Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 29 de febreiro de 2016 Páx. 7455

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 26 de febreiro de 2016 pola que se deixa sen efecto a Orde do 11 de febreiro de 2016 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega na empresa Transportes Pellejero e Hijos, S.L., que comeza o día 15 de febreiro de 2016 e se estenderá desde a dita data con carácter indefinido.

A Constitución española, no artigo 28.2º, recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma, establece que o exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionada ao mantemento dos servizos esenciais fixados. O artigo 3 deste do mesmo decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

Correspóndelle á Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), en virtude do establecido no artigo 10 da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, a función de xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no Plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido, engade no parágrafo segundo do dito artigo 10 que toda a xestión de Sogama se realizará de xeito que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos na devandita lei, e nos correspondentes plans de residuos da Xunta, para o cal deberá concertar as súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso.

No Diario Oficial de Galicia do 12 de febreiro de 2016 publicouse a Orde do 11 de febreiro de 2016, pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega, na empresa Transportes Pellejero e Hijos, S.L., que comeza o día 15 de febreiro de 2016 e que se extenderá desde a dita data con carácter indefinido.

O contrato de servizo integral de transporte combinado de residuos urbanos entre a empresa Transportes Pellejero e Hijos, S.L. e Sogama finaliza o día 29 de febreiro de 2016 ás 24.00 horas, como queda acreditado no escrito do 25 de febreiro dirixido polo presidente de Sogama á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Unha vez concedido prazo de audiencia á devandita mercantil para o efecto de que realizase as alegacións oportunas, cómpre deixar sen efecto a Orde do 11 de febreiro 2016.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo único

Deixar sen efecto a Orde do 11 de febreiro de 2016 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega na empresa Transportes Pellejero e Hijos, S.L., que comeza o día 15 de febreiro de 2016 e se estenderá desde dita data con carácter indefinido.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio