O Concello da Mezquita eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da modificación puntual número 1 da delimitación do solo do núcleo rural de Sobreosmuíños, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, do 30 de decembro.
Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello da Mezquita e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:
I. Antecedentes.
I.1. O Concello da Mezquita non conta con planeamento xeral, polo que son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias provinciais, aprobadas definitivamente o 3 de abril de 1991.
I.2. A tramitación da modificación puntual da delimitación foi a seguinte:
• O Concello someteu á información pública a modificación puntual da delimitación durante o prazo dun mes, mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia do 23.9.2015 e Faro de Vigo do 26.9.2013 e no DOG do 24.9.2015. Durante o período de exposición non se presentou ningunha alegación.
• O Concello Pleno, en sesión do 29.10.2015, aprobou provisionalmente a modificación puntual da delimitación do solo do núcleo rural de Sobreosmuíños.
II. Análise e consideracións.
II.1. O ámbito da actuación é o núcleo rural común de Sobreosmuíños, cuxa delimitación como solo de núcleo rural foi aprobada definitivamente o 7.4.2015 (DOG do 5 de maio).
II.2. O obxecto da modificación puntual é corrixir as alíneas f) e j) da Ordenanza 1 do solo de núcleo rural común, para emendar os erros materiais detectados na redacción das citadas ordenanzas.
De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG e co artigo 3.a), en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
III. Resolución
Visto canto antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 1 da delimitación do solo do núcleo rural de Sobreosmuíños, no concello da Mezquita.
Segundo. Contra esta resolución cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Terceiro. Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2016
María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo