O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ditou, o día 30 de novembro de 2015, resolución pola que ordena a suspensión inmediata das obras consistentes na demolición dunha edificación existente e construción dunha edificación para uso residencial na rúa da Barxa, barrio da Lagoíña, parroquia de Nigrán, no termo municipal de Nigrán, provincia de Pontevedra, a retirada dos materiais preparados para ser utilizados na obra, a maquinaria afecta a ela, e a suspensión das correspondentes subministracións de auga, electricidade, gas e telecomunicacións ás obras que se ordena paralizar.
Ao non se poder realizar a notificación persoal daquela resolución a Juan Pérez Iglesias e Celsa Costas Salgueiro, mediante esta cédula, e ao abeiro do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), notifícaselles aos interesados a devandita resolución por medio dun anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado.
Tendo en conta que, en atención ao previsto no artigo 61 da LRXPAC, o acto non se publica na súa integridade, fáiselles saber aos interesados que o texto íntegro da resolución que se notifica encóntrase ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sitas no Edificio Witland, Salgueiriños, en Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula no Boletín Oficial del Estado. Transcorrido o dito prazo a notificación entenderase producida.
Contra a devandita resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poden interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que se producise a notificación, ante o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, ou ben, se non exerce o seu dereito a presentar recurso potestativo de reposición, poden interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo en cuxa circunscrición radique o inmoble afectado, conforme o disposto no artigo 14.1, regra terceira da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Para que conste e lles sirva de notificación aos citados interesados en cumprimento do disposto no artigo 59.5 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, expido e asino esta cédula.
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2016
José Antonio Cerdeira Pérez
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística