Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 15 de decembro de 2015 Páx. 46892

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2015, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación do núcleo rural de Vilaboa, sito na parroquia de Antas de Ulla, do concello de Antas de Ulla.

O Concello de Antas de Ulla remite o expediente de referencia e solicita a súa aprobación definitiva, de acordo coa disposición adicional segunda da vixente Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Antas de Ulla dispón dun proxecto de delimitación de solo urbano aprobado o 14.3.1977; rexéndose fóra do seu ámbito polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial aprobadas o 3.4.1991.

I.2. O 30.3.2007 a Dirección Xeral de Urbanismo aprobou definitivamente unha delimitación de núcleo (LUDSNR0623) que contén a parte histórico-tradicional do núcleo de Vilaboa (ao norte dos terreos obxecto deste proxecto).

I.3. A tramitación do presente expediente, incluíu:

• 19.3.2014-19.4.2014. Exposición pública, mediante anuncios inseridos en El Progreso, La Voz de Galicia e no DOG. Non se presentaron alegacións.

• 30.4.2014. Aprobación provisional polo Pleno do Concello.

• 5.5.2014. Emisión de informe favorable da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

• 19.6.2014. Requirimento do Servizo de Urbanismo ao Concello, de emenda de deficiencias de tramitación.

• 14.7.2014. Novo acordo de aprobación provisional do Pleno do Concello.

• 29.10.2014 Resolución da SXOTU en que se require ao concello a emenda dunha serie de deficiencias do proxecto.

• 20.7.2015. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC), da Consellería de Cultura. Favorable condicionado á introdución dunha serie de medidas.

II. Análise e consideracións.

II.1. O proxecto delimita o núcleo no subtipo Común do artigo 13 da LOUG, reflectindo o trazado da rede viaria pública e os espazos reservados para dotacións e equipamentos públicos. Tamén regula as condicións de usos e edificación e identifica os elementos patrimoniais e medidas correctoras e protectoras de acordo co informe da DXPC.

II.2. Analizado o proxecto, observouse que se emendaron as deficiencias indicadas polo requirimento de 29.10.2014, nomeadamente:

• Acredítase o cumprimento do artigo 13.3.b) da LOUG para o conxunto do núcleo rural. Polas súas características tipolóxicas, do viario, das edificacións, etc, considérase coherente considerar a totalidade do núcleo dentro do subtipo Común.

• O núcleo delimitado pode ser considerado como a parte de subtipo Común do núcleo tradicional de Vilaboa, que consta no nomenclator oficial nesta parroquia.

• Solicitouse informe favorable da DXPC, e incorporáronse no proxecto as medidas correctoras e protectoras sinaladas por este.

• Gráfanse as aliñacións dun xeito máis lexible.

• Introdúcense as correccións que o requirimento da SXOTU sinalaba en canto ás condicións de uso da normativa do proxecto.

• Introdúcense as correccións que o requirimento da SXOTU sinalaba en canto ás condicións de edificación da normativa do proxecto.

• Corríxese a referencia incorrecta aos materiais de cubrición e diversos erros e imprecisións.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto cánto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación do núcleo rural de Vilaboa, sito na parroquia de Antas de Ulla, do concello de Antas de Ulla.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2015

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file