Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2016 Páx. 10505

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2016, do Consello de Dirección, pola que se publica o acordo da destrución da documentación xustificativa dos méritos curriculares presentados polos solicitantes que concorreron á convocatoria de 2007, 2008 e 2009 de avaliación e informe previos á contratación do profesorado universitario.

Logo de 15 anos de actividade na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a sucesiva acumulación de documentación administrativa implica unha serie de complicacións para a súa conservación e arquivamento, debido á limitación de recursos físicos dispoñibles para albergalos. Tendo en conta que moita da documentación acumulada non precisa ser conservada, no Consello de Dirección do 15 de decembro de 2010 adoptáronse unha serie de decisións, respecto á documentación xerada nos procesos de avaliación previa á contratación de profesorado, para a súa destrución ou conservación.

De conformidade co anterior, no Consello de Dirección do 17 de decembro de 2015 acordouse:

Destruír a documentación xustificativa dos méritos curriculares presentados polos solicitantes nas convocatorias de avaliación e informe previos á contratación do profesorado universitario de 2007, 2008 e 2009, publicadas mediante as respectivas resolucións do 13 de abril de 2007 (DOG do 23 de abril), 19 de maio de 2008 (DOG do 27 de maio) e 15 de decembro de 2009 (30 de decembro).

Igualmente, disponse que todos aqueles interesados que participasen nos procedementos citados poderán solicitar a retirada da documentación a que se fai referencia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG. Unha vez cumprido este prazo, xa non poderá solicitarse a retirada da documentación e procederase á súa destrución de acordo coas directrices establecidas pola lexislación de aplicación en materia de patrimonio e de protección de datos de carácter persoal.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2016

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia