Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2016 Páx. 6418

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2016 pola que se convoca unha xornada sobre eficiencia e transparencia na contratación pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase unha xornada sobre eficiencia e transparencia na contratación pública, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Son obxectivos, entre outros, desta xornada pór de manifesto ferramentas concretas que tendan á eficiencia na contratación desde o deseño dos contratos ata a súa execución. Analizaranse boas prácticas na redacción de condicións de solvencia e de criterios de adxudicación, desde a óptica da visión dos pronunciamentos do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e os tribunais de recurso especial. Expoñeranse exemplos concretos de municipios e autonomías.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Boas prácticas en materia de contratación pública.

– A revisión do prezo do contrato.

– Os problemas na execución do contrato: equilibrio económico e extinción do contrato.

– A distribución dos contratos en lotes.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, das universidades do Sistema Universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, salón de actos, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 11 de marzo de 2016.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 7 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/.

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 9 de marzo de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización da xornada e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública