Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 51483

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 7 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016, con financiamento plurianual.

O 28 de agosto de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 7 de agosto pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

A experiencia derivada da implantación deste programa, cun número de persoas solicitantes inferior en relación ás previsións iniciais, determina a necesidade de flexibilizar os requisitos esixidos para adquirir a condición de persoa beneficiaria. Neste sentido, estimase oportuno permitir a posibilidade de presentar solicitudes das persoas inquilinas de contratos de arrendamento respecto ás cales se presentara demanda de desafiuzamento por non pagamento de rendas, sen necesidade da existencia dunha resolución xudicial de finalización do citado procedemento xudicial, como acontecía con anterioridade á presente modificación.

Así mesmo, a vulnerabilidade na que se atopa o colectivo de vítimas de violencia de xénero para acceder a unha vivenda ou para satisfacer as rendas da súa vivenda habitual xustifica a súa inclusión no ámbito subxectivo de aplicación deste programa.

Finalmente, considerase conveniente estender os beneficios deste programa para aquelas unidades de convivencia que foron privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

Por outra banda, procédese á convocatoria destas axudas para a anualidade 2016, cun financiamento plurianual para os anos 2017 e 2018, e con tramitación anticipada de gasto.

Esta convocatoria suxeitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do do 8 de xaneiro. A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016 habilítanse créditos para o financiamento da axuda do Bono de Alugueiro Social.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo primeiro. Modificación da Orde do 7 de agosto de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015- 2020.

Se modifica a Orde do 7 de agosto de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, nos termos que se recollen a continuación:

Un. Modificase o parágrafo 1º do artigo 2, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións

1. As subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social están destinadas a atender con carácter urxente ás seguintes unidades de convivencia:

a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron a interposición pola persoa arrendadora, dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas ou por unha resolución xudicial de terminación dun procedemento da mesma natureza.

b) As vítimas de violencia de xénero con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude, se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscritos a unha administración pública.

c) Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.»

Dous. Modifícase o parágrafo 1º do artigo 3, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia durante polo menos os 12 meses anteriores á data da solicitude da axuda.

b) Que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia a constituír o seu domicilio habitual e permanente.

d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvenciona non supere os importes sinalados no artigo 6.

e) Que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o artigo 4, sexan inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (IPREM).

f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña unha vivenda en propiedade ou en usufruto no territorio nacional.

g) Que nin a persoa arrendataria nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grado, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas ou por unha resolución xudicial de terminación dun procedemento da mesma natureza, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no apartado 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento teña unha duración non inferior a 12 meses.

b) Que entre a presentación da solicitude da axuda e a comunicación da interposición da demanda ou da notificación da resolución xudicial de terminación do procedemento non transcorreran máis de 6 meses.

3. No caso de mulleres pertencentes ao colectivo de vítimas de violencia de xénero, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no apartado 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que a situación de violencia de xénero se producira nunha relación de convivencia.

b) Que teñan cesado dita convivencia nos doce meses anteriores á presentación da solicitude.

c) Que leven residindo polo menos dous meses antes da presentación da solicitude, nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para mulleres que sofren violencia de xénero e adscritos a unha Administración pública.

d) Que o documento acreditativo da situación de violencia, sinalado no artigo 9 desta orde, fora adoptado ou emitido nos 6 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Así mesmo, é preciso que a orde de protección ou a medida cautelar estean vixentes na data de presentación da solicitude e se manteña á data da resolución desta axuda.

4. No caso de unidades de convivencia, privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc. deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no apartado 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, acaecida nos 6 meses anteriores á presentación da solicitude.

b) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña unha vivenda en propiedade ou en usufruto no territorio nacional, distinta da que constituía a súa residencia habitual.

Tres. Modificase o artigo 9, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 9. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Declaración responsable de todos os membros da unidade de convivencia (anexo II). No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo por cada unha delas. Na citada declaración responsable poderanse outorgar a favor do IGVS as seguintes autorizacións:

a) Autorización para consultar os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. No caso de non outorgala, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

b) Autorización para consultar os datos de residencia no Sistema de verificación de datos de residencia. No caso de non outorgala, deberase presentar o certificado de empadroamento que acredite, na data da solicitude, a súa residencia habitual.

c) Autorización para consultar se son perceptores/as doutras subvencións de análoga finalidade.

d) Autorización, de ser o caso, para comprobar a condición de discapacidade das persoas que integran a unidade de convivencia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de non autorizar a consulta ou de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá presentarse a correspondente documentación.

2. Contrato de arrendamento de vivenda e presentación do xustificante do depósito da fianza ou indicación do código de procedemento, número de expediente e ano de presentación do depósito da fianza. No caso de descoñecer se foi presentada a fianza, indicarase o seu descoñecemento na folla de solicitude.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, deberase presentar no prazo dun mes, a contar desde a notificación da resolución de concesión da axuda, acompañado do xustificante do depósito da fianza, dos certificados de empadroamento das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido no apartado 9 deste artigo.

3. No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

4. No seu caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

5. Compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do programa de Bono de Alugueiro Social (anexo III). Neste anexo indicarase tanto o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora no que se realizará o ingreso da subvención mensual do Bono de Alugueiro Social, como o número de conta da persoa arrendataria no que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

Neste anexo III poderase asinar ademais unha autorización da persoa arrendadora a favor do IGVS para a consulta dos seus datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo, que a desenvolve. No caso de non asinar esta autorización, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

6. Para o caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, deberán aportar ademais a copia da demanda interposta ou a copia da resolución xudicial de terminación do procedemento.

7. Para o caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, deberán acreditar esta condición mediante a presentación dalgún dos seguintes documentos:

a) Certificación, testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

c) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente no que conste a existencia de ditos indicios.

d) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local nos que se recolla a dita condición e a data na que se produciu o cesamento da convivencia.

e) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local no que se recolla a dita condición e a data na que se produciu o cesamento da convivencia.

8. Para o caso das persoas privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, deberán aportar os seguintes documentos:

a) Título que acredite a súa condición de persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda afectada polos danos.

b) Memoria que acredite a inhabitabilidade da vivenda polos danos sufridos.

c) Reportaxe fotográfica onde se reflictan os danos sufridos pola vivenda.

d) Certificado de empadroamento das persoas que integran a unidade de convivencia na data na que se produciron os danos na súa vivenda habitual.

9. Informe dos servizos sociais do concello, que terá o seguinte contido:

I) A composición da unidade de convivencia.

II) Os ingresos de cada unha das persoas que integran a unidade de convivencia, conforme ao sinalado no artigo 4, e a situación económica na que se xustifique a dificultade do pago da renda da vivenda que se vaia a subvencionar.

III) O seu grado de integración social. En concreto, debe informarse se as persoas que integran a unidade de convivencia incumpriron reiteradamente as normas da comunidade de propietarios/as. A estes efectos, poderán ser excluídas destas axudas aquelas persoas que, en virtude do informe emitido polos servizos sociais, conste que incumpriron reiteradamente as devanditas normas.

IV) Unha memoria de actuación para o apoio á unidade de convivencia na que se indiquen os recursos postos á súa disposición, orientados á recuperación da economía familiar.

V) A necesidade, de selo caso, da participación nun proxecto individualizado no que se defina o itinerario, os recursos e o conxunto de obrigas e compromisos da persoa beneficiaria e da súa unidade de convivencia, orientado á recuperación da economía familiar.

VI) As distintas axudas, cos seus importes, que para a mesma finalidade poida recibir a unidade de convivencia.

VII) Unha proposta da duración temporal desta axuda, en atención ás circunstancias concorrentes na correspondente unidade de convivencia.

VIII) Ademais, para o caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas:

a) O número do procedemento xudicial de desafiuzamento por non pagamento de rendas do que sexa ou fora parte a persoa solicitante, con indicación da data da interposición da demanda ou, de ser o caso, da resolución xudicial da terminación do procedemento.

b) A duración do contrato de alugueiro que motivou o procedemento de desafiuzamento.

IX) Ademais, para o caso de que a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero se fixera mediante a presentación dalgún dos documentos sinalados nas letras a), b) e c) do apartado 7 deste artigo, o informe social deberá acreditar que a situación de violencia sucedeu no ámbito dunha relación de convivencia.

X) No caso de unidades familiares privadas da súa vivenda habitual, por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, o informe social sinalará a posible situación de desamparo da unidade de convivencia.

Catro. Modificase o apartado 3º do artigo 17, que queda redactado do modo seguinte:

«3. A documentación xustificativa do pagamento da parte da renda que lle corresponde satisfacer á persoa arrendataria, deberase presentar na Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda dentro dos 10 primeiros días naturais de cada mes. A tales efectos, só será válida a xustificación realizada mediante a achega do extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento no número de conta sinalado pola persoa arrendadora no anexo III».

Cinco. Modifícase o artigo 18, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 18. Pagamento das subvencións

Unha vez acreditada pola persoa beneficiaria a xustificación do pagamento da súa parte da renda mensual, procederase ao pagamento da subvención mensual do Bono de Alugueiro Social, mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora. No caso da xustificación da axuda complementaria conforme ao sinalado no artigo 17.4, procederase ao seu pagamento mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria.>>

Seis. O anexo I da Orde do 7 de agosto de 2015 modificase polo anexo I que se xunta a esta orde.

Sete. O anexo III da Orde do 7 de agosto de 2015 modificase polo anexo III que se xunta a esta orde.

Artigo segundo. Convocatoria das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 para o ano 2016, con financiamento plurianual.

Primeiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas do programa do Bono de Alugueiro Social prevista nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 7 de agosto de 2015, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, publicada no DOG nº 164, do 28 de agosto de 2015, segundo a redacción dada por esta orde.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é proceder á convocatoria no exercicio 2016, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015- 2020.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria correspondentes aos exercicios 2016, 2017 e 2018 faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 1.425.000 euros para a anualidade 2016, 1.600.000 euros para a anualidade 2017 e 1.000.000 euros para a anualidade 2018.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias da axuda as solicitantes que cumpran os requisitos e condicións sinalados no artigo 3 das bases reguladoras, segundo a redacción dada por esta orde.

Quinto. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I desta orde, debidamente cuberto, e ao que se xuntará a documentación que nel se indica. Deberase dirixir á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude por vía electrónica será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, podendo utilizar para iso o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

5. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que ningunha das persoas da unidade de convivencia ten solicitado ou obtido subvencións ou axudas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados. No caso de que se solicitaran ou concederan outras axudas para a mesma finalidade, deberanse indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten unha vivenda en propiedade ou en usufruto no territorio nacional.

d) Declaración responsable de que a ningunha persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grado, coa persoa arrendadora da vivenda, ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude son certos.

6. No modelo de solicitude poderán asinarse as seguintes autorizacións a favor do IGVS:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante, poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non asinar á autorización, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, para acreditar a súa identidade, poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non asinar á autorización, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

c) Para consultar os datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No caso de non asinar á autorización, deberase presentar o certificado de empadroamento.

Sexto. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación sinalada no artigo 9 das bases, segundo a redacción dada por esta orde.

Sétimo. Prazo para a presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso o día 30 de novembro de 2016.

Oitavo. Órganos competentes para instruir e resolver o procedemento

De conformidade co artigo 12 das bases reguladoras, a tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda é competencia da Área Provincial do IGVS que corresponda por razón da situación da vivenda. A resolución será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Noveno. Prazo de resolución e notificación. Recursos

1. De conformidade co artigo 14.2 das bases reguladoras, o prazo máximo para ditar e notificar a resolución de concesión será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase e se notificase a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo. Prazo de xustificación da subvención

1. De conformidade co artigo 17 das bases reguladoras, o prazo de xustificación correspondente ao pagamento da parte da renda de cada unha das doce mensualidades que lle corresponde satisfacer a persoa arrendataria debe realizarse dentro do dez primeiros días naturais de cada mes. A tales efectos, só será válida a xustificación realizada mediante a achega do extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento no número de conta sinalado pola persoa arrendadora.

2. A axuda complementaria acreditarase coa xustificación da constitución do depósito da fianza, dos contratos de altas de subministros e/ou os xustificantes de pagamento das cantidades pendentes. Esta documentación xustificativa deberase presentar na Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda no prazo de dous meses, a contar desde a data de notificación da resolución da concesión da subvención.

Disposición adicional. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda