Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 30 de novembro de 2015 Páx. 45112

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2015, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada recuamento LMT, CT e RBT Xinzo-Os Blancos-Baltar, no concello de Baltar (expediente IN407A 2015/45-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas de refencia, que se desagregan no seu proxecto de execución asinado o 1.6.2015 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A petición someteuse a información pública pola Resolución do 23 de xuño de 2015, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, publicada no DOG do 3 de agosto, no BOP de Ourense, do 31 de xullo, no xornal diario La Voz de Galicia, ed. Ourense do 2 de outubro, no taboleiro de anuncios do concello afectado, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización das instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso presentou escrito de alegacións a propietaria do predio nº 2, segundo as numeracións do plano parcelario de proxecto; destas alegacións, que se refiren ao que ela entende como valoración económica insuficiente pola ocupación do seu predio polas infraestruturas proxectadas, déuselle traslado á empresa eléctrica solicitante para os efectos oportunos.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 153.673,78 euros, son as seguintes:

– LMT subterránea a 20 kV de 760 m, con condutor RHZ1 12/20 kV 3×240 Al e con orixe no apoio proxectado na LMT Xinzo-Os Blancos-Baltar con PAS (expediente 2801 AT) e remate na LMT ao CT existente 32AFR8 (área recreativa), con entrada e saída no CT proxectado, manobra exterior estrada Cualedro, de 250 kVA e R/T 20.000/400-230 V.

– LMT aérea a 20 kV de 35 m, con condutor LA 56/54,6 mm2 e con orixe no apoio existente próximo ao CT Fot. Baltar 1 e remate no apoio existente da LMT ao CT área recreativa 32AFR8.

– RBT aerosubterránea, de 10 m en aéreo con condutor RZ, e 385 m en subterráneo con condutor XZ1, derivada do CT proxectado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma Galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do citado Real decreto 1955/2000.

Terceiro. Non se poden aceptar as alegacións presentadas por María Cuquejo Carrasco, titular do predio nº 2 dos afectados, xa que en relación co menosprezo derivado das ocupacións e imposicións de servidumes de paso do tendido eléctrico proxectado non corresponde a esta fase do procedemento entrar na súa valoración, pois iso é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, órgano ao cal se lle remitirá o expediente logo do levantamento das «actas previas á ocupación» e da incorporación das «follas de valoración» contraditorias que presenten as partes.

Cuarto. O proxecto de execución, sobre o cal emitiron informe favorable os servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, e efectuouse a comprobación sobre o terreo do trazado da infraestrutura eléctrica, na cal non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar de utilidade pública, en concreto, o proxecto e conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto antes sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente. Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse en prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Segundo. O representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dará comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 115 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 3 de novembro de 2015

Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe territorial de Ourense