Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 28 de xaneiro de 2016 Páx. 3103

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 14 de xaneiro de 2016 pola que se crea a oficina Doing Business en Galicia e se dá publicidade aos modelos de propostas para a mellora da regulación económica e de comunicación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial.

A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, establece entre as súas finalidades e obxectivos a necesidade de que as administracións públicas traballen medidas concretas para fomentar o emprendemento e apoiar as persoas emprendedoras como axentes dinamizadores da economía en Galicia como consecuencia do alto grao de representatividade das pequenas e medianas empresas, determinantes do crecemento económico e soporte para a creación de emprego. Así mesmo, establece que o contexto de incerteza actual require, máis que nunca, unha xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos, creando ámbitos favorables que aceleren e consoliden a actividade emprendedora.

A lei xa estableceu un réxime xurídico único do exercicio de actividades en Galicia, eliminando de maneira plena e efectiva a licenza de apertura previa á instalación e ao comezo da actividade (licenzas de actividade ou instalación e de apertura ou funcionamento).

Por outra banda, a Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, garante o principio de unidade de mercado no territorio nacional e, en particular, garante a integridade da orde económica e facilita o aproveitamento de economías de escala e alcance do mercado mediante o libre acceso, exercicio e a expansión das actividades económicas en todo o territorio nacional garantindo a súa adecuada supervisión. A través da rede de puntos de contacto creada pola lei, garántese a eliminación de barreiras á unidade de mercado que, tal e como sinala o seu preámbulo, poden eliminarse tamén adoptando criterios de boa regulación económica.

É preciso continuar a mellora e reforma na regulación que afecta as empresas de xeito que se eliminen trabas, duplicidades e restricións e se establezan medidas que favorezan a actividade empresarial e se dea cumprimento aos principios de boa regulación que se exixen e conteñen tanto na Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia como na Lei de garantía de unidade de mercado.

Nese sentido, a Consellería de Economía, Emprego e Industria participa co Ministerio de Economía e Competitividade a través do ICEX e as institucións internacionais no Proxecto Doing Business do Grupo Banco Mundial para a recopilación e a análise dos datos cuantitativos para obter indicadores que permitan comparar os trámites e os tempos nas distintas fases de vida das empresas. Cómpre que os cidadáns poidan efectuar propostas e suxestións para a boa regulación e poñer en coñecemento da Administración autonómica os obstáculos regulatorios á actividade empresarial de xeito que o órgano competente reciba a información e modifique ou propoña as modificacións precisas.

De conformidade co Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro), a Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde, entre outras, o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da promoción e dinamización da economía, investigación, desenvolvemento e innovación, industria, comercio interior e comercio exterior. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria é o punto de contacto da Comunidade Autónoma en materia de garantía de unidade de mercado, polo que debe tamén actuar como oficina do proxecto Doing Business e recibir a información dos emprendedores relativa á mellora da regulación económica.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, autoridade designada pola Comunidade Autónoma como punto de contacto para a unidade de mercado, actuará como oficina do proxecto Doing Business en Galicia.

Segundo. Dar publicidade aos modelos de proposta para a mellora da regulación económica e de comunicación de obstáculos e barreiras á competitividade económica, que figuran como anexos I e II desta orde.

Terceiro. Informar que a oficina Doing Business en Galicia, así como os modelos estarán dispoñibles na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Cuarto. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

No suposto de que o solicitante ou o representante non autoricen a Consellería de Economía, Emprego e Industria a consultar os datos de identidade da persoa, deberán presentar copia do DNI/NIE.

Quinto. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non foi posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Sétimo. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, andar 4º, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es .

Oitavo. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán, da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Noveno. Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Décimo. Esta orde terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file