Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 11 de decembro de 2015 Páx. 46452

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 4 de decembro de 2015 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos.

O 18 de novembro de 2015 entrou en vigor o Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O dito departamento será o responsable de materializar as políticas impulsadas pola Xunta de Galicia no eido competencial en materia de infraestruturas, mobilidade e vivenda, co fin de contribuír decisivamente a unha nova etapa de crecemento e desenvolvemento económico da nosa comunidade autónoma.

A actividade administrativa da Consellería de Infraestruturas e Vivenda leva consigo unha concentración de funcións na súa persoa titular que aconsella, dado o seu volume, acudir á delegación de competencias en diversos órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

A nova organización desta consellería persegue facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa, o que, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización da Administración, require efectuar unha delegación de competencias que ordene a actuación administrativa.

En consecuencia, en virtude das atribucións que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e os artigos 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro. Administración de persoal

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería o exercicio das facultades que lle corresponden ao titular da Consellería en materia de persoal, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación.

Segundo. Contratación

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) O inicio do expediente de contratación.

b) A aprobación dos pregos de cláusulas administrativas particulares.

c) A aprobación do expediente de contratación, así como a aprobación e disposición do gasto correspondente.

d) Dispoñer, de ser o caso, a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro.

e) A adxudicación e formalización dos contratos.

f) O exercicio da prerrogativa da súa interpretación e resolución das dúbidas que ofreza o seu cumprimento. A aprobación das súas modificacións cando concorran os supostos previstos na normativa de contratación.

g) Acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se delegan expresamente no punto 3.

h) As atribuídas á persoa titular da Consellería pola normativa vixente en materia de encomendas de xestión.

2. No ámbito das competencias da Secretaría Xeral Técnica, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da Consellería polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, respecto dos contratos menores.

b) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

3. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación no ámbito de competencias desta dirección xeral:

a) As atribuídas á persoa titular da Consellería polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, respecto dos contratos menores.

b) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

c) A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

d) A realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento.

e) A súa dirección, inspección e control, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 97 do Regulamento da Lei de contratos das administracións públicas.

Terceiro. Xestión financeira e orzamentaria

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñerlle á persoa titular da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos:

a) Aos gastos de persoal.

b) Aos gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos, que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da Consellería.

c) Aos créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos, agás os derivados de contratos menores correspondentes a competencias delegadas no/a director/a xeral.

2. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, no ámbito das súas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación.

b) Cos créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

3. Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a da Consellería e na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de «gastos por xustificar», sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

4. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables nos que se reflicten as correspondentes fases dos gastos. Correspóndelles ás persoas titulares dos órganos directivos da Consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen a mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Cuarto. Xestión patrimonial

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Consellería.

Así mesmo, tamén se delega na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da Consellería en materia de expropiación forzosa.

Quinto. Axudas e subvencións

1. Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a da Consellería o exercicio das facultades que a normativa en materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva lle atribúe a persoa titular da Consellería, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

2. Delégase nas persoas titulares dos órganos directivos da Consellería o exercicio da competencia para iniciar e resolver, nos seus respectivos ámbitos competenciais, o procedemento sancionador por infraccións leves e graves en materia de axudas e subvencións.

Sexto. Recursos e reclamacións

1. Delégase no/a secretario/a xeral técnico da Consellería o exercicio das facultades seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da Consellería e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Iniciar e resolver os procedementos de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Resolver as reclamacións previas á vía civil e laboral, así como iniciar e resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) Presentar e dar resposta aos requirimentos que, con carácter previo á vía contencioso-administrativa, xurdan entre a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e outras administracións públicas e presentar os recursos que, de ser o caso, procedan.

2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio da competencia para resolver os recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas en materia de transportes polos órganos territoriais e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

Sétimo. Comisións de servizos con dereito a indemnización

1. Delégase no/a secretario/a xeral técnico da Consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, do/a director/a xeral, dos/as xefes/as territoriais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica da Consellería.

2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

3. Delégase nos/as xefes/as territoriais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial.

Oitavo. Delegacións específicas de competencias

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade as seguintes facultades:

a) A formalización das resolucións, acordos e convenios que se produzan en desenvolvemento e aplicación do Plan de transporte metropolitano de Galicia, agás a dos convenios entre administracións públicas polos que se acorde a constitución das áreas de transporte metropolitano de Galicia.

b) A resolución dos procedementos administrativos que a Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos de Galicia, atribúe á persoa titular da Consellería.

c) A resolución e, se é o caso, formalización dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte por estrada, ou doutros instrumentos mediante os cales se formalice a imposición de obrigas de servizo público.

d) A resolución dos expedientes de modificación dos contratos de xestión de servizos públicos de actividades auxiliares e complementarias do transporte.

Noveno. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto nos artigos 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación no/a secretario/a xeral técnico da Consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra todas as resolucións que diten por delegación.

d) Atribúeselle ao/á secretario/a xeral técnico/a desta consellería o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non estean expresamente delegadas noutros órganos.

e) As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

f) As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Décimo. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Décimo primeiro. Revogación

Queda revogada a delegación de competencias conferida pola Orde do 15 de marzo de 2012 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no que atinxe a materias competencia da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Décimo segundo. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestrutura e Vivenda