Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 15 de marzo de 2016 Páx. 9526

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Consumo

RESOLUCIÓN conxunta do 7 de marzo de 2016, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca o concurso de carteis do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida tradicionalmente e, en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación concibidas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta mesma lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras, desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo, capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma, consciente dos seus dereitos e responsabilidades que lles permita actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo responsable nos centros educativos da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

No ano 1983 a Asemblea da Organización das Nacións Unidas instituíu o Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, cuxa celebración conmemora o discurso que o presidente estadounidense John F. Kennedy pronunciou o día 15 de marzo de 1962 ante o Congreso do seu país, en que declarou que todos eramos consumidores.

Coa celebración, o 15 de marzo, do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras trátase de promover os dereitos fundamentais de todas as persoas consumidoras, de xeito que os seus dereitos sexan respectados e protexidos nun mercado cada vez máis cambiante.

Por iso, o coñecemento e a reflexión sobre os dereitos das persoas consumidoras desde unha perspectiva artística e plástica contribúe, mediante a súa divulgación, á sensibilización das novas xeracións como consumidoras e consumidores responsables, é dicir, como cidadáns preparados para actuar nunha sociedade altamente tecnificada e que se desenvolve a través de relacións económicas complexas e cambiantes, na cal a información e a formación son a principal arma para a defensa fronte ás desigualdades que presenta o mercado.

O Instituto Galego de Consumo conta cunha escola de formación e o Decreto 184/2011, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego de Consumo atribúe á Escola Galega de Consumo, entre outras funcións, o deseño e xestión de concursos, certames e exposicións en materia de formación e educación en consumo.

Co fin de promover o Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocan para o ano 2016 o Concurso de carteis do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto convocar un concurso de carteis que teñan como tema os dereitos das persoas consumidoras usando como vehículo a creación artística plástica.

Artigo 2. Participantes

2.1. Poderá participar nesta convocatoria o alumnado dos centros escolares públicos, privados e concertados de educación primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional de grao medio e de ensinanzas de réxime especial incluídos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.2. Establécense os seguintes niveis de participación:

a) Alumnado de 1º e 2º de educación primaria.

b) Alumnado de 3º e 4º de educación primaria.

c) Alumnado de 5º e 6º de educación primaria.

d) Alumnado de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria.

e) Alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria.

f) Alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio de formación profesional e de ensinanzas especiais.

Artigo 3. Dotación económica

Concederase un premio ao mellor cartel en cada un dos niveis de participación sinalados, consistente nunha tableta dixital HD.

Os premios, por unha contía total de 1.500 euros, faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 09 80 613A 640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2016, en que existe crédito adecuado e suficiente.

Artigo 4. Características dos carteis

Para poder participar no concurso cada alumno ou alumna deberá presentar un cartel relativo aos dereitos das persoas consumidoras e usuarias.

Os carteis que concursen en cada un dos distintos niveis de participación deben ter as seguintes características:

Presentarán unhas dimensións máximas de 50×70 centímetros. A técnica empregada será libre. No reverso do cartel consignaranse, en letras maiúsculas, para unha correcta identificación, os datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, título do cartel e enderezo e teléfono do centro escolar en que estean matriculados.

Deberán ser orixinais, non comercializados e non premiados con anterioridade.

No caso de incluír texto, estará redactado en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

Non poderán incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

Eliminaranse os estereotipos sexistas e/ou discriminatorios e fomentarase o igual valor de homes e mulleres.

Artigo 5. Prazo de presentación

O prazo para a presentación dos carteis comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 15 de abril de 2016.

Artigo 6. Presentación das solicitudes e carteis

1. Os traballos que se presenten irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola dirección do centro escolar conforme o modelo que figura como anexo I da presente resolución.

b) Unha copia en soporte papel ou dixital do cartel que se presenta ao concurso, segundo as características establecidas no artigo 4 desta resolución.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración publica galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Xurado

1. Os carteis que se presenten nos distintos niveis de participación serán examinados e avaliados por un xurado composto polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue.

Vicepresidente/a: a persoa titular da presidencia do Instituto Galego de Consumo ou persoa en que delegue.

Vogais:

Un representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Un representante do Instituto Galego de Consumo.

Un representante das Asociacións de Consumidores designado polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Secretaria: a persoa titular da dirección técnica da Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e polas recollidas na sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases da presente convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos, cando as características dos traballos así o permitan.

Artigo 9. Criterios de valoración

Os carteis presentados serán avaliados cunha puntuación máxima de 10 puntos, segundo os seguintes criterios:

Adecuación dos traballos ao tema proposto: ata 4 puntos.

Claridade da mensaxe: ata 2 puntos.

Creatividade e orixinalidade: ata 2 puntos.

Calidade técnica e artística: ata 2 puntos.

Artigo 10. Incompatibilidade

A concesión destes premios será incompatible con calquera outro premio concedido ao mesmo traballo con anterioridade á súa presentación ou con calquera axuda ou subvención para a súa realización, outorgada por outras administracións públicas ou por entidades privadas.

Artigo 11. Entrega dos premios

1. Os premios serán entregados materialmente no acto de entrega de premios que se celebre con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras ás persoas que resulten premiadas ou aos seus representantes.

2. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a documentación que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de que calquera das condicións establecidas para a súa concesión sexa incumprida, existirá obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 12. Difusión e publicación

A participación no concurso supón a aceptación de todas as súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos carteis que resulten gañadores, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Calquera apropiación indebida de dereitos de autor ou autoría nos carteis que se presenten ao concurso é responsabilidade da persoa que os presenta.

En aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Consumo publicarán na súa páxina web oficial a relación das persoas premiadas e os importes concedidos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 13. Retirada da documentación

As persoas interesadas ou quen as representan poderán solicitar ao Instituto Galego de Consumo a retirada dos carteis non premiados, no prazo de 30 días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se o concurso de premios non se resolve antes do 27 de maio de 2016.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e á presidencia do Instituto Galego de Consumo, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debería ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo isto sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer, se é o caso, calquera outro que xulguen procedente.

Artigo 15. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente, ante o órgano que a ditou, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Protección de datos de carácter persoal

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado: «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego de Consumo, encadrado na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego de Consumo, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida de Gonzalo Torrente Ballester, 1-3-5, baixo, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a igc.informacion@xunta.es

Disposición derradeira. Delegación de competencias

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2016

Sol María Vázquez Abeal

Román Rodríguez González

Presidenta do Instituto Galego de Consumo

Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file