Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 25 de febreiro de 2016 Páx. 7019

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de febreiro de 2016 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo.

Mediante Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro), fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do consello social o/a reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o/a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo consello de goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

A Lei 6/2013 no seu artigo 77.3 establece que a representación dos intereses sociais no consello social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do consello social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

O 28 de xaneiro de 2016 o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo comunica á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a designación de Emilio Fernández Zunzunegui como representante do sindicato Comisións Obreiras no Consello Social da UVigo, en substitución, por finalización de mandato, de Xosé Paraños Pardo.

O 4 de febreiro de 2016 o Consello Social da Universidade da Coruña comunica á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o nomeamento dos seguintes membros: Julio Ernesto Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña, polo Decreto 1/2016, do 8 de xaneiro, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como membro nato do Consello Social da UDC; Carlos Aymerich Cano, secretario xeral da Universidade da Coruña, pola Resolución do 12 de xaneiro de 2016 do reitor da dita universidade, como membro nato do Consello Social da UDC, en substitución de Carlos Amoedo Souto e a Salvador Naya Fernández, en representación do profesorado da Universidade da Coruña no Consello Social da UDC, por acordo do Consello de Goberno da citada universidade na súa sesión do 27 de xaneiro de 2016, en substitución de Ricardo Cao Abad.

Xúntase declaración xurada de compatibilidade dos novos membros dos consellos sociais.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a Emilio Fernández Zunzunegui, en representación do sindicato Comisións Obreiras no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución, por finalización de mandato, de Xosé Paraños Pardo.

Artigo 2

Nomear como membro nato do Consello Social da Universidade da Coruña a Julio Ernesto Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña, nomeado polo Decreto 1/2016, do 8 de xaneiro, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3

Nomear como membro nato do Consello Social da Universidade da Coruña a Carlos Aymerich Cano, secretario xeral da Universidade da Coruña, nomeado pola Resolución do 12 de xaneiro de 2016 do reitor da dita universidade, en substitución de Carlos Amoedo Souto.

Artigo 4

Nomear a Salvador Naya Fernández, en representación do profesorado da Universidade da Coruña, no Consello Social da Universidade da Coruña, en substitución de Ricardo Cao Abad.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria