Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 21 de marzo de 2016 Páx. 10325

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., autorizada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de decembro de 2015.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 23 de decembro de 2015 adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda o acordo polo que se autoriza a modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos estatutos modificados da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2016

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio

Estatutos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

ÍNDICE

TÍTULO I. Denominación, obxecto, domicilio e duración

Artigo 1. Constitución e denominación

Artigo 2. Réxime xurídico

Artigo 3. Obxecto social

Artigo 4. Duración

Artigo 5. Domicilio social

Artigo 6. Estrutura da Corporación

Artigo 7. Cooperación

TÍTULO II. Capital social e recursos económicos

Artigo 8. Capital social

Artigo 9. Financiamento

TÍTULO III. Órganos da Corporación RTVG

Artigo 10. Órganos da Corporación RTVG

Sección primeira. O Consello de Administración

Artigo 11. A composición do Consello de Administración

Artigo 12. Elección dos membros do Consello de Administración

Artigo 13. Estatuto persoal

Artigo 14. Duración do cargo de membros do Consello de Administración

Artigo 15. Cesamento do cargo de membro do Consello de Administración

Artigo 16. Funcións do Consello de Administración

Artigo 17. Modo de deliberar do Consello de Administración

Artigo 18. Presidencia do Consello de Administración

Artigo 19. Secretaría do Consello de Administración

Artigo 20. A comisión de economía e control e outras comisións

Sección segunda. A directora/director xeral

Artigo 21. Nomeamento e cesamento

Artigo 22. Funcións da directora ou director xeral

Artigo 23. Estatuto persoal da directora ou director xeral

Artigo 24. Delegación de funcións

Sección terceira. Outros órganos estatutarios

Artigo 25. A Xunta Xeral

Artigo 26. Clases de Xunta Xeral

Artigo 27. A Xunta Universal

Artigo 28. Da convocatoria

Artigo 29. Constitución

Sección cuarta. Outros órganos previstos legalmente

Artigo 30. O Consello Asesor

Artigo 31. O Consello de Informativos

Sección quinta. O estatuto profesional

Artigo 32. O estatuto profesional

TÍTULO IV. Réxime de persoal

Artigo 33. Persoal de alta dirección

Artigo 34. Outro persoal directivo

Artigo 35. Persoal laboral

Artigo 36. Funcións en materia de persoal

TÍTULO V. Réxime económico e orzamentario

Sección primeira. Orzamentos, contabilidade e reservas

Artigo 37. Orzamentos

Artigo 38. Contabilidade e reservas

Artigo 39. Endebedamento

Sección segunda. Contas anuais

Artigo 40. Contas anuais e auditoría externa

Artigo 41. A formulación das contas anuais

Artigo 42. Dos auditores de contas

Artigo 43. Aprobación das contas anuais e aplicación de resultado

TÍTULO VI. Patrimonio, contratación e exercicio de accións

Sección primeira. Patrimonio

Artigo 44. Patrimonio

Sección segunda. Contratación

Artigo 45. Principios e réxime de contratación

Sección terceira. Exercicio de accións

Artigo 46. Exercicio de accións

Artigo 47. O dereito de rectificación e acción de cesación

TÍTULO VII. Modificación de estatutos, transformación, fusión, escisión e disolución da Corporación RTVG

Artigo 48. Modificacións estruturais

TÍTULO VIII. Control externo

Artigo 49. Control parlamentario

Artigo 50. Control pola autoridade audiovisual

Estatutos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

TÍTULO I
Denominación, obxecto, domicilio e duración

Artigo 1. Constitución e denominación

Coa denominación Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (en diante, a Corporación RTVG) constitúese unha sociedade mercantil pública autonómica de capital integramente participado pola Comunidade Autónoma de Galicia baixo a forma xurídica de sociedade anónima.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. A Corporación RTVG rexerase, en primeiro lugar, pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, polos seus estatutos sociais e pola Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual. En segundo lugar, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e, na falta da normativa anterior, pola lexislación mercantil.

2. A Corporación RTVG gozará de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar. Ademais, terá autonomía na súa xestión e actuará con independencia funcional respecto do Goberno e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Obxecto social

1. Constitúe o obxecto social da Corporación RTVG a prestación do servizo público de comunicación audiovisual nos termos previstos na Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, así como todas aquelas actividades necesarias para o exercicio das súas funcións de servizo público ou que estean relacionadas coa comunicación audiovisual.

2. O seu obxecto social comprende a realización e, de ser o caso, comercialización de toda actividade de produción, edición e difusión de canles de radio, televisión e servizos de información a través de programacións diversas dirixidas a todo tipo de público en todo tipo de soportes de comunicación, que deberán satisfacer os intereses xerais e cubrir as máis diversas materias, así como a comercialización e venda dos seus produtos e servizos e dos seus espazos publicitarios; a distribución, venda e cesión a terceiros dos dereitos de explotación de producións ou obras audiovisuais; a edición de libros e soportes gravados de sons e vídeo, así como a súa distribución, venda e aluguer.

Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) 6010 e 6020.

3. No desenvolvemento do seu obxecto social, a Corporación RTVG promoverá e difundirá a cultura e identidade de Galicia e contribuirá ao uso e ao coñecemento da lingua galega.

4. A lingua da Corporación RTVG é o galego; polo tanto, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da dita sociedade e das comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega.

Artigo 4. Duración

A duración da Corporación RTVG será indefinida. Comezará a exercer a súa actividade e realizar as súas operacións o día 1 de xaneiro de 2016.

Artigo 5. Domicilio social

1. A Corporación RTVG terá o seu domicilio social en Bando, San Marcos, Santiago de Compostela.

2. O Consello de Administración da Corporación RTVG está facultado para modificar o domicilio social.

3. Sen prexuízo do domicilio social da Corporación, a dirección xeral poderá establecer, modificar ou suprimir delegacións, corresponsalías, oficinas, sucursais e axencias, representacións ou dependencias en calquera lugar, coas tarefas, facultades e modalidades de funcionamento que determine.

Artigo 6. Estrutura da Corporación

1. A Corporación RTVG deberá contar coa estrutura suficiente e necesaria para asegurar o cumprimento da misión de servizo público encomendada e para facilitar a provisión de contidos territoriais na súa programación.

2. Coa finalidade de cumprir co seu obxecto social, a Corporación RTVG poderá, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia, constituír ou participar no capital de toda clase de entidades que adopten a forma de sociedade mercantil e cuxo obxecto social estea vinculado coas actividades e funcións daquela, incluídas as de servizo público. A adquisición ou perda da participación maioritaria da Corporación RTVG no capital social das devanditas sociedades requirirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

3. A Corporación poderá crear fundacións para coadxuvar ás actividades relacionadas co seu obxecto social, así como coas funcións de servizo público encomendadas, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Cooperación

Para a mellor consecución das funcións de servizo público audiovisual a Corporación RTVG poderá subscribir convenios de cooperación e colaboración con outras entidades de servizo público de noticias, radio e televisión, coas administracións públicas ou coas entidades delas dependentes. En especial, poderá federarse ou asociarse con outras entidades de xestión do servizo público de radiotelevisión, para a coordinación, cooperación e axuda no cumprimento das súas atribucións.

TÍTULO II
Capital social e recursos económicos

Artigo 8. Capital social

1. O capital social da Corporación RTVG, subscrito e desembolsado na súa integridade pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, fíxase na cantidade de 25.000.000 de euros (vinte e cinco millóns de euros), representado en vinte e cinco mil (25.000) accións dun valor nominal de 1.000 euros cada unha, numeradas da 1 á 25.000.

2. As accións en que se divide o capital social da Corporación RTVG son transmisibles de conformidade co disposto no artigo 7.2. da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

3. A ampliación e diminución do capital social da Corporación RTVG requirirá, así mesmo, acordo da Xunta Xeral, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Financiamento

1. O sistema de financiamento da Corporación RTVG garantirá a suficiencia económica para o cumprimento da súa finalidade de servizo público de calidade dunha maneira eficaz, con garantía de independencia e obxectividade.

2. O financiamento da Corporación RTVG basearase nun sistema mixto mediante a percepción das compensacións polo cumprimento da misión de servizo público, ademais dos ingresos e rendementos das súas actividades e da participación no mercado da publicidade. As compensacións polo cumprimento das obrigas de servizo público consignaranse nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas compensacións terán carácter anual e non poderán superar o custo neto do servizo público prestado no correspondente exercicio orzamentario.

3. Para efectos do punto anterior, considérase custo neto a diferenza entre os custos totais e os seus outros ingresos distintos das compensacións. Se ao peche dun exercicio se constata que a compensación supera o custo neto realizado en tal período, o montante en exceso minorarase da compensación orzada para o exercicio seguinte a aquel en que se produciu tal exceso.

A Corporación RTVG adoptará un modelo de eficiencia na súa xestión orientado á contención e redución do custo neto e a máxima consecución dos ingresos das súas actividades ordinarias.

4. A Corporación RTVG poderá adquirir dereitos de emisión de contidos de gran valor no mercado audiovisual. Con todo, non poderá subcotizar os prezos da súa oferta comercial e de servizos nin utilizar a compensación pública para sobrepoxar fronte a competidores por dereitos de emisión sobre contidos de gran valor no mercado audiovisual.

TÍTULO III
Órganos da Corporación RTVG

Artigo 10. Órganos da Corporación RTVG

A Corporación RTVG estará composta polos seguintes órganos:

(i) O Consello de Administración.

(ii) O director ou directora xeral.

Sección 1ª. O Consello de Administración

Artigo 11. A composición do Consello de Administración

1. O Consello de Administración da Corporación RTVG comporase de sete (7) membros, dos cales un será, ao mesmo tempo, o director ou directora xeral.

2. Dentro do Consello de Administración crearase unha Comisión de Economía e Control. Así mesmo, o Consello de Administración, entre as funcións das que é titular, poderá levar a cabo a creación de novas comisións sempre e cando o interese da Corporación RTVG así o exixa.

Artigo 12. Elección dos membros do Consello de Administración

1. Os membros do Consello de Administración son elixidos polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos. Se esta maioría non se consegue no prazo de tres meses desde a primeira votación, será suficiente para a elección unha maioría de tres quintos.

2. Os/as candidatos/as propostos/as polos grupos parlamentarios deben ser persoas con acreditada experiencia profesional e recoñecido prestixio, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Terase en conta a pluralidade cultural, ideolóxica e política e procurarase o equilibrio de xéneros.

3. Os/as candidatos/as propostos/as polos grupos parlamentarios deberán comparecer perante a comisión correspondente na forma que determina o Regulamento da Cámara, co fin de examinar a súa idoneidade para o cargo.

4. A Xunta Xeral de Accionistas nomeará os membros do Consello de Administración elixidos polo Parlamento de Galicia.

5. As vacantes serán cubertas na forma que determinan os puntos anteriores, respectando a pluralidade de orixe. O mandato dos novos/as conselleiros/as terá unha duración equivalente ao tempo que lles quedase de mandato aos membros que substitúen.

Artigo 13. Estatuto persoal

1. Os membros do Consello de Administración terán dedicación exclusiva e estarán suxeitos ao réxime de incompatibilidades de altos cargos da Administración autonómica. A súa condición será en todo caso incompatible coa de membro do Parlamento ou do Goberno, co exercicio de calquera cargo de elección ou designación política e coa pertenza a organismos de dirección en partidos políticos, organizacións sindicais ou empresariais.

2. Os membros do Consello de Administración non poden ter intereses directos nin indirectos con empresas publicitarias, editoriais, xornalísticas, de produción ou distribución de películas cinematográficas ou de programas filmados ou gravados en magnetoscopio ou radiofónicos, discográficas ou en calquera tipo de entidade relacionada coa subministración ou dotación de material ou de programas á Corporación RTVG.

3. Os membros do Consello de Administración no exercicio do seu cargo actúan con plena independencia e neutralidade, sen que poidan recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Goberno, da Administración, dos partidos políticos ou doutras institucións ou entidades.

4. Os membros do Consello de Administración exercerán as súas funcións con suxeición aos deberes de dilixencia, fidelidade, lealdade, segredo e responsabilidade establecidos na lexislación mercantil, e axustarán a súa actuación aos principios de legalidade, obxectividade e bo goberno.

5. Os membros do Consello de Administración, incluída a directora ou director xeral, estarán vinculados á Corporación RTVG por unha relación mercantil, sen prexuízo das especialidades establecidas na lei.

6. O Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Facenda, aprobará as retribucións que lles correspondan percibir por directora ou director xeral e aos restantes membros do Consello de Administración, así como as indemnizacións que por asistencia lles poidan corresponder aos integrantes do Consello de Administración. As cantidades anteriores integraranse no orzamento da Corporación RTVG e, polo tanto, nos termos en que proceda, na lei de orzamentos que cada ano aprobe o Parlamento de Galicia.

Artigo 14. Duración do cargo de membros do Consello de Administración

1. O mandato dos membros do Consello de Administración é de cinco anos, contados desde o seu nomeamento, renovables unha soa vez.

2. O nomeamento dos primeiros membros do Consello de Administración deberá realizarse na data en que a Corporación RTVG adquira a súa personalidade xurídica.

3. Esgotado o mandato, os membros do Consello de Administración continuarán no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión dos novos conselleiros.

Artigo 15. Cesamento do cargo de membro do Consello de Administración

1. Os membros do Consello de Administración cesan no seu cargo por:

a) Finalización do prazo do seu mandato.

b) Renuncia expresa notificada formalmente ao consello.

c) Defunción.

d) Inhabilitación para o exercicio de cargo público ou por condena por delicto doloso, declarada en sentenza firme.

e) Por incompatibilidade sobrevida.

2. Os membros do Consello de Administración tamén cesarán no seu cargo por separación aprobada polo Parlamento de Galicia, por maioría de dous terzos, por proposta motivada da Xunta Xeral de Accionistas ou, polo menos, de catro membros do Consello de Administración, logo da instrución do correspondente expediente, con audiencia do interesado, por non desenvolver as súas funcións de acordo cos requirimentos que determinan a lei e as normas que a desenvolvan.

Artigo 16. Funcións do Consello de Administración

1. Sen prexuízo das funcións que lle corresponden de conformidade coa lexislación mercantil, o Consello de Administración da Corporación RTVG terá as seguintes funcións:

a) As facultades indelegables de acordo coa lexislación mercantil, isto é, a rendición de contas da xestión social e a formulación de contas á Xunta Xeral de Accionistas, e o exercicio daquelas facultades que a Xunta Xeral de Accionistas conceda ao Consello de Administración.

b) Nomear o persoal directivo designado pola directora ou director xeral e formalizar o seu cesamento no suposto de destitución pola directora ou director xeral.

c) Aprobar as directrices básicas en materia de persoal e o cadro de persoal.

d) Aprobar o regulamento interno e demais normas de funcionamento do propio consello.

e) Aprobar a creación dos órganos ou das comisións de participación, asesoramento ou de control interno.

f) Aprobar o plan anual de actividades, a memoria anual e os anteproxectos de orzamentos da Corporación RTVG elaborados pola directora ou director xeral.

g) Vixiar o cumprimento da misión de servizo público encomendada polo mandato marco e o contrato programa.

h) Aprobar a organización básica da Corporación RTVG e as súas modificacións.

i) Aprobar, por proposta da directora ou director xeral, o plan xeral de actuación da Corporación e os plans de programación das distintas canles de radio e televisión públicos.

l) Aprobar as normas reguladoras da emisión de publicidade tendo en conta os criterios de autorregulación do sector.

m) Aprobar o informe anual sobre a xestión da Corporación e sobre o cumprimento da misión de servizo público atribuída.

n) Aprobar os proxectos de orzamentos anuais de explotación e capital, así como os plans financeiros plurianuais previstos na normativa.

2. En relación coa especial función de servizo público prestada pola Corporación RTVG, corresponderalle a este sinalar as directrices en materia editorial da Corporación RTVG nas súas actividades, isto é, os principios conforme os cales deberá realizar as súas actividades.

Artigo 17. Modo de deliberar do Consello de Administración

1. O Consello de Administración reunirase en sesión ordinaria unha vez ao mes, como mínimo, e en sesión extraordinaria cando o determine a directora ou director xeral ou cando o solicite unha terceira parte dos seus membros.

2. Os acordos do Consello de Administración adoptaranse, con carácter xeral, por maioría dos seus membros, salvo que estes estatutos ou a lexislación mercantil establezan outra cousa.

3. A directora ou o director xeral terá voto de calidade para dirimir os posibles empates nas votacións que se efectúen no Consello de Administración.

4. O funcionamento do Consello de Administración rexerase polo que se estableza no regulamento de funcionamento interno que para estes efectos aprobe o Consello de Administración.

Artigo 18. Presidencia do Consello de Administración

1. A presidencia do Consello de Administración será puramente funcional e exerceranse de forma rotatoria os seus membros, excluída a directora ou director xeral, por un período de seis meses.

2. A presidencia do Consello de Administración terá como funcións a de convocar as sesións, ordenar os debates e conducir as deliberacións asegurando a súa boa marcha, conforme dispoñan o regulamento interno e as demais normas de funcionamento do propio consello.

3. A presidencia do Consello de Administración levará a cabo a organización e coordinación coa Comisión de Economía e Control da avaliación periódica do Consello de Administración, así como a coordinación entre o Consello de Administración e a directora ou director xeral.

4. En ningún caso quen exerza a presidencia do Consello terá función ningunha de representación ou dirección executiva da Corporación RTVG, que lle corresponderá á directora ou director xeral.

Artigo 19. Secretaría do Consello de Administración

1. O Consello de Administración nomeará un secretario ou secretaria que deberá ser licenciado/a en dereito, non poderá ter a condición de membro do Consello de Administración e actuará con voz pero sen voto.

2. As funcións da persoa titular da secretaría serán as seguintes:

a) Prestar asesoramento xurídico ao Consello de Administración para o correcto desempeño das súas funcións.

b) Preparar as reunións do Consello de Administración.

c) Expedir acta do que aconteza en tales reunións e levar un rexistro axeitado para o correcto desempeño da sociedade.

d) Certificar os acordos do Consello de Administración deixando constancia exhaustiva dos seus aspectos e das deliberacións.

3. Á persoa titular da secretaría seralle aplicable o réxime de incompatibilidades e deberes previsto para os membros do Consello de Administración, excepto o relativo á dedicación exclusiva.

Artigo 20. A Comisión de Economía e Control

1. No seo do Consello de Administración crearase unha Comisión de Economía e Control que será formada na primeira sesión do Consello de Administración e estará composta por 3 membros. Os membros da Comisión de Economía e Control desempeñarán o seu cargo por un período de tres anos e cesarán cando o fagan na súa condición de conselleiros/as ou cando así o acorde o Consello de Administración ou polo transcurso do prazo establecido para o desempeño do seu cargo.

2. Será competencia da Comisión de Economía e Control o seguimento do estado financeiro da Corporación RTVG, así como o estrito cumprimento do servizo público para o cal foi creada. Para iso, poderá requirir canta información coide necesaria para poder exercer as súas funcións.

3. En particular, a Comisión de Economía e Control terá, como mínimo, as seguintes competencias:

a) Supervisar as contas anuais de cada exercicio e formular as observacións que considere axeitadas.

b) Supervisar o plan anual de actividades, a memoria anual e os anteproxectos de orzamentos da Corporación RTVG.

c) Analizar as liñas xerais de asignación orzamentaria de cada exercicio e os criterios utilizados para a súa elaboración.

d) Supervisar os plans financeiros plurianuais.

e) Realizar un seguimento e análise da xestión e evolución da execución orzamentaria.

f) Efectuar o seguimento da evolución dos ingresos comerciais.

g) Supervisar, con carácter trimestral, a posición financeira da Corporación.

4. O funcionamento da Comisión de Economía e Control fixarase no regulamento de funcionamento que aprobe o Consello de Administración. En todo caso, a Comisión de Economía e Control reunirase cunha periodicidade, alomenos, trimestral, e cada vez que a convoque o seu presidente/a, que será elixido/a polo Consello de Administración na súa primeira sesión.

Sección 2ª. A directora ou o director xeral

Artigo 21. Nomeamento e cesamento

1. A directora ou director xeral exercerá de forma permanente as funcións de xestión e representación da Corporación RTVG. Será elixida ou elixido polo Parlamento de Galicia segundo o procedemento regulado na Lei 9/2011, do 9 de novembro, e a duración do seu mandato será de cinco anos prorrogables por idéntico período, por unha soa vez.

2. Unha vez elixida ou elixido polo Parlamento de Galicia, a directora ou director xeral será nomeada ou nomeado polo Consello de Administración na primeira sesión.

3. Producirase o cesamento da directora ou director xeral polas seguintes causas:

a) Por finalización do prazo do seu mandato.

b) Por imposibilidade física ou enfermidade superior na súa duración a seis meses continuos.

c) Por renuncia expresa notificada ao Consello de Administración.

d) Por defunción.

e) Por inhabilitación para o exercicio de cargo público ou por condena por delicto doloso, declaradas en sentenza firme.

f) Por incompatibilidade sobrevida.

g) Por revogación aprobada polo Parlamento de Galicia coa mesma maioría exixida para a súa elección.

4. A directora ou director xeral cesará automaticamente cando da liquidación do orzamento anual da Corporación RTVG e por causas imputables á súa xestión se constate a concorrencia das seguintes circunstancias:

a) Un empeoramento do resultado orzamentado cunha desviación igual ou superior ao 10 % da compensación suficiente aprobada para a prestación do servizo público.

b) A existencia dunha desviación orzamentaria por exceso igual ou superior ao 10 % das cifras aprobadas para o total das dotacións tanto do orzamento de explotación como do orzamento do capital, excluídos do cómputo do primeiro os impostos e os resultados e, do segundo, a variación do capital circulante.

5. Esgotado o mandato, a directora ou director xeral continúa no exercicio das súas funcións ata o nomeamento da nova persoa elixida para o cargo. Nos demais supostos, no caso de cesamento da directora ou director xeral e ata que se produza un novo nomeamento, cuxo mandato terá unha duración equivalente ao tempo que lle quedase de mandato a quen substitúe, as competencias e funcións da directora ou director xeral serán desempeñadas provisionalmente polo directivo de maior rango conforme o organigrama da Corporación RTVG.

Artigo 22. Funcións da directora ou director xeral

A directora ou director terá as seguintes funcións:

a) A representación da Corporación RTVG.

b) Adoptar, realizar e executar cantos actos, actuacións ou decisións sexan necesarios para o desempeño da dirección executiva da Corporación RTVG.

c) Elaborar o plan anual de actividades, a memoria anual e os anteproxectos de orzamentos da Corporación RTVG.

d) Actuar como órgano de contratación da Corporación RTVG.

e) Autorizar os pagamentos e os gastos da Corporación RTVG.

f) Organizar a dirección da Corporación RTVG.

g) Designar con criterios de profesionalidade e destituír o persoal directivo, logo de notificación ao Consello de Administración.

h) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos da Corporación RTVG.

i) Ditar as disposicións, instrucións e circulares relativas ao funcionamento da organización interna.

l) Propoñer, para o seu sometemento á Xunta Xeral de Accionistas, o nomeamento dos auditores de contas ou as sociedades de auditoría.

m) Exercer a xefatura superior do persoal da Corporación e desenvolver as directrices básicas do Consello de Administración en materia de persoal.

n) Cumprir e facer cumprir a lei e os acordos do Consello de Administración.

ñ) Establecer os criterios de programación e as directrices oportunas para que a programación cumpra a misión de servizo público encomendada.

o) Asinar o contrato programa convido baixo as directrices do mandato marco.

p) Asegurar o cumprimento da lexislación de protección dos datos de carácter persoal.

q) Calquera outra función non atribuídas expresamente á competencia doutros órganos.

Artigo 23. Estatuto persoal da directora ou director xeral

Será de aplicación á directora ou director xeral o establecido para os membros do Consello de Administración en materia de incompatibilidades e desempeño da súa función.

Artigo 24. Delegación de funcións

A directora ou o director xeral da Corporación RTVG poderán delegar e apoderar as funcións que teñen atribuídas en persoal da Corporación RTVG.

Sección 3ª. Outros órganos estatutarios

Artigo 25. A Xunta Xeral

A Xunta Xeral será o órgano supremo de expresión da vontade social. Corresponderanlle as funcións que especificamente lle confire a normativa mercantil e respectando sempre as especialidades contidas para este órgano na Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

Artigo 26. Clases de Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral de Accionistas ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio tendo como finalidade a aprobación da xestión social, as contas do exercicio anterior e resolver sobre a aplicación do resultado. A celebración da Xunta Xeral de Accionistas ordinaria fóra do prazo establecido non afectará a súa validez.

2. A Xunta Xeral que non estea prevista no punto anterior terá a consideración de Xunta Xeral de Accionistas extraordinaria.

Artigo 27. A Xunta Universal

Entenderase que a Xunta Xeral foi debidamente convocada e celebrarase no caso de que se encontre presente todo o capital social e así se acorde por unanimidade.

Artigo 28. Da convocatoria

1. A Xunta Xeral será convocada polo Consello de Administración para a súa celebración dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio.

2. O Consello de Administración convocará, así mesmo, a Xunta Xeral sempre que o considere necesario ou conveniente e, en todo caso, cando o solicite o socio único.

Artigo 29. Constitución

A Xunta quedará validamente constituída cando se cumpra o quórum previsto na lei, salvo o establecido para o caso da Xunta Universal

Sección 4ª. Outros órganos previstos legalmente

Artigo 30. O Consello Asesor

Terá a consideración de Consello Asesor da Corporación RTVG a comisión, sección ou órgano que para ese fin se sinale na estrutura da autoridade audiovisual independente de Galicia que para o efecto se constitúa por lei.

Artigo 31. O Consello de Informativos

O Consello de Informativos é o órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG co fin de velar pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles.

As normas de organización e funcionamento do Consello de Informativos aprobaraas o Consello de Administración, tras escoitar as organizacións sindicais respectivas.

Sección 5ª. Estatuto profesional

Artigo 32. O Estatuto profesional

O estatuto profesional da Corporación RTVG é un instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos ofrecidos polas distintas canles de radio, televisión e internet, en resposta aos principios xerais que inspiran a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

Correspóndelle ao Consello de Administración, tras escoitar as organizacións sindicais respectivas, a aprobación do estatuto profesional.

TÍTULO IV
Réxime de persoal

Artigo 33. Persoal de alta dirección

1. Estará suxeito a unha relación laboral especial aquel persoal directivo da Corporación RTVG cuxas funcións reúnan os requisitos exixidos polo ordenamento para que o seu contrato sexa cualificado como de alta dirección. As indemnizacións por extinción da relación laboral axustaranse ao previsto na norma que regule a relación especial do directivo de alta dirección.

2. O número de efectivos de persoal de alta dirección a que se refire o punto anterior debe estar relacionado no plan plurianual de actuacións e nos sucesivos contratos programa.

3. O persoal de alta dirección está suxeito ás incompatibilidades previstas para os membros do Consello de Administración.

Artigo 34. Outro persoal directivo

En calquera caso, será persoal directivo, con independencia de cal sexa o seu vínculo contractual, o persoal que ocupe postos designados como postos directivos pola estrutura organizativa da Corporación.

Artigo 35. Persoal laboral

1. O persoal ao servizo da Corporación RTVG estará sometido ás normas de dereito laboral. As relacións da Corporación RTVG co seu persoal rexeranse polas condicións establecidas no correspondente contrato de traballo, no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, nos convenios colectivos e nas demais normas que sexan de aplicación.

2. Á selección e contratación do persoal laboral serán aplicables as disposicións recollidas na Lei 6/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, relativas ás sociedades mercantís autonómicas.

3. A contratación do persoal laboral con carácter fixo realizarase conforme os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, mediante as correspondentes probas convocadas pola Corporación RTVG, logo do informe favorable dos centros directivos da Xunta de Galicia competentes en materia de orzamentos e función pública.

Artigo 36. Funcións en materia de persoal

1. Correspóndelle ao Consello de Administración:

a) A aprobación das directrices básicas en materia de persoal.

b) A aprobación do cadro de persoal.

c) O nomeamento do persoal directivo designado pola directora ou director xeral e o cesamento nos supostos de destitución pola directora ou director xeral.

2. Correspóndelle á directora ou director xeral:

a) A designación, con criterios de profesionalidade, e a destitución do persoal directivo, despois da notificación ao Consello de Administración.

b) O exercicio da xefatura superior de persoal da Corporación e o desenvolvemento das directrices básicas do Consello de Administración en materia de persoal.

c) A aprobación da estrutura organizativa básica de carácter xeral da Corporación.

d) A aprobación da estrutura organizativa do persoal directivo, determinando os postos directivos necesarios e as funcións que estes deben desenvolver.

e) A convocatoria e resolución de probas selectivas e a aprobación das súas bases.

f) A convocatoria e resolución dos concursos de traslados.

g) O exercicio das facultades disciplinarias.

h) A provisión dos contratos do persoal excluído da aplicación do convenio colectivo.

i) A aprobación dos regulamentos de réxime interior, así como os de organización interna, estrutural e funcional, para o cal ditará as circulares e instrucións precisas.

l) O impulso da formación profesional dos traballadores.

O/a director/a xeral poderá delegar ou apoderar para o exercicio destas funcións no directivo con competencia en materia de recursos humanos.

TÍTULO V
Réxime económico e orzamentario

Sección 1ª. Orzamentos, contabilidade e reservas

Artigo 37. Orzamentos

1. O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade, de intervención e de control financeiro da Corporación RTVG someterase ao establecido no artigo 103.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nas demais disposicións que lle sexan de aplicación, así como ás previsións establecidas na lei.

2. Xunto aos orzamentos de explotación e capital, a Corporación RTVG remitirá unha memoria da avaliación económica do investimento ou investimentos que se vaian iniciar no exercicio, así como a expresión dos obxectivos que se pretendan alcanzar nel.

Artigo 38. Contabilidade e reservas

1. Co fin de cuantificar o custo neto do servizo público, a Corporación RTVG debe dispoñer de separación de contas por actividades, así como levar un sistema de contabilidade analítica que separe a imputación de ingresos e custos da actividade de servizo público dos contidos comerciais e das restantes actividades.

2. A Corporación RTVG deberá proceder progresivamente á separación estrutural das súas actividades para garantir os prezos de transferencia e o respecto ás condicións do mercado.

3. O réxime económico-financeiro de contabilidade e control da Corporación RTVG será o establecido pola lexislación de réxime económico e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia para as sociedades mercantís autonómicas, sen prexuízo da aplicación do previsto na lexislación audiovisual de carácter básico aprobada polo Estado.

Artigo 39. Endebedamento

1. A Corporación RTVG e calquera outra sociedade en que posúa, directa ou indirectamente, a maioría do capital social só poderán realizar operacións de crédito, na medida e cos límites máximos establecidos na normativa vixente, para o financiamento dos seus investimentos en inmobilizado material e inmaterial e para atender necesidades transitorias de tesouraría.

2. Os límites de tal endebedamento quedarán fixados, para cada exercicio, na lei de orzamentos de cada ano.

A Corporación RTVG adecuará a xestión do seu orzamento ás previsións contidas nos correspondentes contratos programa.

Sección 2ª. Contas anuais

Artigo 40. Contas anuais e auditoría externa

1. As contas anuais da Corporación RTVG rexeranse polos principios e normas de contabilidade recollidos no plan xeral contable e deberán ser revisadas por auditores de contas conforme o disposto na lexislación mercantil.

2. As contas anuais serán formuladas polo Consello de Administración da Corporación RTVG e serán sometidas, xunto coa proposta de distribución de resultados, á aprobación da Xunta Xeral de Accionistas, de conformidade coa lexislación mercantil. Unha vez aprobadas e remitidas ao Parlamento autonómico para o seu coñecemento, a directora ou director xeral comparecerá perante a comisión de control parlamentario correspondente para a súa explicación.

Artigo 41. A formulación das contas anuais

1. No prazo de tres meses dende o peche do exercicio social, os/as administradores/as da sociedade están obrigados a formular as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado, así como, de ser o caso, as contas e o informe de xestión consolidados.

2. As contas anuais comprenderán o balance, a conta de perdas e ganancias, un estado que reflicta os cambios no patrimonio neto do exercicio, un estado de fluxos de efectivo e a memoria.

3. A memoria completará, ampliará e comentará o contido dos outros documentos que integran as contas anuais.

4. O informe de xestión terá que conter unha exposición fiel sobre a evolución dos negocios e a situación da sociedade, xunto cunha descrición dos principais riscos e incerteza a que se enfronta.

Artigo 42. Dos auditores de contas

1. As contas anuais, así como o informe de xestión serán, en todo caso, obxecto de revisión por auditores de contas nomeados de acordo co disposto na lei.

2. A Xunta Xeral disporá o necesario para o seu nomeamento e, no acordo que adopte para o efecto determinará o número de auditores e o período de tempo durante o cal exercerán as súas funcións, todo dentro dos límites e cos requisitos establecidos no artigo 264 da LSC e da normativa da contratación pública. Así mesmo, establecerá os criterios para a súa retribución.

Artigo 43. Aprobación das contas anuais e aplicación de resultado

1. As contas anuais aprobaraas a Xunta Xeral de Accionistas. A Xunta Xeral de Accionistas resolverá sobre a aplicación do resultado do exercicio de acordo co balance aprobado.

2. En todo caso, unha cifra igual ao dez por cento do beneficio do exercicio destinarase á reserva legal ata que esta acade, alomenos, o vinte por cento do capital social.

3. A reserva legal, mentres non supere o límite indicado, só poderá destinarse á compensación de perdas no caso de que non existan outras reservas dispoñibles suficientes para este fin.

4. A distribución de dividendos ás accións ordinarias realizarase en proporción ao capital que desembolsasen os accionistas.

TÍTULO VI
Patrimonio, contratación e exercicio de accións

Sección 1ª. Patrimonio

Artigo 44. Patrimonio

1. A Corporación RTVG terá, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia, integrado polo conxunto de bens, dereitos e obrigas de que sexa titular. Os bens e dereitos da Corporación RTVG serán, en todo caso, de dominio privado ou patrimoniais.

2. A xestión, administración, explotación e disposición dos bens e dereitos que integran o patrimonio da Corporación RTVG rexeranse polo disposto na lei, polas normas reguladoras do patrimonio da comunidade autónoma e, na súa falta, polo ordenamento privado.

3. Para o cumprimento da misión de servizo público a directora ou director xeral da Corporación RTVG poderá tomar en arrendamento edificios e locais para a sociedade e realizar, en xeral, calquera acto de administración sobre toda clase de bens, dereitos, valores, créditos e accións.

Sección 2ª. Contratación

Artigo 45. Principios e réxime de contratación

1. A Corporación RTVG axustará a súa actividade contractual aos principios de publicidade e concorrencia, conforme o disposto na normativa de contratación do sector público.

2. Os contratos para a compra, o desenvolvemento, a produción ou a coprodución de programas destinados á radiodifusión e os contratos relativos ao tempo de radiodifusión están excluídos do ámbito de aplicación da citada normativa.

3. Sen prexuízo do anterior, a actividade contractual da Corporación RTVG rexerase polo ordenamento xurídico privado.

Sección 3ª. Exercicio de accións

Artigo 46. Exercicio de accións

1. A Corporación RTVG poderá exercer todo tipo de accións en defensa dos seus dereitos en vía xudicial e administrativa, sen máis limitacións que as establecidas na lexislación vixente.

2. O asesoramento xurídico e a representación e defensa da Corporación corresponderá aos seus servizos xurídicos. Polo seu nomeamento, os avogados da Corporación quedan habilitados, tanto na Administración como perante os xulgados e tribunais de calquera orde xurisdicional, para o exercicio das súas funcións.

3. A Corporación poderá subscribir contratos de servizos xurídicos para a mellor defensa dos seus dereitos e intereses e para o axeitado desenvolvemento dos fins que lle foron encomendados.

4. O exercicio de demandas en nome da Corporación RTVG require autorización previa da dirección xeral.

5. Non se require autorización previa para responder as demandas ou para asumir a defensa nos xuízos correspondentes.

6. En casos de urxencia, o exercicio da acción pode ordenarse mediante decisión motivada dos servizos xurídicos da Corporación RTVG, por iniciativa do órgano de que se trate. Neste suposto, a resolución e o escrito polo cal se iniciou a decisión xudicial poñeranse en coñecemento da directora ou do director xeral para a súa ratificación. A non ratificación da acción dará lugar á súa desistencia.

7. Os avogados da Corporación RTVG interpoñerán os recursos contra as sentenzas ordinarias e os autos que sexan adversos á Corporación RTVG, salvo que a directora ou o director xeral autorice a non interposición.

Artigo 47. O dereito de rectificación e acción de cesación

1. En todo caso, a comunicación audiovisual respectará o honor, a intimidade e a propia imaxe das persoas e garantirá o dereito de rectificación.

O dereito de rectificación relativo ás informacións difundidas por radio, televisión ou polos soportes tecnolóxicos e medios electrónicos de que se sirva a Corporación RTVG exercerase nos termos establecidos pola normativa estatal sobre a devandita materia e pola normativa autonómica que se dite no seu desenvolvemento.

2. As persoas consumidoras e usuarias, de forma individual ou colectiva, conforme os seus dereitos e intereses lexítimos, poderán facer uso da acción de cesación de contidos e servizos, de conformidade cos termos e requisitos exixidos na lexislación vixente.

TÍTULO VII
Modificación de estatutos, transformación, fusión, escisión e disolución da Corporación RTVG

Artigo 48. Modificacións estruturais

1. Nos casos de modificación estatutaria, transformación, fusión e escisión da Corporación RTVG requírese autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, logo de iniciativa da Dirección Xeral da Corporación RTVG.

2. A disolución da Corporación RTVG requirirá o acordo favorable do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, oído o Parlamento de Galicia.

No caso de disolución da Corporación RTVG, o Consello da Xunta determinará, de ser o caso, o destino do haber social.

3. Nos supostos anteriores requírese autorización do Consello da Xunta, con carácter previo á aprobación dos acordos sociais que deban adoptarse segundo a lexislación mercantil.

TÍTULO VIII
Control externo

Artigo 49. Control parlamentario

1. O Parlamento de Galicia exerce o control da xestión e do cumprimento da función de servizo público encomendada á Corporación RTVG, a través da Comisión permanente de control da Corporación RTVG.

2. A Corporación RTVG presentará con carácter anual á devandita comisión parlamentaria un informe referido á execución do contrato programa e mandato marco e unha memoria sobre a execución da función de servizo público encomendada, referida ao conxunto das súas actividades, programacións, servizos e emisións.

3. Unha vez aprobadas e remitidas as contas anuais ao Parlamento autonómico, a directora ou o director xeral da Corporación RTVG comparecerá perante a comisión de control parlamentario correspondente.

Artigo 50. Control pola autoridade audiovisual

1. Cando a Corporación RTVG pretenda incluír novos servizos significativos, a autoridade audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia deberá avaliar se estes novos servizos se axustan á misión de servizo público encomendado e se alteran a competencia do mercado audiovisual.

2. A autoridade audiovisual determinará un procedemento de control periódico do financiamento público que recibe a Corporación RTVG, así como as medidas de reequilibrio necesarias para que o seu destino sexa o establecido.