Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 49669

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación A Grela 220 kV, substitución T-II (de 50 a 60 MVA), situada no termo municipal da Coruña (expediente IN407A 2015/225-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A subestación A Grela 220/15 kV da Coruña, situada na estrada de Carballo, s/n, polígono industrial A Grela en terreos propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A., dispón na actualidade das seguintes instalacións básicas:

• Catro transformadores de potencia: T-I 220/15/15 kV 60/30/30 MVA, T-II 220/15 kV 50 MVA, T-III 220/15 kV 70 MVA e T-IV 220/15 kV 60 MVA.

• Un parque de 220 kV formado por celas blindadas illadas en SF6 en configuración de dobre barra. Este parque é compartido con R.E.E.

• Un parque de 15 kV formado por cabinas de envolvente metálica e illamento aire, en configuración de dobre barra partida en catro semibarras, unidas por axustes lonxitudinais. Formado por sesenta e tres celas, das cales corenta e catro son de liña, catro son de transformador, dous de servizos auxiliares, tres de axuste transversal, catro de medida de tensión e seis de axuste lonxitudinal de barras.

Segundo. O 24.7.2015, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación A Grela 220 kV, substitución T-II (de 50 a 60 MVA), acompañada do proxecto de execución e da declaración responsable que acredita o cumprimento da normativa que lle é de aplicación.

Este proxecto de execución prevé a substitución do transformador T-II 220/15 kV 50 MVA por outro de dobre secundario 220/15/15 kV 60 MVA na subestación da Grela.

Terceiro. O 15.9.2015, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial), ditou resolución pola cal se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación A Grela 220 kV, substitución T-II (de 50 a 60 MVA), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 8 de outubro de 2015 e no Boletín Oficial da provincia do 25 de setembro.

Durante o período en que a dita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 9.11.2015, a Xefatura Territorial emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación A Grela 220 kV, substitución T-II (de 50 a 60 MVA).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013, e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación A Grela 220 kV, substitución T-II (de 50 a 60 MVA), situada no termo municipal da Coruña.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Unión Fenosa Distribución, S.A., asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), de acordo co establecido no Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación e visado por este colexio con nº 201502569 e data do 9.7.2015; e no cal figura un orzamento de 1.340.771,60 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberase cumprir en todo momento canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas