Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 11 de decembro de 2015 Páx. 46509

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (ETX 191/2015).

María Teresa Vázquez Abades, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 191/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de José María Riveiro González contra Dado Dadá, S.L., Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

Auto.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2015.

Antecedentes de feito.

Primeiro. José Martía Riveiro González presentou o 17 de xullo de 2015 demanda de execución contra Dado Dadá, S.L., e instou a execución da sentenza número 448/2014 no procedemento de despedimento número 464/2014 seguido ante este xulgado e ditada o día 2 de outubro de 2014, a cal foi parcialmente revogada pola sentenza do TSX de Galicia do 4 de xuño de 2015 ditada no recurso de suplicación, e que é firme.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución por auto do 23 de xullo de 2015, por dilixencia de ordenación da mesma data acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 280 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia non asistiu a parte executada nin o Fogasa malia constaren citados. Compareceu a parte executante, quen, aberto o acto, se ratificou na demanda executiva e solicitou o recibimento do preito a proba, practicáronse as probas propostas e admitidas co resultado que consta en autos e, tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados.

Primeiro. Resulta probado e así declárase que nos autos de despedimento número 464/2014 seguidos ante este xulgado se ditou sentenza do 2 de outubro de 2014, cuxa decisión é do teor literal seguinte: «Que estimo a demanda presentada por instancia de José María Riveiro González, asistido pola letrada Sra. Verde Crespo, contra a entidade Dado Dadá, S.L., representada pola súa administradora Mª Carmen Eijo Blanco e asistida polo letrado Sr. López Fernández, contra o Auditorio de Galicia, asistido e representado polo letrado Sr. González Concheiro e contra Fogasa, que non comparecen malia estaren debidamente citados, sobre despedimento, e en consecuencia debo declarar e declaro a improcedencia do despedimento con condena das demandadas a que readmitan inmediatamente o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento, con aboamento dos salarios de tramitación (calculados a razón de 41,5 €/día) ou ben, á elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento da cantidade de 26.273,7 euros en concepto de indemnización.

A dita opción deberá exercerse en 5 días a partir da notificación desta sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o dito termo sen que o empresario tivese optado, entenderase que procede a readmisión».

Dáse por integramente reproducido o contido da citada sentenza que consta en autos, onde consta o salario regulador do executante para os efectos do despedimento –41,5 euros diarios– e antigüidade –9 de setembro de 1999–.

Na sentenza ditada polo TSX de Galicia o 4 de xuño de 2015 no recurso de suplicación estimouse parcialmente o recurso e revogouse en parte a sentenza de instancia no sentido de desestimar a demanda contra o Auditorio de Galicia e absolver este de todos os pronunciamentos deducidos na súa contra.

Segundo. A executada Dado Dadá, S.L. non procedeu á readmisión do executante, e non presentou escrito en que efectuase a opción no prazo conferido legalmente para tal efecto.

Razoamentos xurídicos.

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante ET), en caso de declararse a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso– entenderase que procede a readmisión. Polo tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola que o lexislador lle permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante LRXS).

O artigo 281 LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da dita resolución, acordará que se aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos números un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Corresponde pois á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario suporía obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados ut supra resultan da documental que consta en autos procedente do procedemento declarativo de que dimana a presente execución, cuxa reprodución solicitou a parte executante no acto da comparecencia. A parte executante acreditou a través das ditas probas a improcedencia do despedimento e a obriga da executada de optar ben pola readmisión ben pola indemnización nos termos sinalados na sentenza, así como a falta de exercicio da dita opción, por non se presentar o escrito correspondente no prazo conferido na sentenza, polo que debe entenderse que a empresa optou en realidade pola readmisión conforme o indicado na decisión da sentenza.

Nada acreditou, non obstante, a executada en relación coa readmisión do executante, pois, dada a súa actuación procesual, non despregou actividade probatoria, de modo que non cumpriu coa carga probatoria que lle incumbe, que é a efectiva e correcta readmisión do traballador nos termos sinalados na sentenza de despedimento.

Con base na valoración conxunta da proba practicada e os preceptos legais ut supra citados, procede declarar a extinción da relación laboral na data da presente resolución, e condenar as executadas ao aboamento das percepcións económicas previstas nos números 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2 apartados b) e c) da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que deberá calcularse na data da presente resolución, deberá selo na forma establecida na disposición transitoria quinta da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (anterior disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012). No presente caso, tendo en conta que a indemnización resultante desde a data do contrato ata a da presente resolución non é superior a 720 días de salario, debe fixarse como importe indemnizatorio o de 28.299,93 euros, e 23.323 euros de salarios de tramitación.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe observarse o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva.

Declaro extinguida na data da presente resolución a relación laboral que unía a José María Riveiro González con Dado Dadá, S.L. e condeno a Dado Dadá, S.L. a aboarlle a José María Riveiro González a suma de 28.299,93 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral e a suma de 23.323 euros en concepto de salarios de tramitación.

Notifíqueselles ás partes e ao Fogasa a presente resolución, facéndolles saber que contra esta poden interpor recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina Paula Méndez Domínguez, maxistrada titular do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada. A letrada da Administración de xustiza.

Dilixencia. Seguidamente cúmprese o ordenado. Dou fe.

E para que lle sirva de notificación en legal forma a Dado Dadá, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2015

A secretaria xudicial