Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 31 de marzo de 2016 Páx. 11718

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Taboada

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

Unha vez aprobado inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal por acordo do Pleno do día 22 de febreiro de 2016, conforme o artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sométese á información pública por un prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia.

Durante ese prazo, calquera interesado poderá examinalo nas dependencias municipais para formular as alegacións que consideren pertinentes ou obter copias.

O horario de consultas é de luns a venres, das 10.00 ás 14.00 horas.

A atención ao público por parte do equipo redactor será os luns no salón de plenos da Casa do Concello, das 10.00 ás 14.00 horas, que se pode ampliar segundo a demanda.

O literal da parte resolutiva do acordo adoptado é o seguinte:

«Primeiro. Que se aprobe inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Taboada nos termos que constan no expediente.

Segundo. Que se abra un período de información pública durante dous meses, mediante un anuncio no taboleiro de edictos do Concello, no Diario Oficial de Galicia e, ademais, nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia. Durante ese período quedará o expediente, con todos os documentos que integran o plan xeral, incluído o estudo ambiental estratéxico, á disposición de calquera persoa que queira examinalo, para poder presentar as alegacións que consideren pertinentes.

Terceiro. Que se suspenda o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente.

A duración da suspensión é de dous anos e afecta as licenzas relativas a parcelacións de terreos, novas edificacións, ampliacións de edificacións e para a demolición de edificación existente. En ningún caso a suspensión afecta actuacións de consolidación, mellora ou reforma das edificacións existentes.

As devanditas áreas afectadas pola suspensión están constituídas por aqueles ámbitos definidos nos planos de suspensión de licenzas elaborados polo equipo redactor con data de xaneiro de 2016 que constan no expediente e resultando de aplicación para as áreas que a seguir se expón:

– Solo urbano consolidado: suspéndese o outorgamento de licenza urbanística para aqueles ámbitos de solo urbano consolidado que se localicen en ámbitos ordenados baixo normas zonais de uso diferente segundo as determinacións das normas subsidiarias de planeamento do concello de Taboada e no PXOM que se aproba inicialmente.

– Solo urbano non consolidado.

– Solo de núcleo rural: suspéndese o outorgamento de licenza urbanística para aqueles ámbitos de solo de núcleo rural en que tendo en conta o disposto na disposición transitoria primeira, punto 1º.e) da Lei 9/2002, non se cumpran simultaneamente as condicións dispostas nas normas subsidiarias de planeamento do concello de Taboada e no PXOM que se aproba inicialmente.

– Solo urbanizable.

– Solo rústico: suspéndese o outorgamento de licenzas urbanísticas naqueles ámbitos de solo rústico en que non se cumpra simultaneamente o réxime previsto na Lei 9/2002 para o solo rústico, o disposto nas normas subsidiarias de planeamento do concello de Taboada e no PXOM que se aproba inicialmente.

– Para os elementos incluídos no catálogo de elementos protexibles, suspéndese o outorgamento de licenza urbanística para os proxectos que non se axusten simultaneamente ás condicións previstas nas normas subsidiarias de planeamento do concello de Taboada e no PXOM que se aproba inicialmente ou, en todo caso, de non obterse autorización do organismo competente en materia de protección do patrimonio cultural.

– Para os sistemas xerais e dotacións públicas suspéndese o outorgamento de licenzas para os proxectos que non cumpran simultaneamente coas condicións de ordenación das normas subsidiarias de planeamento do concello de Taboada e no PXOM que se aproba inicialmente.

Esta suspensión publicarase conxuntamente coa aprobación inicial.

Cuarto. Que se dea audiencia aos municipios limítrofes, simultaneamente e durante o mesmo prazo da información pública, e que se someta o Plan ás consultas das administracións públicas afectadas e das persoas interesadas que fosen previamente consultadas, de acordo co artigo 19 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Quinto. Que se soliciten ás administracións públicas competentes os seguintes informes:

– Administración xeral do Estado.

• Confederación Hidrográfica Miño-Sil (Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño).

• Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Ministerio de Fomento).

– Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio).

• Instituto de Estudos do Territorio (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio).

• Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio).

• Organismo Autónomo de Augas de Galicia (Dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio).

• Dirección Xeral de Mobilidade (Consellería de Infraestruturas e Vivenda).

• Instituto Galego de Vivenda e Solo (Consellería de Infraestruturas e Vivenda).

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria).

• Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal (Consellería do Medio Rural).

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (Consellería do Medio Rural).

• Dirección Xeral de Enerxía e Minas (Consellería de Economía, Emprego e Industria).

• Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio (Consellería de Facenda).

• Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (dependente da Presidencia da Xunta de Galicia)».

Taboada, 8 de marzo de 2016

Ramiro Moure Ansoar
Alcalde