Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2016 Páx. 10725

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 9 de marzo de 2016 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en diversas áreas durante o ano 2016 e se procede á súa convocatoria.

BDNS (identif.): 302443

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Bolsas de formación en oficinas de información turística (8 bolsas): titulados/das con nacionalidade española ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que posúan a titulación de grao en turismo, diplomatura en turismo, técnico/ca superior en guía, información e asistencia turísticas; técnicos/cas superiores en axencias de viaxes e xestión de eventos ou titulación homologada equivalente. Deben posuír o certificado B1 ou superior do Marco común de referencia para as linguas.

Bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos: bolsa A, especialidade de estatística (1 bolsa): titulados/das con nacionalidade española ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que posúan a licenciatura ou grao en matemáticas, grao en administración e dirección de empresas ou economía, licenciatura en ciencias económicas e empresariais ou equivalente, licenciatura, diplomatura ou grao en estatística, enxeñaría en calquera rama.

Bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos: bolsa B, especialidade de turismo (1 bolsa): titulados/das con nacionalidade española ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que posúan o grao en turismo, diplomatura en turismo con posgrao ou mestrado en turismo, grao en administración e dirección de empresas, grao en economía, licenciatura en administración e dirección de empresas ou economía, licenciatura en ciencias económicas e empresariais ou equivalente con posgrao ou mestrado en turismo, grao ou licenciatura na rama de ciencias sociais e humanidades con posgrao ou mestrado en turismo.

Para calquera das tres modalidades de bolsa, as persoas beneficiarias deben obter a titulación nos catro anos naturais inmediatamente anteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria e deben estar en posesión do título Celga 4 de lingua galega.

Segundo. Obxecto

As bolsas en oficinas de turismo permitiranlles ás persoas tituladas acceder a prácticas tuteladas co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e as habilidades en materias vinculadas co turismo. As bolsas correspondentes á Área de Estudos e Investigación da Axencia Turismo de Galicia permitiranlles aos titulados/das en diversas materias ampliar a súa experiencia e os coñecementos sobre o turismo de Galicia no campo da investigación e análise de datos deste mercado.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 9 de marzo de 2016 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en diversas áreas durante o ano 2016 e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe e duración

Oito bolsas para a formación práctica en oficinas de turismo: a dotación de cada bolsa será de 3.900 euros en total.

Unha bolsa na Área de Estudos Turísticos, especialidade de estatística: a dotación será de 7.000 euros en total.

Unha bolsa na Área de Estudos e Investigación, especialidade de turismo: a dotación será de 7.000 euros en total.

A duración máxima das bolsas será de seis meses.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2016

P.A. (Artigo 19.6 Decreto 196/2012; DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia