A presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convocou no exercicio 2015, a través da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 11, do 19 de xaneiro), axudas para o alugamento de vivendas no marco do Plan de vivenda 2013-2016.
A Área Provincial do IGVS en Pontevedra, órgano encargado da instrución do procedemento, código VI432A, revisou as solicitudes presentadas en prazo ao abeiro da dita resolución e identificou tanto as que se presentaron sen erros e dispoñen da documentación preceptiva, así como aquelas que non reúnen algún dos requisitos exixidos.
De conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requiriranse as persoas solicitantes para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.
Así mesmo, ao tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, o punto décimo segundo da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 dispón que, de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.
Polo exposto,
DISPOÑO:
Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que non están debidamente cubertas e/ou non achegan a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras da Orde do 24 de novembro de 2014 e na resolución de convocatoria. Esta relación achégase como anexo I desta resolución.
Segundo. Facer indicación expresa a todas as persoas solicitantes recollidas no anexo I desta resolución de que son requiridas para que, no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se establece nesta resolución. De non o facer, teranse por desistidas na súa petición, logo de resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, pola que se regula o réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Terceiro. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda de documentación das solicitudes, poderán dirixirse á Xefatura da Área Provincial do IGVS de Pontevedra.
Pontevedra, 27 de novembro de 2015
María Martínez Allegue
Xefa da Área Provincial de Pontevedra