Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2016 Páx. 10369

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV O Castro-Balaídos (soterramento subestación novo Balaídos), situada no concello de Vigo (expediente IN407A 2015/180-4).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación en travesía de Vigo, nº 204, 36207 Vigo (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 6 de agosto de 2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada subestación Novo Balaídos 132 kV-Nova subestación, situada no termo municipal de Vigo (Pontevedra) e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A., e o 23 de abril de 2015 ditou resolución pola que se aprobou o correspondente proxecto de execución.

Segundo constaba na solicitude e no proxecto, esta nova subestación que substituirá a actual subestación Balaídos executarase dentro do marco que establece o novo PXOM de Vigo, aprobado o 16 de maio de 2008, en que se establece a necesidade de substituír a actual subestación de intemperie por unha nova subestación constituída por tecnoloxía blindada, que mellora a eficacia da instalación, así como os niveis de impacto ambiental e a integración co medio urbano. A nova subestación non se situará no mesmo lugar onde se atopa a actual subestación Balaídos (avenida Alcalde de Portanet, nº 31, Vigo), senón nunha parcela próxima coa axeitada cualificación urbanística, incluída na zona delimitada no PXOM como «Actuación Illada AA 01, parcela SXE».

A execución deste proxecto obriga á modificación das liñas eléctricas que chegan á actual subestación Balaídos, co obxecto de conectalas á nova subestación Balaídos.

Segundo. O 6 de outubro de 2015 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial), a solicitude das autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV O Castro-Balaídos (soterramento subestación novo Balaídos), situadas no termo municipal de Vigo (Pontevedra), acompañada das separatas técnicas para os organismos afectados e do proxecto de execución.

No proxecto de execución inclúese a declaración responsable, asinada polo proxectista con data 8 de xullo de 2015, no que se fai constar que o proxecto cumpre con toda a normativa que lle é de aplicación, de conformidade co exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e da Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria.

Segundo consta no proxecto de execución, o novo tramo de liña eléctrica 132 kV, de 415 m de lonxitude en condutor Al 1200+H16, terá a súa orixe no empalme que se vai realizar no tramo soterrado existente na avenida Alcalde Portanet, continuando por canalización formigonada baixo tubo en simple circuíto durante aproximadamente 75 m e, finalmente, para acceder á futura subestación Balaídos, compartirá gabia en triplo tubo coas liñas eléctricas Atios-Balaídos Zona Franca e Balaídos Zona Franca-Balaídos durante 320 m ata entrar no soto da subestación.

Cuarto. O 8 de outubro de 2015 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV O Castro-Balaídos (soterramento na subestación novo Balaídos) (expediente IN407A 2015/180-4), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 12 de novembro de 2015 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 6 de novembro.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 13 de outubro de 2015 a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do devandito proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada infraestrutura eléctrica (sinálase cun «×» os que contestaron): Concello de Vigo (×), Augas de Galicia (×), Gas Natural e R Cable Telecomunicacións Galicia, S.A. (×).

Das entidades que contestaron, o Concello de Vigo e Augas de Galicia fixaron os seus condicionados ao respecto, dos cales se deu traslado á empresa promotora da infraestrutura eléctrica proxectada, quen presentou a súa conformidade. Pola súa parte, R Cable Telecomunicacións Galicia, S.A., quen requiriu documentación complementaria para poder pronunciarse ao respecto, finalmente non presentou ningún informe.

Respecto das entidades que non emitiron informe, Gas Natural e R Cable Telecomunicacións Galicia, S.A., enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura eléctrica proxectada, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sexto. O 9 de novembro de 2015 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución denominado «LAT 132 kV O Castro-Balaídos (soterramento sub. novo Balaídos)», no que atinxe aos requisitos técnicos para a súa execución.

Sétimo. O 11 de febreiro de 2016 a xefatura territorial trasladou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas copia do expediente de referencia, tramitado baixo o nº IN407 2015/180-4, para os efectos da súa resolución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV O Castro-Balaídos (soterramento subestación novo Balaídos), situada no termo municipal de Vigo (Pontevedra).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Unión Fenosa Distribución, S.A., denominado LAT 132 kV O Castro-Balaídos (soterramento sub. novo Balaídos), asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920/2130, do Colexio de enxeñeiros do ICAI) e visado co nº 0252/15 e data 11 de setembro de 2015; e no que figura un orzamento de 295.510,35 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes. Deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados pola infraestrutura eléctrica autorizada e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito quinto), a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta resolución por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións obxecto dela.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas