Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 4 de decembro de 2015 Páx. 45757

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 177/2015, do 3 de decembro, polo que se extingue a entidade de dereito público Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

O artigo 34.3 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que, no marco das normas básicas do Estado, a Comunidade Autónoma pode regular, crear e manter a súa propia televisión, radio e prensa e, en xeral, os medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins.

Sobre a base da devandita previsión estatutaria, aprobouse a Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que permitiu a posta en marcha duns medios públicos de comunicación audiovisual en lingua galega. Non obstante, o novo marco regulatorio no sector da comunicación audiovisual, introducido pola Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, comportou a necesidade de adecuar o referido réxime xurídico da entidade prestadora do servizo público de comunicación audiovisual á nova lei.

Por iso se aprobou a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que prevé no seu artigo 2 que a entidade á cal se encomenda a xestión do servizo público de comunicación audiovisual é a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., que implica a integración da actividade da Compañía e das súas sociedades nunha única sociedade anónima.

En efecto, a forma xurídica que, de acordo coa Lei 9/2011, debe adoptar a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. é a de sociedade mercantil pública autonómica, baixo a forma de sociedade anónima. O capital debe estar integramente participado pola Comunidade Autónoma de Galicia e, de acordo coa lexislación, gozará de personalidade xurídica propia e autonomía na súa actuación.

Mediante Acordo do 29 de agosto de 2013, do Consello da Xunta de Galicia, desígnase Televisión de Galicia, S.A. como futura Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

En cumprimento da Lei 9/2011, resulta necesario continuar o proceso que permita a entrada en funcionamento da futura sociedade pública prestataria do servizo mediante a extinción da entidade de dereito público Compañía de Radio-Televisión de Galicia, prevista na propia lei, e o traspaso de todos os seus activos e pasivos a Televisión de Galicia, S.A. como futura Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., excepto as accións desta, que pasarán á Xunta de Galicia. Todo iso, por concluírse que todos os activos e pasivos resultan necesarios para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual.

Na súa virtude, de acordo co artigo 55.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por iniciativa da Secretaría Xeral de Medios, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do tres de decembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. De acordo coa disposición transitoria primeira da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, apróbase a transmisión dos activos e pasivos necesarios para a prestación do servizo público de radio e televisión a Televisión de Galicia, S.A., designada como futura Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., en virtude do Acordo do 29 de agosto de 2013, do Consello da Xunta de Galicia.

2. Os indicados activos e pasivos obxecto de transmisión veñen constituídos polo conxunto dos bens, dereitos e obrigas pertencentes á Compañía de Radio-Televisión de Galicia, por resultaren todos eles necesarios para a prestación do servizo público de radio e televisión excepto os previstos no punto seguinte.

3. As accións de Televisión de Galicia, S.A., que constitúen o seu capital social e que ata o momento pertencían á Compañía de Radio-Televisión de Galicia, incorporaranse desde o momento da entrada en vigor deste decreto á Administración xeral da Comunidade Autónoma en cumprimento do artigo 7.2 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, e de acordo co artigo 89.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia.

4. A Compañía de Radio-Televisión de Galicia formalizará a transmisión dos activos e pasivos indicados no número 2 deste artigo á Televisión de Galicia en escritura pública. A escritura pública en que se execute a operación recollerá como data de efectividade desta a do 31 de decembro de 2015.

Artigo 2

A Corporación RTVG comenzará a exercer a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión o día 1 de xaneiro de 2016, día seguinte a aquel en que se produza o outorgamento da escritura pública na cal se execute a operación referida no artigo 1, número 4.

En canto non teña lugar a transmisión de activos e pasivos establecidos neste decreto, a prestación do servizo público seguiralle correspondendo á Compañía de Radio-Televisión de Galicia e á sociedade Televisión de Galicia, S.A.

Artigo 3

De acordo coa disposición transitoria segunda da Lei 9/2011, no momento da efectividade da achega de activos e pasivos necesarios para a prestación do servizo público a que se refire o artigo 1 deste decreto, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia quedará extinguida e liquidada e quedarán suprimidos os seus órganos.

Disposición adicional primeira. Réxime de persoal

1. Todo o persoal da entidade de dereito público Compañía de Radio-Televisión de Galicia se incorporará á Corporación RTVG cando esta comece a exercer a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión o día 1 de xaneiro de 2016, de acordo co establecido neste decreto e de acordo co disposto no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

2. A Corporación RTVG quedará subrogada nos dereitos e obrigas laborais e da Seguridade Social da Compañía de acordo co disposto no artigo 44 antes citado. O persoal asignarase á estrutura da Corporación RTVG segundo o que dispoña a súa dirección xeral ata que teña lugar a modificación do seu cadro de persoal de acordo co previsto no punto seguinte desta disposición.

3. As modificacións do cadro de persoal da Corporación RTVG que, se é o caso, sexan necesarias para dar cumprimento a este decreto no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal serán aprobadas polo órgano facultado para iso conforme os estatutos societarios, logo de informe favorable dos órganos directivos da Administración autonómica competentes en materia de orzamentos e de función pública, oídas as organizacións sindicais, se é o caso.

Disposición adicional segunda. Réxime orzamentario e contable

A Administración autonómica e Televisión de Galicia, S.A., a través dos seus órganos competentes respectivos, realizarán as adaptacións orzamentarias e contables que resulten precisas para o cumprimento deste decreto, facendo posible a entrada en funcionamento desa sociedade como futura Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Habilítanse os órganos competentes da Xunta de Galicia, da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e de Televisión de Galicia, S.A. para que promovan e leven a cabo as actuacións administrativas, societarias e contables que sexan precisas para executar o previsto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza