Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2016 Páx. 11321

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de marzo de 2016 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo.

Mediante Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro), fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

A Lei 6/2013 no seu artigo 77.3 establece que a representación dos intereses sociais no consello social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do consello social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Con datas 16 de febreiro e 10 de marzo de 2016 os consellos sociais das universidades da Coruña e Vigo comunican á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a renovación dos seguintes membros: José Manuel Sande García, como representante do Concello da Coruña no Consello Social da UDC en substitución de Francisco José Mourelo Barreiro; Xosé Manuel Atanes Limia, Javier Casares Mouriño e Mercedes Castro Mouzo, como representantes do Parlamento de Galicia no Consello Social da UVigo, designados polo Pleno do Parlamento na sesión celebrada o 23.2.2016, en substitución, por finalización de mandato, de Xesús López Carreira, Julio Estévez Fernández e Mónica Vázquez Blanco.

De acordo co artigo 79.2 da Lei 6/2013, o mandato dos membros substitutos estenderase só polo tempo que reste para concluír os dos substituídos.

Xúntase declaración xurada de compatibilidade dos novos membros dos consellos sociais.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a José Manuel Sande García como representante do Concello da Coruña no Consello Social da Universidade da Coruña en substitución de Francisco José Mourelo Barreiro.

Artigo 2

Nomear a Xosé Manuel Atanes Limia, Javier Casares Mouriño e Mercedes Castro Mouzo como representantes do Parlamento de Galicia no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución, por finalización de mandato, de Xesús López Carreira, Julio Estévez Fernández e Mónica Vázquez Blanco.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria