Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 1 de abril de 2016 Páx. 11791

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 10 de marzo de 2016, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se comunica a publicación na web da Consellería do Plan de acción da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés.

A candidatura da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés foi aprobada o 26 de maio de 2009 polo Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB (Home e Biosfera) da UNESCO, reunido en Jeju (Corea do Sur) e desde entón forma parte da Rede mundial de reservas da biosfera.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu artigo 70 regula as características das reservas de biosfera, establece que estes espazos deberán contar, como mínimo, cunha ou varias zonas núcleo que sexan espazos naturais protexidos, un programa de actuación e, finalmente, cun órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, liñas de acción e programas.

Un compoñente fundamental, recollido nos principios do Programa MaB é o carácter participado do plan de acción ou plan de actuacións, de xeito que a estratexia e as actuacións sexan o resultado da interacción dos axentes que interveñen sobre o territorio e do seu compromiso co plan de acción.

Os responsables da xestión da parte portuguesa e da parte galega da reserva da biosfera traballaron na elaboración dun plan de acción, plan que identifica os obxectivos, os eixos estratéxicos, as liñas de actuación e as principais accións que se desenvolverán nos vindeiros anos, así como os orzamentos de financiamento/investimentos previstos polos diversos socios.

Neste sentido, na reunión da Comisión de Dirección Transfronteiriza da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés do pasado 16 de xaneiro do 2015, realizouse unha aprobación inicial das liñas do plan e encomendouse á Xunta de Cooperación Transfronteiriza a súa elaboración.

Unha vez elaborado, remitiuse o borrador final a todos os membros do Comité de Dirección Transfronteiriza para a súa análise e conformidade ou proposta de modificación. Posteriormente, o documento resultante do proceso anterior foi remitido a todos os membros do Consello Consultivo de Cooperación, órgano de participación, para a realización das consideracións que achasen oportunas.

Paralelamente iníciase, un proceso de participación pública que, na parte galega, tivo lugar mediante anuncio do 16 de abril de 2015. Da dita participación recibíronse 12 escritos con achegas, algunhas das cales foron incorporadas ao plan, despois de análise do Consello Consultivo.

Após a realización dos cambios anteriores, o borrador do plan de acción foi presentado ao Consello Consultivo de Cooperación na reunión constitutiva do 3 de xuño de 2015.

Unha vez oído o dito consello, procedeuse á aprobación definitiva do documento Plan de acción 2015-2020 da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés, na reunión da Comisión de Dirección Transfronteiriza do 3 de xuño de 2015.

Logo da realización dos trámites anteriores,

ACORDO:

A publicación na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do Plan de acción 2015-2020 da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2016

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación da Natureza