O Concello de Cervo remite o expediente de referencia, e solicita a súa aprobación definitiva, de acordo co disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
Examinada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
• 29.7.2013: decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de non sometemento da modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.
• 2.12.2013: informe da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a non afectación a estradas de titularidade autonómica.
• 20.12.2013: informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas.
• 20.1.2014: informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, previamente á aprobación inicial.
• 5.8.2014: escrito da Delegación de Economía e Facenda en Lugo.
• 6.8.2014: informe favorable da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións.
• 18.9.2014: informe favorable a aprobación inicial da Unidade de Estradas do Estado en Galicia.
• 21.10.2014: informe favorable de ADIF, Administrador de Infraestruturas Ferroviarias.
• 17.10.2014: informe favorable de Augas de Galicia.
• 23.12.2014: informe da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar da Secretaría Xeral de Medio Ambiente.
• 3.2.2015: informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas.
• 18.8.2015: presentación no concello de novo proxecto de modificación co fin de emendar as deficiencias sinaladas nos informes de distintas administracións.
• 29.8.2015: informe da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.
• 18.9.2015: informe técnico municipal.
• 9.12.2015: informe da Secretaría municipal.
• 17.12.2015: aprobación provisional da modificación polo Concello Pleno.
II. Obxecto da modificación puntual.
As NNSS de planeamento do Concello de Cervo foron aprobadas definitivamente o 12.7.1978, sen contemplar a existencia da factoría de produción de alúmina, clasificando os terreos como solo apto para urbanizar, clasificación que se mantivo na adaptación á Lasga aprobada en 1993.
O obxecto da modificación é clasificar o ámbito da factoría, dunhas 116 ha, como solo urbano consolidado, conforme a realidade de facto concorrente pola transformación previa á entrada en vigor das NNSS, con amparo na planificación territorial: Decreto 1414/1973, que delimita a gran área de expansión industrial en Galicia, abarcando a «zona de expansión industrial de Lugo»; Decreto 3321/1974 que amplía a zona aos concellos de Cervo e Xove; e Decreto 1837/1975 que determina a configuración final dos ámbitos.
Os proxectos de instalacións do complexo Alúmina-Aluminio foron aprobados pola Orde do Ministerio de Industria de 3.12.1976, obtendo licenza municipal o 18.8.1977.
Enténdese de interese público o mantemento da actividade afectada pola presente modificación, factoría que, xunto coa anexa de produción de aluminio, constitúe un gran complexo industrial cunha incidencia económica de orde supramunicipal.
III. Análise e consideracións.
Analizado o documento aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 17.12.2015, e posto en comparación co informe emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 20.1.2014 con carácter previo á aprobación inicial, e coas observacións formuladas polos organismos con competencias sectoriais, púidose comprobar:
a) Incorporáronse as observacións sinaladas no informe da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar.
b) Canto as observacións introducidas polo informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas, incorporáronse as observacións sinaladas nos puntos 5.1, 5.2 e 5.4. Respecto do establecido no punto 5.3 referente aos terreos comprendidos na franxa dos primeiros 200 m desde a ribeira do mar, segue a haber terreos coa única categoría de solo rústico de protección forestal, cando lles corresponde, en todo caso, a de solo rústico de protección de costas, sen prexuízo da coexistencia de ambas as categorías.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.
IV. Resolución.
En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Cervo, no ámbito de Alúmina Española, S.A., deixando constancia expresa de que os terreos comprendidos na franxa dos primeiros 200 m desde a ribeira do mar, estarán clasificados como solo rústico de protección de costas, sen prexuízo da coexistencia co solo rústico de protección forestal.
Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.
Cuarto. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2016
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio