Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 28 de marzo de 2016 Páx. 10979

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2016 pola que se convocan unhas xornadas sobre os novos fondos europeos e a súa execución en España.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócanse unhas xornadas sobre os novos fondos europeos e a súa execución en España, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Os fondos europeos constituíron sempre un instrumento de grande importancia para o desenvolvemento de políticas rexionais, sociais ou estruturais en Europa e en España. No ano 2013, o lexislador europeo aprobou o novo «paquete lexislativo» que regulará os fondos europeos para os próximos anos.

O obxectivo destas xornadas é analizar, desde unha perspectiva pluridisciplinar (xurídica, técnica, administrativa e académica), non só o novo marco normativo europeo senón tamén a súa execución en España, abordando cuestións cruciais como a distribución de competencias entre as distintas administracións (europea, estatal ou autonómica), os obxectivos e prioridades temáticas de cada Fondo, os elementos comúns de xestión de todos eles ou a funcionalidade dos contratos administrativos e das subvencións como instrumentos de execución. Desta maneira as xornadas pretenden constituírse nun foro de análise e reflexión sobre os fondos europeos que permita aos distintos actores implicados (administracións, empregados públicos, beneficiarios, etc.) desenvolverse con seguridade no novo marco regulatorio e operativo.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

‒ Investir nas rexións: a política de cohesión reformada da UE 2014-2020.

‒ Novos e permanentes retos para os Estados membros na xestión dos fondos europeos.

‒ Os fondos europeos en España 2014-2020 (acordo de asociación e xestión compartida entre administracións).

‒ O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

‒ O Fondo Social Europeo.

‒ A implementación dos fondos no novo período de programación 2014-2020.

‒ Programas e proxectos como marco político estratéxico dos fondos europeos.

‒ Os contratos administrativos como instrumentos de execución dos fondos europeos.

‒ As subvencións como instrumentos de execución dos fondos europeos.

‒ Os fondos europeos en Galicia: período 2014-2020.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, salón de actos, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 7 e 8 de abril de 2016.

Horario: día 7, mañá e tarde; día 8, mañá.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/.

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do 6 de abril de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final das xornadas entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización das xornadas e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública