Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 22 de febreiro de 2016 Páx. 6539

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (194/2015).

María Teresa Vázquez Abades, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento execución de títulos xudiciais 194/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de Pablo Fernández López contra Plantel Servicios y Obras, S.L., Fondo de Garantía Salarial, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

Auto:

Maxistrada xuíza

Paula Méndez Domínguez

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2016.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Pablo Fernández López presentou, o 20 de xullo de 2015, demanda de execución contra Plantel Obras y Servicios, S.L., instando a execución da sentenza número 61/2012, ditada no procedemento de despedimento número 484/2011, seguido ante este xulgado e ditada o día 8 de marzo de 2012, a cal, unha vez notificada ás partes, se declarou firme.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución mediante o auto do 25 de agosto de 2015, por dilixencia de ordenación da mesma data acordouse citar as partes e o Fogasa para a comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 280 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia non compareceu a parte executada nin o Fogasa malia constaren citados. Compareceu a parte executante quen, aberto o acto, se ratificou na demanda executiva e solicitou o recibimento do preito a proba. Practicáronse as probas propostas e admitíronse co resultado que consta en autos e, tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados:

Primeiro. Resulta probado e así se declara que nos autos de despedimento número 484/2011, seguidos ante este xulgado, se ditou sentenza do 8 de marzo de 2012, cuxa resolución é do teor literal seguinte: «Que estimo a demanda interposta por Pablo Fernández López fronte á mercantil Plantel Servicios y Obras, S.L., declaro improcedente o despedimento do demandante e condeno a parte demandada a que opte, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, ou ben por readmitir o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, ou ben pola extinción da relación contractual con aboamento dunha indemnización de 4.369,30 euros, en ambos os casos con aboamento dos salarios de tramitación desde a data do despedimento (1.7.2011) ata a sentenza (244 días) por importe de 9.921,04 euros, así como os que se devindiquen ata a notificación de sentenza, a razón de 40,66 euros por día».

Dáse por integramente reproducido o contido da citada sentenza existente en autos, onde consta o salario regulador do executante para efectos do despedimento –1.236,69 euros mensuais incluídos todos os conceptos– e antigüidade –2 de marzo de 2009–.

Segundo. O demandante presentou, con data do 19.4.2012, demanda de execución da referida sentenza, instando que se ditase auto de extinción da relación laboral con fixación das cantidades correspondentes en concepto de indemnización e salarios de trámite.

Terceiro. Esta demanda deu lugar á incoación dos autos de ETX 85/2012, en que se ditou auto do 11.5.2012 cuxa parte dispositiva sinala: «Dispoño denegar a execución solicitada por Pablo Fernández López, por non cumprir a solicitude de execución os requisitos do artigo 235 e 237 da LRXS, referidos á firmeza da sentenza, dado que no procedemento de que dimana tal execución non consta a firmeza da sentenza». O dito auto non consta notificado nin ao executante, nin á executada nin ao Fogasa (Véxanse autos de ETX 85/2012 deste xulgado).

Cuarto. A mercantil executada non readmitiu o executante nin presentou escrito en que efectuaba a opción no prazo conferido legalmente para tal efecto na sentenza.

Quinto. A mercantil executada pechou os seus centros de traballo e atópase sen actividade (ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Sexto. A mercantil Plantel Obras y Servicios, S.L. está declarada en situación de insolvencia provisional por importe de 545,98 euros, en virtude de resolución ditada no procedemento de execución de títulos xudiciais 143/2011, que se segue ante o Xulgado do Social número 2 de Ourense. Tal insolvencia consta publicada no BORME do 4.5.2012. Así mesmo, consta en autos declarada en situación de insolvencia provisional por importe de 12.911,39 euros, en virtude de decreto do 16/04/2013 ditado por este xulgado nos autos de execución de títulos xudiciais nº 101/2011 (véxase documental presentada pola parte executante no seu ramo de proba e documental existente en autos).

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante ET), en caso de se ter declarado a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso– entenderase que procede a readmisión. Por tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola cal o lexislador permite ao traballador, no caso de que non se proceda á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante LRXS).

O artigo 281 da LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da dita resolución, acordará que se lle aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos números un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Corresponde, xa que logo, á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario suporía obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados ut supra resultan da documental existente en autos, procedente do procedemento declarativo de que dimana a presente execución e da documental presentada pola parte executante no acto da comparecencia, así como do procedemento de execución de títulos xudiciais nº 85/2012 que se seguiu ante este xulgado. A parte executante acreditou a través das ditas probas a improcedencia do despedimento e a obriga da executada de optar ben pola readmisión ben pola indemnización nos termos sinalados na sentenza, así como a falta de exercicio da dita opción, por non se ter presentado o escrito correspondente no prazo conferido na sentenza, polo que se debe entender que a empresa optou en realidade pola readmisión conforme o indicado na resolución da sentenza.

Nada acreditou, porén, a executada en relación coa readmisión do executante pois, dada a súa actuación procesual, non despregou ningunha actividade probatoria, de modo que non cumpriu coa carga probatoria que lle incumbía, que era a efectiva e correcta readmisión do traballador nos termos sinalados na sentenza de despedimento.

Con base na valoración conxunta da proba practicada e nos preceptos legais ut supra citados, procede declarar a extinción da relación laboral. Conforme os ditos preceptos, a extinción da relación laboral debería acordarse na data da presente resolución, con condena da executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos números 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2, alíneas b) e c) da LRXS, que comportarían o cálculo da indemnización na data da presente resolución e os salarios de tramitación devindicados ata ela.

Malia o anterior, no suposto de autos a parte executante insta que se declare a extinción da relación laboral con efectos do 15.3.2012, que é a data en que lle foi notificada a sentenza, e que se despache a execución pecuniaria polas cantidades indicadas na sentenza, que ascenden a 4.369,30 euros en concepto de indemnización e 9.921,04 euros en concepto de salarios de trámite devindicados ata a data de notificación da sentenza o día 15.3.2012. Estas peticións deben ser acollidas dado o principio de congruencia que debe rexer no ditado das resolucións xudiciais e o principio dispositivo, pois non se pode conceder nesta resolución máis do pedido pola parte, dado que iso comportaría unha incongruencia por extra petita. A petición da parte executante cohonesta, en puridade e de modo parcial, coa prescrición que concorrería respecto da acción de readmisión conforme o artigo 279 da LRXS, dado que mesmo cando o auto ditado na executoria 85/2012 que lle denega o despacho da execución non lle foi notificado, non consta instada de novo a execución ata o 20.7.2015 mediante presentación da demanda executiva que deu lugar ao presente procedemento. Porén, a prescrición da acción de readmisión non foi alegada pola executada nin polo Fogasa, que non asistiron á comparecencia, malia constaren citados en legal forma, e non pode ser apreciada de oficio, a diferenza do que sucede coa caducidade, polo que, atendido o resultado da proba practicada do que, como se indicaba, se infire que non existiu readmisión pola empresa, se está no caso de estimación da demanda executiva en canto á acción de non readmisión e conseguinte extinción da relación laboral e, así mesmo, con base no principio de congruencia e dispositivo, en canto á limitación da execución pecuniaria. De modo que tendo limitado a propia parte executante a súa petición tanto no relativo á data de efectos da extinción da relación laboral, que fixa no día de notificación da sentenza, como no relativo ás cantidades da execución, pois limita a petición ao concedido na sentenza tanto en concepto de indemnización como de salarios de tramitación, deberán terse en conta as ditas cantidades.

Terceiro. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, débese observar o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Declaro extinguida a relación laboral que unía a Pablo Fernández López con Plantel Servicios y Obras, S.L., con data de efectos extintivos do 15 de marzo de 2012, e condeno a Plantel Servicios y Obras, S.L. a lle aboar a Pablo Fernández López a suma de 4.369,30 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral e a suma de 9.921,04 euros en concepto de salarios de tramitación devindicados desde o despedimento ata a notificación da sentenza.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa esta resolución e fágaselles saber que contra ela poden interpor recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina Paula Méndez Domínguez, maxistrada titular do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

Dilixencia. Seguidamente se cumpre o ordenado. Dou fe.

E para que sirva de notificación en legal forma a Plantel Servicios y Obras, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2016

A secretaria xudicial