Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 8 de marzo de 2016 Páx. 8804

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 2 de marzo de 2016 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais de artes escénicas e de música, e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 301787.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e que cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, aos organizadores de festivais de música ou de artes escénicas celebrados en Galicia, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Celebración: o festival debe levarse a cabo entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro.

b) Antigüidade: o festival ten que ter realizado un mínimo de dúas edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.

c) Contratación artística: o festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable, para a modalidade A (festivais de música), e un 30 % do orzamento subvencionable para a modalidade B (festivais de artes escénicas).

d) Programación: o festival debe ofrecer un mínimo de seis compañías ou grupos.

e) Presenza de compañías galegas: só para a modalidade B (festivais de artes escénicas), as formacións ou compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 20 % do orzamento de contratación profesional artística do festival ou un mínimo do 30 % do total das actuacións profesionais artísticas que se ofrezan. Quedan excluídos do cumprimento deste requisito os festivais presentados á modalidade A (festivais de música).

f) Entradas de pagamento: polo menos un 50 % dos concertos ou representacións escénicas teñen que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de artes escénicas de rúa.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de marzo de 2016 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais de artes escénicas e de música, e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Destínase un total de 390.000 euros, dos cales 220.000 euros son para a modalidade A: festivais de música, e 170.000 euros para a modalidade B: festivais de artes escénicas, das aplicacións orzamentarias seguintes: 10.A1.432B.460.0, 130.000 euros, 10.A1.432B.470.0, 130.000 euros e 10.A1.432B.481.0, 130.000 euros, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para o ano 2016.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais