Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2016 Páx. 12946

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2016 pola que se convoca un curso monográfico denominado Boas prácticas para unha atención humanizada ás persoas en centros residenciais da Administración pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso monográfico denominado Boas prácticas para unha atención humanizada ás persoas en centros residenciais da Administración pública, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Con este curso perséguese o obxectivo de formar o persoal que intervén na atención ás persoas maiores en centros residenciais da Administración pública, para que poidan levar a cabo unha atención humanizada e individualizada. Adquirirán capacidades en estratexias e habilidades de intervención que contribúan a mellorar a atención ás persoas residentes nalgunha institución da Administración pública ou usuarias de centros de día.

Preténdese, así pois, cualificar o persoal para que poida levar a cabo unha atención integral, tendo en conta o conxunto de necesidades biopsicosociais das persoas.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Necesidades biopsicosociais do individuo.

• Organización do equipo de traballo para una atención integral e humanizada.

• Análise e aproveitamento dos recursos para atención humanizada.

• Adestramento en habilidades persoais para atención humanizada.

• Asertividade e empatía como técnicas básicas para a intervención sociosanitaria.

3. Destinatarios.

O curso diríxese ao persoal das administracións públicas de Galicia que intervén na atención ás persoas maiores en centros residenciais da Administración pública, ben sexa de forma directa ou desde postos de coordinación e dirección.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 27 de abril, 4, 11, 18 e 25 de maio.

Horario: de tarde.

Duración: 15 horas lectivas.

5. Número de prazas: 35.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/.

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 20 de abril de 2016.

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten a certificación acreditativa de ser persoal das administracións públicas de Galicia que intervén na atención ás persoas maiores en centros residenciais da Administración pública, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da lista de admitidos e prazo de presentación de alegacións.

A listaxe de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP ( http://egap.xunta.es/ ).

9. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública