Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2016 Páx. 11412

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para a incorporación de novos centros docentes á Rede de centros plurilingües de Galicia para o curso 2016/17.

A Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de Centros Plurilingües de Galicia, na sección quinta, establece o procedemento de incorporación á rede: solicitude e documentación, lugar e prazo de presentación e selección dos novos centros. Na disposición derradeira primeira autoriza a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros docentes á Rede de centros plurilingües de Galicia, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2016/17 de incorporación dos centros docentes de educación primaria e de educación secundaria sostidos con fondos públicos á Rede de centros plurilingües de Galicia.

Artigo 2. Solicitude e documentación

1. Os centros que desexen incorporarse á Rede de centros plurilingües de Galicia deberán facer a correspondente solicitude (anexo I, modelo normalizado ED531A) e dirixila á xefatura territorial correspondente, e achegar a documentación que se relaciona a continuación:

a) Proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos da etapa para a que se propoña, con indicación do curso ou cursos de aplicación no ano académico 2016/17 e planificación da extensión na etapa nos seguintes anos académicos.

b) Relación de áreas ou materias que se impartirán en lingua estranxeira, con indicación desta.

c) Información relativa á experiencia en plans e/ou programas relacionados coas linguas estranxeiras en que participou o centro.

d) Certificación da aprobación do proxecto polo Consello Escolar, oído o Claustro de profesores e profesoras.

e) Relación do profesorado con destino definitivo no centro, ou profesorado contratado no caso dos centros concertados, que impartirá docencia, xunto coa titulación que acredite a súa competencia lingüística.

2. A Inspección Educativa emitirá informe sobre a solicitude a través da xefatura territorial correspondente.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten, á disposición das persoas interesadas, unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, as persoas representantes dos centros docentes solicitantes poderán completar en liña o formulario electrónico dispoñible na epígrafe Linguas estranxeiras, Programa de centros plurilingües (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos). Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa representante deberá imprimir, asinar e enviar á xefatura territorial correspondente.

Así mesmo, tamén poderán presentarse as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A solicitude de autorización formulada pola dirección do centro deberá dirixirse á xefatura territorial correspondente, que a trasladará, co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de abril de 2016.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxefpie@edu.xunta.es

Artigo 6. Selección dos centros

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará a selección dos proxectos mediante unha comisión, que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, e que tamén estará integrada polas persoas titulares da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado e do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, así como dúas persoas asesoras técnicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha das cales realizará as funcións de secretaría.

2. A valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Para iso terase en conta a experiencia previa do centro, o cadro de persoal de profesorado dispoñible coa cualificación requirida para desenvolver o programa en toda a etapa (con especial mención ao profesorado especialista en idioma estranxeiro) e os recursos existentes no centro, así como o número de unidades e de alumnado.

3. A Comisión de selección elevará a proposta de resolución da convocatoria á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de cinco meses desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A resolución definitiva será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esa resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7. Seguimento e avaliación

1. Os centros plurilingües establecerán na súa programación xeral anual os procesos de seguimento e avaliación do programa plurilingüe que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que deberán reflectirse na memoria final de cada curso.

2. Correspóndelle á Inspección Educativa supervisar o proceso de implantación e desenvolvemento do programa nos centros plurilingües, e prestarlle especial atención á práctica docente, así como propor medidas de mellora.

3. A persoa coordinadora do programa, coa participación do profesorado implicado nel, deberá elaborar unha memoria ao rematar o curso escolar para a súa integración na memoria anual do centro. Antes do 5 de xullo de cada curso escolar, a inspección educativa achegará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a memoria do programa co seu informe.

4. Ao rematar cada etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, levarase a cabo a avaliación do alumnado participante no programa plurilingüe, seguindo o procedemento que determine a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 8. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa

missing image file
missing image file