Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 23 de novembro de 2015 Páx. 44235

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Comercio, pola que se modifica a Resolución do 7 de setembro de 2015, pola que se convocan as eleccións para a renovación do Pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo.

Con data 16 de setembro de 2015, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 7 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Comercio, pola se convocan as eleccións para a renovación do pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo.

Na dita resolución, de acordo co previsto no artigo 15 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, establécense as datas e o horario das eleccións dos vogais elixibles por sufraxio do electorado e dos vogais propostos polas organizacións empresariais, e fíxanse os días 10 de novembro e 17 de decembro de 2015, respectivamente.

Transcorrido o prazo para a presentación de candidaturas, con data 23 de outubro de 2015 a Xunta Electoral acordou proclamar as persoas candidatas electas dos grupos presentados, os cales non terán que concorrer ás eleccións de conformidade co establecido no punto décimo primeiro da resolución de convocatoria que sinala que, cando o número de candidatos proclamados por un grupo resulte igual ao dos membros que se deba elixir, a súa proclamación equivalerá á elección e esta non terá que efectuarse.

Así, de acordo con esta previsión, continuáronse os seguintes trámites para que as persoas electas tomen posesión como membros do Pleno nos termos e prazos previstos no Decreto 431/2009, do 19 de novembro, prazo que finaliza o 26 de novembro de 2015.

Neste contexto, o artigo 47 sinala respecto ás eleccións para elixir os membros do Pleno, por proposta das organizacións empresariais, que se realizarán na sede da Cámara, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao do remate do prazo para a toma de posesión.

Por outra banda, o anexo VII-5 da dita resolución establece o modelo normalizado de papeleta de votación para o sufraxio por proposta das organizacións empresariais, en que se indica que en cada papeleta impresa deben figurar os apelidos e nome ou, se é o caso, razón social, ordenados alfabeticamente, de cada unha das persoas candidatas proclamadas.

A dita previsión non se axusta ao establecido no artigo 47.3 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, segundo o cal, no caso de que se presente máis dunha lista de organizacións empresariais, a orde de cada unha delas na papeleta se determinará por sorteo en cada xunta electoral. E, no caso de que as organizacións empresariais presenten unha lista conxunta, as persoas candidatas figurarán na papeleta na orde proposta polas mencionadas organizacións.

De acordo co anterior, co obxecto de continuar co proceso electoral impulsando os trámites seguintes, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar no punto sexto da resolución a data e horario das eleccións dos vogais propostos polas organizacións empresarias para a renovación do Pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo, que queda fixada para o 30 de novembro de 2015, na sede da Cámara, entre as 12.00 e as 13.00 horas.

Segundo. Modificar o último parágrafo do anexo VII-5, que queda redactado nos seguintes termos: en cada papeleta impresa deben figurar os apelidos e nome ou, se é o caso, razón social de cada unha das persoas candidatas proclamadas. No caso de que se presente máis dunha lista de organizacións empresariais, a orde de cada unha delas na papeleta determinarase por sorteo en cada xunta electoral. E, no caso de que as organizacións empresariais presenten unha lista conxunta, as persoas candidatas figurarán na papeleta na orde proposta polas mencionadas organizacións.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2015

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio