Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 4 de abril de 2016 Páx. 11866

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 17 de marzo de 2016 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2016 ao abeiro do Plan de vivenda 2005-2008, regulado polo Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, e polo Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O seu artigo 6 establece que as axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo.

A disposición transitoria cuarta do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda con cargo á Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, establece que as axudas derivadas de situacións creadas ao abeiro de plans anteriores seguirán a súa tramitación e rexeranse de acordo coa súa normativa de orixe.

O Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, adscribe o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo á Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O Decreto 165/2015, do 13 de novembro, estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Por todo o anterior e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Para os efectos do disposto no artigo 6 do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e para dar cobertura aos expedientes que alcancen no exercicio 2016 a fase de concesión, determínanse as seguintes aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 con cargo ao que serán efectivas as axudas previstas no citado decreto:

– Para a promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas ao alugamento e de aloxamentos protexidos por parte de empresas privadas, corresponde á aplicación 08.80.451B.770.0 por un importe máximo de 61.700 €.

– Para a adquisición de vivenda protexida, usada e promoción para uso propio por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro, corresponde á aplicación orzamentaria 08.80.451B.780.1 por un importe máximo de 6.100 €.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda