Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 8 de abril de 2016 Páx. 12564

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de marzo de 2016 pola que se clasifica de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, con domicilio no Centro Tecnolóxico da Zona Franca de Vigo; rúa Porto do Molle, s/n, en Nigrán (Pontevedra).

Feitos:

1. Salustiano Mato de la Iglesia, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia foi constituída en escritura pública, outorgada en Nigrán (Pontevedra) o 17 de novembro de 2015, ante o notario Víctor Manuel Vidal Pereiro, co número de protocolo 894, pola Universidade de Vigo, representada por Salustiano Mato de la Iglesia; o Consorcio da Zona Franca de Vigo, representada por Teresa Pedrosa Silva; e as entidades Asociación Consorcio Aeronáutico Gallego, representada por Enrique Miguel Mallón Otero; Airbus Defence and Space, S.A., representada por Antonio Rodríguez Barberán; Unión de Empresas Gallegas de Aeronáuticas, S.L., representada por Jesús González López; e Industrias Delta Vigo, S.L., representada por Francisco Javier Puga González.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento e mellora da competitividade na industria das tecnoloxías aeroespaciais de Galicia mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. De maneira prioritaria, este obxecto concretarase na construción, dotación de recursos, posta en marcha e xestión do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Salustiano Mato de la Iglesia, en representación da Universidade de Vigo, como presidente; Teresa Pedrosa Silva, en representación do Consorcio da Zona Franca de Vigo, como vicepresidenta; Francisco Javier Puga González, en representación de Industrias Delta Vigo, S.L., como secretario; e María Asunción Longo González, en representación da Universidade de Vigo; Rosa María Eguizábal Gándara, en representación do Consorcio da Zona Franca de Vigo; Fernando Alonso Fernández, en representación de Airbus Defence and Space, S.A.; Enrique Miguel Mallón Otero, en representación da Asociación Consorcio Aeronáutico Gallego, e Jesús González López, en representación da Unión de Empresas Gallegas de Aeronáuticas, S.L., como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, de conformidade coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa adscrición á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 15 de marzo de 2016,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia e adscribila ao protectorado da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza