos dos fondos europeos agrícolas.

2. Destinatarios.

Xestores de fondos europeos agrícolas.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 1.

Duración: 8 horas.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP, rúa Madrid, nº 2, 4.

Datas : 21 de xuño de 2016.

Horario: das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 19.00 horas.

Prazas: 30.

4. Contido.

A circular de recuperación de pagamentos indebidos do organismo pagador. Tramitación e xestión da recuperación de pagamentos indebidos. Funcionamento da aplicación de servizo xurídico do organismo pagador.