Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 5 de abril de 2016 Páx. 12039

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 34/2016, do 17 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada AC-211 (San Pedro de Nós-A Pasaxe) e máis dunha caseta de legoeiros situada á altura do punto quilométrico 2+050 da marxe dereita da AC-211, a prol do Concello de Culleredo.

Segundo o teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona do dominio público adxacente.

O Concello de Culleredo solicitou á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade do treito da estrada AC-211 que pasa polo termo municipal e a súa disposición a asumir a titularidade de todo o dominio público da estrada AC-211; isto inclúe o treito, os elementos funcionais e os espazos da zona de dominio público adxacente que formen parte da vía.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade de:

• Treito da estrada AC-211, situado entre os p.q. 0+680 e 3+350, cunha lonxitude de 2,67 km.

• A casa de legoeiros, situada a altura do p.q. 2+050 da marxe dereita da AC-211.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Culleredo de:

• Treito da estrada AC-211, situado entre os p.q. 0+680 e 3+350, cunha lonxitude de 2,67 km.

• A casa de legoeiros, situada a altura do p.q. 2+050 da marxe dereita da AC-211.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Culleredo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo no día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Culleredo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito sinalado, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de marzo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda