Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 28 de marzo de 2016 Páx. 10982

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2016 pola que se convoca un curso monográfico sobre a planificación estratéxica como método de xestión pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso monográfico sobre a planificación estratéxica como método de xestión pública, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Os obxectivos fundamentais do curso son:

• Analizar os aspectos máis destacados da planificación estratéxica e dirección por obxectivos: conceptos fundamentais e principios.

• Motivar os participantes na reflexión estratéxica para facer fronte aos desafíos do sector público.

• Afondar no coñecemento e manexo das principais ferramentas necesarias para formular e implementar a planificación estratéxica como método de traballo nas organizacións públicas.

• Coñecer algunhas experiencias de planificación estratéxica levadas a cabo na Administración pública.

• Aplicar os coñecementos adquiridos mediante a elaboración dun plan estratéxico.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Consideracións sobre a planificación estratéxica na Administración pública.

• O proceso de elaboración dun Plan estratéxico xeral.

• O proceso de elaboración dun Plan operativo anual.

• O sistema de seguimento e avaliación dun Plan operativo anual.

• Experiencias de planificación estratéxica na Administración española.

3. Destinatarios.

O curso diríxese a empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

1. Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

2. Grupos I e II do persoal laboral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 14 e 15 de abril de 2016.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 14 horas lectivas.

5. Número de prazas: 30.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/ .

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 6 de abril de 2016.

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten a certificación acreditativa da condición de empregado público e do grupo ao que pentence, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración na que presta os seus servizos.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da lista de admitidos e prazo de presentación de alegacións.

A listaxe de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e no punto deste curso da páxina web da EGAP ( http://egap.xunta.es/ ).

9. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública